A paladina é unha proteína que nos humanos está codificada no xene PALLD do cromosoma 4. A paladina é un compoñente dos microfilamentos que conteñen actina que controlan a forma da célula, a adhesión celular e a contracción.
Descubrimento
A paladina foi caracterizada independentemente por dous grupos de investigadores, primeiro no laboratorio de Carol Otey (en 2000) e despois no laboratorio de Olli Carpén (en 2001). Forma parte da familia miotilina-miopaladina-paladina e pode xogar un importante papel na modulación do citoesqueleto de actina. A paladina, a diferenza da miotilina e a miopaladina, que se expresan só no músculo estriado, exprésase amplamente nas células de orixe mesenquimática.
A paladina (palladin) foi nomeada en honra do arquitecro italiano do Renacemento Andrea Palladio, para salientar a súa localización nos elementos arquitecturais da célula. miniatura|O citoesqueleto eucariota. A paladina é un compoñente da maquinaria deste complexo celular.
Isoformas
Nos humanos parece que existen sete isoformas da paladina, algunhas das cales se orixinan por empalme alternativo. Nos ratos, orixináronse tres isoformas da paladina a partir dun só xene. Estas isoformas conteñen entre tres e cinco copias (dependendo da isoforma) dun dominio de tipo inmunoglobulina e entre unha e dúas copias dun dominio de poliprolina.
Función
A función biolóxica precisa desta proteína non se coñece ben, pero xoga un papel na organización do citoesqueleto, desenvolvemento embrionario, motilidade celular, formación de cicatrices na pel e desenvolvemento das células nerviosas.
Ligamento con enfermidades
Recentemente, demostrouse que o ARN da paladina sobreexprésase en pacientes de neoplasia pancreática, e que a paladina se sobreexpresa e muta nunha forma herdada de cancro de páncreas. A mutación da paladina identificada no cancro pancreático familiar pode ser exclusiva dunha soa familia de América do Norte, xa que esta mesma mutación non se encontrou en ningunha outra poboación europea ou norteamericana noutros dous estudos xenéticos.
Ademais, Salaria et al. demostraron que a paladina se sobreexpresa no estroma non neoplásico de cancro de páncreas, pero só raramente nas células de cancro propiamente ditas, o que parece indicar que o papel da paladina nesta enfermidade pode implicar cambios no microambiente do tumor. Cómpre claramente facer máis investigacións antes de que se chegue a comprender completamente o papel desta proteína na neoplasia.
Tamén se identificaron mutacións causantes de enfermidades nas outras dúas proteínas membros desta familia. As mutacións da miotilina causan unha forma de distrofia muscular das cinturas das extremidades, e as mutacións da miopaladina causan unha forma herdada de enfermidade cardíaca, a miocardiopatía dilatada.
Interaccións
PALLD presenta interaccións coa EZR.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Proteínas