Medio dólar do centenario de Elgin, Illinois "½ Dollar Elgin, Ill., Centennial". Numista.com"Elgin, Illinois Centennial Half Dollar". United States Mint.150x150px150x150pxA/: Detalle do perfil dun pioneiro da estatua do reverso. Lendas: PIONEER / IN GOD WE TRUST / 1673-1936.R/: Imaxe dunha familia de pioneiros de Elgin, Illinois. Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / PIONEER - MEMORIAL / ELGIN ILLINOIS / E PLURIBUS UNUM / HALF DOLLAR Data: 1936. Ceca: Casa da Moeda de Filadelfia (sen marca). Gravador: Trygve Rovelstad. Aliaxe: prata (90 %) e cobre (10 %). Tiraxe total: 20.000 pezas (+ 15 para a Assay Commission). Diámetro: 30,61 mm. Peso: 12,50 g. Espesor: 2,15 mm. Canto: estriado.

O medio dólar do Centenario de Elgin, Illinois, é unha moeda de prata dese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1936 e cuñada na Ceca de Filadelfia, destinada a conmemorar o centenario da fundación da cidade de Elgin, Illinois."1936 Elgin Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com

A moeda foi deseñada polo escultor local Trygve Rovelstad. O seu anverso representa a cabeza idealizada dun pioneiro e o reverso amosa un grupo de pioneiros, baseado nun conxunto escultórico que o propio Rovelstad esperaba construír como monumento conmemorativo dos que colonizaron Illinois, pero que non se erixiu en vida.

Rovelstad oíra falar doutros intentos de obter a autorización para cuñar moedas conmemorativas como medio de financiamento de proxectos altruístas —de feito ese mesmo ano emitíronse 18, con diferentes motivos—. En 1935, a través do seu congresista, logrou que se presentase na Cámara de Representantes un proxecto de lei para a creación dunha moeda conmemorativa do centenario de Elgin, que se celebraba aquel ano. Rovelstad esperaba que a moeda proposta representase aos pioneiros e supuxese unha fonte de fondos para o monumento conmemorativo que proxectaba erixir. O comerciante de moedas texano Lyman William Hoffecker —que o ano anterior impulsara e distribuíra o medio dólar Old Spanish Trail— soubo do proxecto e púxose en contacto con Rovelstad para lle ofrecer a súa axuda.

O proxecto de lei para a moeda de Elgin non se aprobou ata 1936. Do máximo de 25.000 exemplares autorizados pola lei, Hoffecker puido vender unhas 20.000 moedas, e as 5.000 restantes foron devoltas á Casa da Moeda para a súa fundición. De xeito diferente a outras moedas conmemorativas da época, esta non foi comprada por comerciantes e especuladores, senón que se vendeu directamente a coleccionistas.

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou a moeda de Elgin como unha das conmemorativas estadounidenses máis salientables.

Prolegómenos Elgin está situada nas beiras do río Fox, en Illinois, a uns 48 km ao oeste de Chicago. Foi fundada en 1835 por James e Hezekiah Gifford. Adquiriu a condición de vila en 1847 e a de cidade en 1854. Neste último ano fundouse unha empresa reloxeira —a Elgin Watch Company— que lle deu sona á cidade, que tamén destacaba pola produción de ferramentas, zapatos e produtos de madeira.Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 126-127.

O escultor local Trygve Rovelstad (1903-1990), fillo de inmigrantes noruegeses, tiña o desexo de erixir un conxunto escultórico en Elgin como monumento aos pioneiros que colonizaran Illinois. Os dirixentes da cidade aprobaron o proxecto e en 1934 colocáronse os alicerces do monumento en Davidson Park, o lugar onde se instalara a primeira cabana dos Gifford.Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 127. Rovelstad non puido xuntar o diñeiro necesario para construír e erixir a estatua, pero ao se informar das diversas emisións de moedas conmemorativas que se estaban a producir, considerou que ese podería ser un bo xeito de financiamento. O escultor presentou un proxecto de lei no Congreso en maio de 1935 para autorizar a emisión de medio dólar con motivo do centenario de Elgin e na honra dos pioneiros mais, nun principio, o proxecto non se tomou en consideración.Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 351-352.

A noticia do proxecto de lei apareceu publicada en xullo de 1935 na revista The Numismatist, editada pola American Numismatic Association (ANA), e o 11 de xullo, o comerciante numismático Lyman W. Hoffecker escribiu ao Comité Monumental do Centenario de Elgin para se interesar sobre como estaba prevista no proxecto de lei a distribución das moedas. Hoffecker tiña un establecemento comercial de venda de moedas en El Paso, Texas, e daquela presidía o comité da súa cidade natal que se encargaba de comercializar o medio dólar Old Spanish Trail, emitido en 1935.Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 180. Aínda que algunhas conmemoracións recentes provocaran a protesta dos coleccionistas porque se permitira que os especuladores comprasen grandes cantidades das novas emisións, a Hoffecker recoñecíaselle ecuanimidade na distribución da peza do Old Spanish Trail.Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 106.

