Àlex Rodríguez Dalmau, nado en Sant Hipòlit de Voltregà o 10 de setembro de 1993, é un xogador de hóckey a patíns español, que xoga de dianteiro no CP Voltregà, da OK Liga.
Traxectoria Fillo dun galego orixinario da provincia de Ourense que se instalara en Cataluña durante a infancia, naceu en Sant Hipòlit de Voltregà, onde aprendeu a xogar ao hóckey a patíns seguindo os pasos de seus irmáns Carles e Dani. Ingresou de pequeno no club de hóckey a patíns da súa vila, o CP Voltregà, e pasou por tódalas categorías da canteira ata chegar ao primeiro equipo, co que debutou na OK Liga con 17 anos. Xogou cinco anos na máxima categoría co Voltregà, ata que en 2016 deixou o club barcelonés, despois de 20 anos na súa disciplina.
Fichou entón polo Reus, club no que militou durante as seguintes cinco campañas, gañando unha Supercopa de España e a Liga Europea 2016/17. Marcou máis de 150 goles no club tarraconense e na súa última tempada (2020/21) proclamouse máximo goleador da OK Liga, con 52 tantos, 10 máis que o portugués João Rodrigues, segundo clasificado.
En xullo de 2021 anunciouse a súa fichaxe polo Liceo. Na súa primeira campaña na Coruña marcou 21 goles e repartiu 13 asistencias na liga regular, na que o equipo dirixido por Juan Copa acabou segundo. Xa na pelexa polo título, Àlex Rodríguez tivo un papel fundamental, sendo o máximo goleador dos play-offs con 10 dianas, contribuíndo así a que o Liceo conquistase a oitava liga da súa historia. Xogou unha segunda campaña no equipo coruñés, logrando o subcampionato de liga. En xuño de 2023 o club anunciou que o xogador non seguiría na entidade na vindeira tempada.
Un mes despois oficializouse o seu regreso ao Voltregà.
Palmarés Reus Supercopa de España (1): 2021. Liga Europea (1): 2016/17.
Liceo OK Liga (1): 2021/22. Supercopa de España (1): 2021.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador en ogol.com.br .
Categoría:Nados en Sant Hipòlit de Voltregà Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1993 Categoría:Españois de ascendencia galega Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Cataluña Categoría:Xogadores do H.C. Liceo