O Goberno Militar de Pontevedra é un edificio de finais do século XIX na cidade de Pontevedra deseñado polo arquitecto Alejandro Sesmero.

Localización O edificio está situado no límite sueste do Parque das Palmeiras no centro de Pontevedra.

Historia En 1879 o alcalde de Pontevedra Alejandro Mon Landa propuxo crear unha casa escola para agrupar as escolas de instrución primaria da cidade. En 1882 o arquitecto Alejandro Sesmero presentou o deseño. Debido a que se considerou que o orzamento era demasiado elevado, a execución do proxecto sufriu un importante atraso. A finais de 1885 o alcalde José López Pérez retomou o proxecto e Sesmero retocouno para rebaixar o orzamento. En setembro de 1887 aprobouse a construción do edificio no antigo campo da feira de San Xosé.

As obras adxudicáronse ao construtor José Cons Estévez e empezaron en 1889 e concluíron en abril de 1892. O edificio inaugurouse como escola en agosto de 1892. En setembro dese ano iniciouse no edificio, que se denominou Grupo Escolar Eduardo Vincenti (popularmente Grupo Escolar Las Palmeras), o curso académico de todas as escolas graduadas da cidade reunidas.

O edificio funcionou provisionalmente como Hospital de Campaña no período comprendido entre a derriba do Hospital de San Xoán de Deus da praza de Curros Enríquez e a construción do Hospital Provincial de Pontevedra (1896-1897). Desde 1898 o edificio acolleu a Brigada Topográfica do Goberno Militar de Pontevedra ata que en 1909 foi devolto ao concello. Con todo, o concello de Pontevedra cedeu definitivamente ao Exército o edificio para uso militar en 1913 como sede do Goberno Militar da provincia de Pontevedra.

O 19 de xuño de 1995 o Goberno Militar de Pontevedra transformouse na Delegación de Defensa da provincia de Pontevedra. Algúns anos despois, por orde do 7 de novembro de 2003 a Delegación de Defensa de Pontevedra converteuse como na maioría das capitais provinciais españolas en Subdelegación de Defensa da provincia.

Descrición O edificio foi deseñado inicialmente polo arquitecto Alejandro Sesmero cunha soa altura para evitar as caídas dos nenos ao subir e baixar escaleiras.

Trátase dun edificio de planta rectangular e alongada no que predominan as liñas horizontais. Consta de planta baixa e primeiro piso e tres corpos na fachada principal. Os vans teñen recercados planos rematados en arcos rebaixados. O corpo central está lixeiramente máis avanzado e decorado que os laterais. Na entrada principal destaca o balcón de pedra no primeiro piso apoiado en dúas columnas con capiteis de orde toscana que sosteñen un entaboamento liso.

A fachada traseira ten un deseño similar ao da fachada principal pero ten un corpo central saínte no lugar da balconada e da entrada porticada ao edificio. Está rodeada dun espazo con árbores e xardíns de uso privado para o ministerio de Defensa.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Parque das Palmeiras Ministerio de Defensa de España Cuartel de San Fernando de Pontevedra

Ligazóns externas Ficha da Subdelegación de Defensa en Pontevedra Servizos da Subdelegación de Defensa de Pontevedra

Categoría:Arquitectura civil en Pontevedra Categoría:Goberno de España Categoría:Alejandro Sesmero Categoría:Ministerio de Defensa de España