Agamenón (Ἀγαμέμνων) é unha obra de Esquilo, a primeira da triloxía da Orestíada (Ορέστεια), conformada xunto coas Coéforas e as Euménides. Foi presentada nas Grandes Dionisias do ano 458 a. C. (ano segundo da Olimpiada oitenta), durante o arcontado de Filocles. O corego que a sufragou foi Xenocles de Afidnas. Con dita triloxía tráxica e o drama satírico Proteo, Esquilo obtivo o primeiro premio.Inscrición de mediados do s. IV: [ἐπὶ Φιλο]κλέους / τραγῳδῶν / Ξενοκλῆς Ἀφιδνα(ῖος) ἐχορή(γει) / Αἰσχύλος ἐδίδασκενhypothesis transmitida en manuscritos medievais: ᾿Εδιδάχθη τὸ δρᾶμα ἐπὶ ἄρχοντος Φιλοκλέους ὀλυμπιάδι τι΄ ἔτει β΄: πρῶτος Αἰσχύλος ᾿Αγαμέμνονι, Χοηφόροις, Εὐμενίσι, Πρωτεῖ σατυρικῷ' ἐχορήγει Ξενοκλῆς ᾽Αφιδναῖος.
Introdución Esquilo narra o regreso de Agamenón, rei de Micenas (aínda que se lle chama rei de Argos cando Argos se refire ao Peloponeso e non á cidade de Argos), da guerra de Troia só para atopar a morte. Agardándoo na casa está a súa esposa, Clitemnestra, que artellou a súa morte en vinganza polo sacrificio da súa filla, Ifixenia. Ademais, durante os dez anos de ausencia de Agamenón, Clitemnestra estabeleceu unha relación adúltera con Existo, curmán de Agamenón e descendente dunha rama desherdada da familia, que está decidido a recuperar o trono que cre que legalmente lle pertence.
Contexto histórico O contexto no que se representou Agamenón é clave para comprender a obra. Esquilo participara nas Guerras Médicas, especificamente na batalla de Maratón. Estes acontecementos consolidaron o desenvolvemento da democracia ateniense, na que xa comezara a destacar a figura de Pericles, quen impulsou a expansión da supremacía da cidade sobre os seus aliados da Liga de Delos. A partir deste momento, Atenas continuou o seu crecemento mediante unha política expansionista, que castigaba as cidades que intentaban abandonar a alianza e anexionaba novas cidades pola forza. Esquilo estaba en desacordo con esta política e, de feito, reflectiuse a súa intención de educar un bo cidadán nesta última triloxía do autor.
Marco mítico Tras a vitoria dos gregos fronte aos troianos, Agamenón disponse a volver a Argos. Durante o tempo que o rei permaneceu fóra, Existo seduciu a Clitemnestra, a esposa de aquel, e ambos planean a súa morte. Cando Agamenón regresa ao seu palacio con Casandra, Existo e Clitemnestra asasínanos aos dous, pois Agamenón anteriormente ofrecera como sacrificio a Ifixenia, a súa propia filla, para obter ventos favorables que levaran aos aqueos a Troia. Despois disto, ambos gobernan en Micenas ata que Orestes chega como vingador de seu pai e os asasina.
Personaxes
Garda: Garda encargado de vixiar a chama que comunica noticias de Troia. Coro: Grupo de anciáns nobres de Argos. Clitemnestra: Esposa de Agamenón e raíña consorte de Micenas. Mentres o seu marido está loitando en Troia, ela faise amante de Existo. Mensaxeiro: Heraldo que trae as noticias da vitoria sobre Troia. Agamenón: Rei de Micenas, irmán de Menelao e fillo de Atreo. Casa con Clitemnestra e ten catro fillos: Orestes, Crisótemis, Electra e Ifixenia. Foi o comandante en xefe dos gregos durante o transcurso da guerra de Troia. Casandra: Princesa de Troia, filla de Príamo, sacerdotisa de Apolo e profetisa maldita. Apolo outorgoulle o don da adiviñación, pero, cando o seu amor foi rexeitado, maldiciuna, facendo que ninguén crese os seus prognósticos xamais. Foi entregada a Agamenón como parte do seu botín de Troia. Era coñecedora tanto do final que esperaba a Agamenón coma do seu propio, pero non podía evitar o seu destino. Na súa chegada a Micenas, intenta avisar reiteradamente a Agamenón, pero nada impide que ambos os dous sexan asasinados por Clitemnestra. Existo: Fillo de Tiestes, o irmán de Atreo. Despois de converterse en amante de Clitemnestra, vive con ela ata o regreso de Agamenón, momento no cal é cómplice no asasinato deste. Isto foi debido a un desexo de vinganza contra a liñaxe de Atreo, pois este desterrara a Tiestes e presentáralle un banquete coa carne dos seus fillos.
