A Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra é un centro educativo universitario adscrito á Universidade de Vigo, con sede en Pontevedra no centro da cidade, no Hospital Provincial de Pontevedra.
Historia A Escola de Enfermaría de Pontevedra tivo o seu xerme na antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios (ATS) da Cruz Vermella, creada en 1974. Esta escola de ATS xurdiu grazas ao impulso do catedrático de instituto e presidente delegado da Cruz Vermella de Pontevedra Marcelino Jiménez Jiménez, do director do Hospital Provincial de Pontevedra Manuel Castro-Rial Canosa e do presidente da Deputación de Pontevedra José Luis Peláez Casalderrey e foi creada pola Deputación de Pontevedra. A Orde Ministerial do 19 de setembro de 1974 do Ministerio de Educación e Ciencia autorizou o funcionamento provisional da Escola.
En 1975, pola Orde do 28 de xaneiro de 1975 autorizouse a creación da Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios Femininos de Pontevedra e fixouse a realización das súas actividades académicas e teórico-prácticas no "Gran Hospital Provincial" da Deputación Provincial, adscribiuse á Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e aprobouse o regulamento da mesma. Algúns meses despois, pola Orde do 2 de abril de 1975, creouse a Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios Femininos na Residencia Sanitaria da Seguridade Social Montecelo de Pontevedra (actual Hospital Montecelo) e adscribiuse tamén á Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e aprobouse o regulamento da mesma.
En 1978, polo Real Decreto 3117/1978, de 10 de novembro, a escola de ATS da Deputación de Pontevedra transformouse en Escola Universitaria de Enfermería e pasou a estar adscrita á Universidade de Santiago de Compostela ofrecendo así estudos universitarios de diplomatura.
En 1990 por decreto da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de segregación de centros e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, no seu artigo 1, a escola pasou a estar adscrita á Universidade de Vigo.
A escola estivo situada no antigo fogar provincial na rúa Serra ata que en 1993 pasou a ter a súa sede na cuarta e quinta plantas do Hospital Provincial de Pontevedra.
Desde setembro de 2011 o centro imparte os estudos do grao en Enfermaría organizado en catro cursos académicos, tras a implantación do Plan Boloña ou Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
Titulacións Na escola impártese o Grao en Enfermaría.
Equipo directivo O director da escola de Enfermaría desde 2010 é Miguel Ángel Piñón Cimadevila. A subdirectora é María Paz Diéguez Montes e a secretaria María Teresa Hermo Gonzalo. O delegado da universidade é Rafael Durán Barbosa.
Organización A Escola de Enfermaría é propiedade da Deputación de Pontevedra, á que lle custa cada ano 500.000 euros.
A escola está rexida por un Padroado composto entre outros membros polo director da escola, o presidente da Deputación de Pontevedra, o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e un delegado da universidade.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Hospital Provincial de Pontevedra Facultade de Fisioterapia de Pontevedra
Ligazóns externas Páxina web da facultade
Categoría:Facultades en Pontevedra