Na correspondencia entre ambos, Hoffecker deulle a Rovelstad unha serie de consellos sobre como tratar co Congreso, baseados na súa experiencia. Aínda que o proxecto de lei seguía atrancado na Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, Hoffecker aconsellaba que facer despois de que fose aprobado. El aínda non sabía que Rovelstad era escultor, e en setembro de 1935 escribiulle sobre os modelos que debía presentar para a súa aprobación: "Deben ter 10 polgadas [25,4 cm] de diámetro, e aquí é onde empezan os teus problemas. Todos estes escultores queren incorporar as súas propias ideas no deseño e piden entre 400 e 1.000 dólares polo seu traballo, argumentando o que custa conseguir a aprobación da Comisión de Belas Artes e moitas outras cousas que non existen". Hoffecker tamén se ofreceu a encargarse da emisión para a Comisión; propuxo adiantar o diñeiro necesario para comprar as novas moedas ao Goberno e encargarse da distribución. Afirmou que gozara coa distribución dom medio dólar Old Spanish Trail, aínda que lle mentiu a Rovelstad ao afirmar que non era comerciante de moedas —o selo que Hoffecker utilizou para escribir a Rovelstad poñía "Préstamos e hipotecas" baixo o seu nome—.Swiatek, A. (2012). Páxina 337. Tamén advertiu a Rovelstad: "Non sería bo para ningún dos dous que se correse a voz de que me cederas toda a emisión".

En outubro de 1935, Hoffecker fixo unha oferta formal, baseada no proxecto de lei, que pedía 10.000 exemplares do medios dólar: pagaríalle 12.000 dólares ao Comité Monumental do Centenario de Elgin e vendería as moedas a 2 dólares cada unha. Adiantaríalle á Casa da Moeda o valor nominal das moedas, así como os gastos de produción e envío. Ao vender as moedas, intentaría distribuílas entre o maior número posible de coleccionistas, deixando para máis adiante os comerciantes e especuladores. Rovelstad aceptou por carta en novembro.Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 353-354.

Proceso lexislativo miniatura|O representante republicano por Illinois Chauncey W. Reed, introdutor do proxecto de lei para autorizar a emisión da moeda. O representante de Illinois Chauncey Reed presentara o proxecto de lei relativo á moeda de Elgin a instancias de Rovelstad, e tanto o escultor como Hoffecker traballaron con el para facer avanzar o proxecto no Congreso. En febreiro de 1936, Hoffecker, que fora nomeado polo presidente da ANA, T. James Clarke, para dirixir unha comisión contra os abusos na emisión de moedas conmemorativas, viaxou a Washington, pasando por Chicago polo camiño para visitar a Rovelstad. Os dous homes esperaban que se lles autorizase a tiraxe limitada a 10.000 unidades que figuraba no proxecto, para así poderen vender as moedas a un prezo máis alto. Mais o Congreso non estaba disposto a crear unha moeda conmemorativa cunha tiraxe tan baixa, polo que se tivo que modificar o proxecto para establecer unha cuñaxe máxima de 25.000 exemplares. Hoffecker expresou o seu desexo de que se puidese reducir esta cantidade e instou o escultor a que fixese presión para o conseguir. Hoffecker sinalou que vender 25.000 dólares suporía moito máis traballo e que non poderían alcanzar un prezo tan alto. En 1936 había unha gran cantidade de proxectos de lei para moedas conmemorativas no Congreso, e o comerciante temía que o presidente Franklin D. Roosevelt empezase a vetalas, como xa lle sucedera a el noutra ocasión. Hoffecker visitou Washington dúas veces máis en maio, e unha vez reuniuse alí con Rovelstad, para exerceren presión sobre os membros do Congreso.

Finalmente, o proxecto de lei foi aprobado e convertido en lei pola sinatura do presidente Roosevelt o 16 de xuño de 1936.Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 83. Na versión aprobada esixíase que as moedas se cuñasen nunha soa ceca e levasen a data de 1936, independentemente de cando se cuñasen. Rovelstad, na súa condición de representante do Comité Monumental do Centenario de Elgin, tería que pagar as 25.000 moedas dunha soa vez e non se podería emitir unha cantidade menor. A lei determinaba que as moedas eran "en conmemoración do centenario da fundación da cidade de Elgin, Illinois, e para a erección do heroico Monumento ao Pioneiro", o conxunto escultórico que ideara Rovelstad."Elgin, Illinois Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.

Preparación Hoffecker suxeriu a Rovelstad que intentase dividir a tiraxe entre as tres cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos (Filadelfia, Denver e San Francisco), aínda que admitiu que, a non ser que o Congreso se equivocase na redacción da lei, non era probable que esta idea tivese éxito. Tamén lle dixo a Rovelstad que se puxese en contacto coa subdirectora da Casa da Moeda, Mary M. O'Reilly, e que intentase que as moedas se cuñasen na Ceca de Denver, a máis próxima a El Paso, para minimizar os gastos de envío. Ningunha das dúas propostas prosperou, xa que todas as moedas se cuñarían finalmente na Ceca de Filadelfia.

Ao que Rovelstad presentou os seus deseños para a emisión na Casa da Moeda, enviáronse á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos na procura do seu ditame preceptivo. Os deseños chegaron o 15 de xullo de 1936 e foron aprobados dous días máis tarde, coa petición de que a cabeza do pioneiro do anverso, en vista de tres cuartos —ollando cara a adiante e a un lado—, como a presentara Rovelstad, se puxese de perfil. O escultor accedeu e presentou os modelos de xeso a mediados de agosto; a Casa da Moeda enviou as fotografías á Comisión o 15 de agosto. Dous días máis tarde, o presidente da Comisión, Charles Moore, escribiu a O'Reilly para lle comunicar que o escultor membro da comisión, Lee Lawrie, revisara os deseños e expresara a queixa de que non podía ver que obxecto había detrás dos pioneiros, e de que a arma parecía suxeitarse con torpeza. Lawrie tamén declarou que algunhas das letras debían reforzarse, pero que se á directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, non lle molestaban estas cousas, a moeda debía seguir adiante. Moore indicou que non desexaba demorar a cuñaxe da moeda e transmitiu a recomendación da comisión, coa condición de que a Casa da Moeda fixese o posible por solucionar estes problemas. Coa excepción da posible modificación das letras, non se introduciu cambio ningún.Taxay, D. (1967). Páxinas 215, 219.