Argumento
Prólogo (versos 1-39) A obra comeza co monólogo dun vixía, que leva un ano agardando sobre o tellado do palacio real o sinal da vitoria dos aqueos sobre Troia. Este personaxe pon ao espectador en contexto: láiase de que a súa encomenda se prolonga de máis, e de que a casa de Agamenón esmorece. De súpeto, divísase a esperada luz, e invádeo a alegría; pero axiña esta ledicia se fai menor, cando recorda a situación no palacio e a súa obriga de manter silencio.
Párodo (vv. 40-257) Entra en escena o coro de anciáns de Argos, que non puideron ir á guerra por razón de idade, e transporta ao espectador dez anos atrás. A expedición arxiva atopábase parada en Áulide ante os ventos desfavorables. Entón sucedeu un prodixio: dúas aguias lanzáronse sobre unha lebre preñada e devoraron as súas crías. Esta visión asociouna Calcante cos dous Atridas, Agamenón e Menelao. O masacre das crías da lebre enfureceu a Ártemis, e para calmala Agamenón viuse obrigado a sacrificar a súa filla Ifixenia; aceptou a pesar dos problemas familiares que isto lle podería ocasionar. Mediante este canto o Coro recorda que Zeus leva ao home ao coñecemento a través do sufrimento, e subliña a inexorabilidade do destino.Vílchez Díaz, Mercedes e Francisco Rodríguez Adrados (2006). Esquilo. Tragedias, III. Agamenón. CSIC Nos versos finais o Corifeo dá paso a Clitemnestra.
Episodio 1º (vv. 258-366) Clitemnestra confirma a vitoria dos aqueos, e explica por que ese resplandor lle indica que houbo vitoria: Agamenón e mais ela acordaran que a noticia sería comunicada con sinais deste tipo de monte en monte, dende o Ida ata terras arxivas. A raíña refire o sufrimento que supón que estarán pasando os troianos, e os saqueos que estarán a facer os gregos; desexa que non se guíen pola ambición, pois aínda teñen que regresar. Este sensato pensamento é, para o Corifeo, digno dun home; estas atribucións a Clitemnestra son unha constante na obra.De Miguel Jover, José Luis (1998). Esquilo. La Orestea. Akal.
Estásimo 1º (vv. 367-488) O Coro agradece a Zeus garante da xeníaParis fora acollido en Argos por Menelao, polo que participara da xenía ou hospitalidade deste; pero ao raptar á esposa do seu benfeitor, rompeu este pacto. Zeus garante que isto se cumpra, e polo tanto castiga a Paris coa morte. que castigase a afronta de Paris a Menelao, e explica que aquel levou para Troia a Helena. A continuación, nun ton máis queixoso, deixa entrever a outra cara da moeda: os Atridas, organizadores da guerra, van recibir o odio de quen perdeu os seus familiares no conflito, como pago polas atrocidades que deberon cometer. O Coro remata o canto, logo dunha breve reflexión sobre a aurea mediocritas, mostrando o seu escepticismo sobre o sinal da fin da guerra que Clitemnestra dá por certa.
Episodio 2º (vv. 489-680) Entra en escena o heraldo traendo a noticia da vitoria aquea sobre os troianos: reborda de alegría de poder volver con vida á casa tras arrasar Troia. Clitemnestra reproba a incredulidade do Coro, e prepárase para recibir ao seu esposo: mente sen reparo afirmando que o leva agardando fiel dende que marchou. O Corifeo pregúntalle por Menelao ao heraldo, que lle responde que non se sabe nada da súa nave dende a tempestade que sufriron á volta, da que a nave de Agamenón saíu ilesa.
