Paderne de Allariz é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Allariz - Maceda. En 2015 tiña 1.486 habitantes segundo o Padrón municipal (1.643 en 2003).
Poboación
Censo total 1.486 (2015) Menores de 15 anos 110 (7.4 %) Entre 15 e 64 anos 758 (51.01 %) Maiores de 65 anos 618 (41.59 %)
Xeografía Emprázase no reborde oriental da depresión de Ourense. Xeograficamente, destacamos a cadea montañosa que percorre o municipio en dirección Norte-Sur, con cimas que superan os 700 metros de altitude. Son dous os ríos que atravesan estas terras: o Gaiola e o Barbaña.
Historia Até 1916 recibía simplemente o nome de Paderne, pero coa reforma da nomenclatura municipal de España de 1916 pasou a chamarse Paderne de Allariz para distinguilo do concello de Paderne.
Patrimonio histórico e artístico Igrexa de San Lourenzo: templo barroco onde o máis sobresaínte é a súa torre, de clara inspiración compostelá. Igrexa de San Salvador de Mourisco: de orixe barroca e de liñas simples. Interior dunha soa nave. Cuberta de madeira e chan de pedra. Bóveda de canón con arcos de medio punto. Posúe tribuna de madeira, excepto as columnas que sosteñen o seu peso, que son de granito. Destaca o retablo maior, do século XVII, onde se atopan importantes pezas de imaxinería como é a talla de San Salvador e imaxes de Cristo en maxestade. Nos laterais, outros pequenos retablos: o da esquerda representa á Virxe do Carme e o da dereita a San Bieito. Igrexa de San Salvador de Solbeira de Belmonte: igrexa barroca de fachada moi sinxela. Interior dunha soa nave con cuberta de madeira. Tribuna de madeira. A porta principal está decorada cunha moldura que a rodea, facendo uns curiosos debuxos xeométricos nas esquinas. No centro do lintel da porta hai unha cuncha de bivalvo aberta. Esta portada está flanqueada por dúas pilastras. Sobre o frontón aparece escrita a data da súa construción: 1789. Ao exterior, destaca o ciborio polo seu peculiar tellado. Conxunto de hórreos de Vilameá: utilizados para gardar o gran. Estrutura rectangular de madeira formada por táboas que permiten a ventilación do interior pero que ao mesmo tempo impiden a penetración da choiva. Sostido todo iso por alicerces de pedra. Teito de tella. Hoxe en día están bastante deteriorados. Cruceiro de Siabal: típico cruceiro galego de data indefinida. A composición radica nunha base a modo de peaña con tres banzos sobre a que descansa un fuste liso poligonal e sobre el unha cruz de pequenas proporcións. Decoración ausente en todo o conxunto. Peto de ánimas de Saá: aséntase sobre unha plataforma de dobre fileira; o corpo inferior, de lados cóncavos, queda separado do superior por medio dunha cornixa, sobre a que se asenta a pequena fornela sen contido na actualidade. Constitúe o remate unha cornixa que serve de base ao pedestal dunha cruz, no que se repite o xogo de liñas do corpo inferior, outorgando ao monumento un sentido harmonioso e contribuíndo á súa estilización. Unha mutilada inscrición informa sobre o seu levantamento: 1800.
Festas San Lourenzo, en San Lourenzo, o 10 de agosto. Santo Antonio, na parroquia de Solbeira, o 13 de xuño. San Miguel, en Cantoña, o 11 e 12 de maio. San Pedro, en Figueiredo, o 29 de xuño. San Marcos de Golpellás a finais de abril. A Pascua en Figueiroá. Feira de Rioseco, en Figueiroá, o 13 de cada mes.
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Paderne de Allariz Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Paderne de Allariz vexa: Lugares de Paderne de Allariz.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas A Torre - Paderne de Allariz
Categoría:Paderne de Allariz