A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra é un centro educativo da Universidade de Vigo con sede en Pontevedra, no campus da Xunqueira.

Historia A Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra foi creada en 1990 polo decreto 416/1990, do 31 de xullo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu artigo 15, coa denominación de Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos de Industrias Forestais. Polo mesmo decreto autorizouse a implantación do título de enxeñeiros técnicos en industrias forestais na escola..

A implantación da escola de enxeñeiros forestais na cidade estivo moi relacionada coa tradición forestal de Pontevedra. A cidade e a comarca de Pontevedra estaban ligadas desde as primeiras décadas do século XX ao sector forestal. A Misión Biolóxica de Galicia, instalouse en Pontevedra en 1928 e o Centro Forestal de Lourizán atopábase en Lourizán desde 1943, ano no que a Deputación de Pontevedra cedera o pazo de Lourizán ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais e que posteriormente en 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes.

O primeiro plan de estudos da escola de enxeñeiros forestais do Campus Universitario de Pontevedra foi aprobado o 16 de xullo de 1991 e a escola empezou a funcionar no curso académico 1991-1992.

Nos seus inicios a escola situouse provisionalmente en instalacións cedidas pola Escola de Profesorado de E.X.B (antiga escola de Maxisterio a carón do río Lérez na avenida de Bos Aires) e non se trasladou á súa sede definitiva, un edificio propio no campus, ata 1996. O 14 de outubro de 1995 o edificio, deseñado polo arquitecto José Ramón Rúa Rodríguez estaba xa case terminado e foi o primeiro edificio construído no Campus da Xunqueira.

En 1999 polo decreto 216/1999, do 15 de xullo, no seu artigo 3, a escola pasou a denominarse Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal.. Posteriormente, en 2011 polo decreto 14/2011, do 3 de febreiro, a escola pasou a denominarse Escola de Enxeñaría Forestal, nome que conserva na actualidade.

En 2019 o grao en enxeñaría forestal da escola converteuse na cuarta titulación universitaria galega en obter o selo internacional de calidade en enxeñería EUR-ACE.

Titulacións Na escola impártese o grao en Enxeñaría Forestal. As especializacións ofertadas son Industrias Forestais e Explotacións Forestais.

Instalacións Os servizos administrativos do Campus Universitario de Pontevedra e o Lugar de Entrega e Recollida de Documentación (LERD) do Sistema Universitario de Galicia están situados na Escola de Enxeñería Forestal. A organización Erasmus Students Network para os estudantes Erasmus tamén ten unha sede en Pontevedra situada na escola.

Equipo directivo O director da escola de enxeñeiros forestais é Juan Picos Martín e a videdirectora Mª Ángeles Cancela Carral. O secretario é José Manuel Casas Mirás.

Actividades A escola organiza e acolle distintas actividades como as Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade. En novembro de 2019 desenvolvéronse no centro as III Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade con distintas conferencias sobre temas como as mareas vermellas, a contaminación luminosa, a conservación de especies como as píntegas ou o oso ou a xestión do monte e a paisaxe.

Cultura O patrón da facultade é san Leandro e a facultade celebra a súa festividade no mes de abril.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Facultade de Fisioterapia de Pontevedra Facultade de Dirección e Xestión Pública de Pontevedra Facultade de Comunicación de Pontevedra Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra

Ligazóns externas Páxina web da facultade

Categoría:Facultades en Pontevedra