Estásimo 2º (vv. 681-781) O Coro cualifica a Helena de “destrutora de navíos”, “destrutora de homes” e “destrutora de cidades”, empregando un xogo de palabras;Alsina Clota, José (2017). Esquilo. Tragedias completas. Cátedra desenvolve tamén unha breve fábula na que un león criado co mellor trato nunha casa acaba matando o rabaño do amo, e identifica dito león con Helena, bastante deostada en toda a obra. Finalmente, reflexiona sobre a desmesura e tamén sobre a xustiza, que premia ao virtuoso aínda que sexa pobre, e se aparta do presuntuoso.
Episodio 3º (vv. 782-974) Tras a chegada de Agamenón no seu carro acompañado de Casandra, o Corifeo insinúalle que axiña se decatará de quen se alegra da súa chegada e quen non. Agamenón, tras dar grazas efusivamente aos deuses, ratifica estas palabras: o aprecio que lle tiñan algúns dos aliados resultou ser falso, mentres que Odiseo, que tratou por todos os medios de non ir á guerra, acabou respectándoo moito. Clitemnestra saúda emocionada ao seu marido presentándose como esposa fiel, e relátalle como sufriu durante a súa ausencia e os rumores que sobre ela pendían, e por que non se atopa o seu fillo Orestes en palacio. Pretende ademais que Agamenón entre á casa sobre unha alfombra purpúrea; comeza entón un agón entre os esposos no que Agamenón se nega a entrar deste xeito para non irar aos deuses, mais acaba cedendo ante a insistencia de Clitemnestra.
Estásimo 3º (vv. 975-1034) O Coro ten funestos presentimentos que non pode relatar e que espera que non se cumpran. Reflexiona sobre a mesura e o control que Zeus exerce sobre o universo.
Episodio 4º (vv. 1035-1673)
Clitemnestra e o Corifeo (vv. 1035-1071) Clitemnestra e o Corifeo tratan de convencer a Casandra de que entre tamén a palacio para participar das libacións canda os demais escravos, pero, ante o silencio da troiana, Clitemnestra entra.
Kommós de Casandra e o Corifeo (vv. 1072-1330) Comeza o canto de Casandra, contestado polo Corifeo, que lle fai preguntas porque non a comprende; Casandra entoa cantos fúnebres a Apolo rememorando o asasinato dos fillos de Tiestes e pouco a pouco vai desentrañando un terrible vaticinio, o asasinato de Agamenón a mans de Clitemnestra, que o corifeo non acaba de entender. Entón explica claramente que Agamenón vai ser asasinado e ela mesma tamén. O Corifeo, consternado, compadécea; ela, resignada, entra en palacio.
Corifeo, Coro e Clitemnestra (vv. 1331-1406) miniatura|Clitemnestra dubida antes de matar a Agamenón durmido. Ao seu carón, Existo úrxea para que o execute. Óleo sobre lenzo, 1817, obra de Pierre-Narcisse Guérin. Tras unha reflexión do Corifeo sobre a mutabilidade da felicidade humana, séntense os berros de Agamenón: está sendo asasinado. Entón o Coro, no que se distinguen as intervencións dos doce coreutas, delibera que se debe facer. A continuación, Clitemnestra entra en escena, confesando que matou a Agamenón e como o fixo, e manfesta a súa alegría por telo feito.
Diálogo epirremático entre Clitemnestra, o Corifeo e o Coro (vv. 1407-1576) Clitemestra, exultante, establece un diálogo co Coro. Móstrase satisfeita por vingar o sacrificio de Ifixenia; o Coro, que preferiría morrer antes que presenciar o sucedido, augúralle que vai pagar polos seus actos, pois a familia está unida a Ate.Personificación da ruína.
Escena final: Existo, Corifeo e Clitemnestra (vv. 1577-1673) Aparece en escena Existo, que se gaba de matar a Agamenón en vinganza do engano que sufriu seu pai Tiestes, e se proclama novo soberano de Argos. O Corifeo replícalle que vai ser obxecto do rancor do pobo, e vaticina que Orestes vai regresar para ser o seu executor e o de Clitemnestra. Prodúcese unha disputa dialéctica que non remata nas mans grazas á raíña, que se retira con Existo. Neste punto remata a traxedia.
O mito segundo Esquilo