James Putnam Kimball, nado en Salem, Massachusetts, o 26 de abril de 1836 e finado en Cody, Wyoming, o 23 de outubro de 1913, foi un enxeñeiro de minas, xeólogo e metalúrxico estadounidense, que ocupou o posto de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1885 e 1889.

Traxectoria

Formación e vida académica Logo de cursar o ensino secundario en Salem, Massachusetts, a súa cidade Natal, James P. Kimball iniciou os seus estudos superiores en 1854 na Lawrence Scientific School da Universidade Harvard.Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 147. No verán do ano seguinte trasladouse a Alemaña, para proseguir os seus estudos na Universidade Humboldt de Berlín e na Universidade de Gotinga,"Obituary: J. P. Kimball". En Mining & Scientific Press. 1 de novembro de 1913. Páxina 702. onde se doutorou no outono de 1857.Smith, P. (2012). Páxina 211. Con posterioridade realizou un curso práctico de Minaría e Metalurxia na Universidade de Freiberg, en Saxonia.Evans, G. G. (1892). Páxina 93.

Logo da súa etapa de estudos en Europa, que completou cunha visita a Inglaterra, Kimball retornou aos Estados Unidos e traballou como axudante do profesor de Xeoloxía da Universidade Harvard Josiah Whitney. Alí participou en 1859 nos estudos xeolóxicos das rexións mineiras de chumbo de Wisconsin, de Illinois e do sueste de Iowa.

Despois, cando se fundou o New York State Agricultural College (máis tarde integrado na Universidade Cornell), Kimball ocupou unha praza de profesor de Química e Xeoloxía Económica.

Carreira militar Co inicio da guerra civil estadounidense en 1861, o presidente do Agricultural College, o maior M. R. Patrick, foi nomeado xeneral da brigada de voluntarios e Kimball converteuse no seu xefe de persoal, co rango de capitán, e participou en sete batallas entre 1862 e 1863. Cando o xeneral de brigada Patrick foi nomeado membro da policía militar do Exército do Potomac, o Kimball acompañouno e serviu no Estado Maior.

Enxeñeiro de minas e xeólogo Cando o exército entrou en cuarteis de inverno, Kimball renunciou á súa carreira militar para retomar a súa dedicación á enxeñaría de minas na cidade de Nova York en 1864. Durante as décadas de 1860 e 1870 investigou en minas de carbón e de ferro en Pensilvania, e en minas de prata en Chihuahua, México, así como no oeste de Texas e de Utah. Tamén fixo informes sobre o deseño de plantas, baseándose na práctica metalúrxica europea que el coñecera durante a súa etapa de formación.

Logo do seu matrimonio en 1874, trasladouse a Bethlehem, Pensilvania, onde exerceu como profesor honorario na Universidade de Lehigh ata 1885, aínda que mantiña o seu despacho de enxeñaría en Nova York.

Kimball foi un dos primeiros xeólogos estadounidenses en inspeccionar minas e escribir sobre os recursos minerais de Cuba e de Suramérica. Tamén foi un dos primeiros membros do Instituto Americano de Enxeñeiros de Minas, no que ocupou a vicepresidencia entre 1881 e 1882. No ámbito empresarial chegou a ser presidente da Everett Iron Company, que xogou un papel importante no desenvolvemento de minas no condado de Bedford, Pensilvania, entre 1883 e 1884.

A faceta científica de Kimball deixou a súa pegada en publicacións como o American Journal of Science, e varios dos seus traballos apareceron nas actas do Instituto Americano de Enxeñeiros de Minas.

Director da Casa da Moeda dos EEUU En 1885, o presidente dos Estados Unidos Grover Cleveland nomeou a James P. Kimball como novo director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que desempeñou entre xullo de 1885 e outubro de 1889. Kimball foi autor dun informe no que criticaba a calidade das cuñaxes, que levou a mellorar os equipamentos da Casa da Moeda. Tamén formou parte da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos entre 1895 e 1911, nomeada polo presidente do país para garantir a calidade das cuñaxes.

Vida familiar James P. Kimball casou con Mary Elizabeth Farley o 22 de xullo de 1874 en Cambridge, Massachusetts, con quen dúas fillas e un fillo.

Durante as décadas de 1890 e 1900 retomou a súa actividade como consultor en Nova York e nos seus últimos anos trasladouse a Red Lodge, Montana, onde se instalou xunto coa familia do seu fillo.

Kimball morreu en Cody, Wyoming, o 23 de outubro de 1913. Logo do seu pasamento, a prestixiosa publicación Mining & Scientific Press, de San Francisco, cualificouno como "un dos xeólogos mineiros pioneiros dos Estados Unidos América", autor dun "traballo honorable e limpo".

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Evans, G. G. (1892). Ilustrated History of the United States Mint. Filadelfia. Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. "Obituary: J. P. Kimball". En Mining & Scientific Press. 1 de novembro de 1913. Páxina 702. Smith, P. (2012). "Kimball, James Putman". En American Numismatic Biographies. Páxina 211.

Outros artigos Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

Categoría:Nados en 1836 Categoría:Finados en 1913 Categoría:Nados no condado de Essex, Massachusetts Categoría:Alumnos da Universidade Harvard Categoría:Alumnos da Universidade de Gotinga Categoría:Alumnos da Universidade Humboldt de Berlín Categoría:Alumnos da Universidade de Freiberg Categoría:Profesores da Universidade Cornell Categoría:Profesores da Universidade Lehigh Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América Categoría:Militares dos Estados Unidos de América Categoría:Membros da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos Categoría:Directores da Casa da Moeda dos Estados Unidos