Mariya Olégivna Muzychuk (en ), nada o 21 de setembro de 1992, é unha xogadora de xadrez ucraína e Campioa Mundial Feminina de Xadrez de abril de 2015 a marzo de 2016. Tamén é campioa do equipo europeo e mundial con Ucraína en 2013 e gañadora da medalla de bronce na Olimpíada de xadrez de 2012 e 2014 con Ucraína.

Traxectoria Os pais ensináronlle a xogar ao xadrez con dous anos, e aos tres xa coñecía todas as pezas de xadrez. Aos seis anos participou no seu primeiro torneo de xadrez.

Muzychuk gañou a sección para nenas Sub-10 no Campionato de Europa de xadrez xuvenil de 2002 en Peñíscola. En novembro de 2010 clasificouse como a quinta mellor xogadora feminina Sub-20 do mundo.

Conseguiu chegar ao Top 16 do Campionato Mundial Feminino de Xadrez de 2010, mais perdeu contra Dronavalli Harika nun armaxedón despois de empatar nas súas partidas.

Gañou o Campionato Feminino de Xadrez de Ucraína en 2012 e 2013. En 2014 gañou o premio á mellor muller no Masters de Xibraltar.

Converteuse en campioa mundial en 2015. Na primeira rolda empatou coa canadense Yuanling Yuan nos xogos clásicos e derrotouna nos desempates. En segunda rolda empatou coa polaca Monika Soćko nos xogos clásicos e derrotouna nos desempates. En terceira rolda derrotou a excampioa mundial feminina Antoaneta Stefanova nos xogos clásicos por unha puntuación de 1½-½. En cuartos de final derrotou a india Humpy Koneru nos desempates (2½-1½), e venceu a tamén india Dronavalli Harika na semifinal por desempates (3½-2½). Na final venceu a rusa Natalia Pogonina cun resultado de 2½-1½. Coa súa vitoria obtivo o título de Gran Mestra Feminina e clasificouse para a Copa Mundial de Xadrez de 2015 de Bakú (Azerbaidján). Ese ano foi galardoada coa Orde ao Mérito de Ucraína de terceiro grao, polo presidente Petro Poroshenko. Porén, perdeu o título contra Hou Yifan no Mundial do ano seguinte por 3-6.

En 2022 foi convidada a xogar no Club de Xadrez de Paterna, que gañou a liga valenciana.

Estilo de xogo Nas aperturas Muzychuk xeralmente xoga defensa siciliana coas negras, seguido de defensa francesa coas brancas e defensa holandesa coas negras. Ten a capacidade de atopar trucos tácticos inesperados, que ás veces compensan os defectos na súa comprensión posicional. Durante o seu partido polo Campionato Mundial contra Natalia Pogonina, os medios denominárona «Miss Tactics».

Vida persoal Ten unha irmá máis vella, Anna Muzychuk, quen tamén é unha xadrecista de primeiro nivel. Amais do xadrez, as irmás tamén xogan ao tenis de mesa.

Notas

Categoría:Xadrecistas de Ucraína Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados en Lviv