miniatura|Diagrama que mostra a localización das células do músculo liso vascular. miniatura|Células do músculo liso vascular illadas da aorta humana, crecendo e formando unha monocapa en cultivo celular. O músculo liso vascular é o tipo de músculo liso que forma a maior parte da parede dos vasos sanguíneos.
Innervación O músculo liso vascular está innervado polo sistema nervioso simpático por medio de receptores adrenérxicos (adrenoceptores). Os tres tipos presentes son: alfa-1, alfa-2 e receptores adrenérxicos beta-2. O principal agonista endóxeno destes receptores é a noradrenalina (ou norepinefrina).
Os distintos receptores adrenérxicos exercen efectos fisiolóxicos opostos no músculo vascular baixo activación:
Receptores alfa-1. Cando a noradrenalina se une aos receptores alfa-1 causa vasoconstrición (contracción das células do músculo liso vascular facendo diminuír o diámetro dos vasos). Estes receptores actívanse en resposta a un shock ou unha baixada de presión como unha reacción defensiva que trata de restaurar a presión arterial normal. Os antagonistas dos receptores alfa-1 (doxazosina, prazosina) causan vasodilatación (unha diminución no ton do músculo liso vascular con incremento do diámetro do vaso e diminución da presión arterial). Receptores alfa-2. Os agonistas dos receptores alfa-2 no músculo liso vascular orixinan vasoconstrición. Porén, na práctica clínica os fármacos aplicados por vía intravenosa que son agonistas dos receptores alfa-2 como a clonidina orixinan unha potente vasodilatación, que causa unha diminución da presión arterial por activación presináptica dos receptores nos ganglios simpáticos. O efecto presináptico é predominante e supera completamente o efecto vasoconstritor dos receptores alfa-2 no músculo liso vascular. Receptores beta-2. O agonismo dos receptores beta-2 causa vasodilatación e baixada da presión sanguínea (é dicir, o efecto oposto da activación dos receptores alfa-1 e alfa-2 nas células do músculo liso vascular). O uso de agonistas dos receptores beta-2 como axentes hipotensivos está menos estendida debido a efectos adversos como unha innecesaria broncodilatación nos pulmóns e un incremento dos niveis de azucre no sangue.
Función
O músculo liso vascular contráese ou reláxase para cambiar tanto o volume dos vasos sanguíneos coma a presión arterial local, un mecanismo que é responsable da redistribución do sangue no corpo a áreas onde se necesita (é dicir, áreas cun consumo de oxíxeno aumentado temporalmente). Así, a principal función do ton muscular do músculo liso vascular é regular o calibre dos vasos sanguíneos vasculares do corpo. A vasoconstrición excesiva orixina hipertensión arterial, mentres que a vasodilatación excesiva, como ocorre nun shock, leva á hipotensión.
As arterias teñen maior cantidade de músculo liso nas súas paredes que as veas, polo que a súa parede é tamén máis grosa. Isto é porque teñen que levar o sangue bombeado polo corazón a todos os órganos e tecidos que necesitan sangue oxixenado. O recubrimento interno endotelial de ambos os vasos é similar.
A excesiva proliferación de células de músculo liso vascular contribúe á progresión de condicións patolóxicas, como a inflamación vascular, formación de placas, aterosclerose, restenose e hipertensión pulmonar. Estudos recentes mostraron que a maioría das células dunha placa aterosclerótica, que son a causa predominante de ataque ao corazón e moitas apoplexías, son células derivadas das células musculars lisas vasculares.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Célula mural
Ligazóns externas Imaxe do músculo liso das paredes arteriais Músculo liso da parede estomacal
Categoría:Anxioloxía Categoría:Histoloxía