A igrexa de San Bartolomeu é un edificio relixioso católico da cidade de Pontevedra. A igrexa foi construída a finais do século XVII en estilo barroco como lugar de culto e actividades pastorais para o colexio xesuíta contiguo. A igrexa foi dedicada a San Bartolomeu cando se converteu en parroquia en 1836.
Localización O edificio está situado na rúa Sarmiento, preto da antiga Porta de Santa Clara - ou Rocheforte - das antigas murallas da cidade. O colexio da Compañía de Xesús contiguo forma parte hoxe do complexo museístico da cidade, o Museo de Pontevedra.
Historia A igrexa foi construída entre 1695 e 1714 polos xesuítas segundo os planos da súa igrexa do Gesù en Roma. Como parte do complexo do colexio dos xesuítas, utilizouse para as actividades pastorais e espirituais dos estudantes do colexio que os xesuítas dirixiron na cidade entre 1650 e 1767, ano da súa expulsión de España. Foi consagrada e aberta ao culto o 14 de xullo de 1714.
O lugar para a construción da igrexa foi elixido en 1685. Pedro Monteagudo deseñouna, baseándose no modelo da igrexa do Gesù (Roma). A igrexa sobreviviu ao terremoto de Lisboa de 1755, pero engadíronse contrafortes no lado esquerdo para asegurala e reforzar os cimentos.
A igrexa foi convertida en parroquia en 1836, substituíndo e tomando o nome da antiga igrexa de San Bartolomeu o Vello, que ocupaba o lugar onde hoxe se atopa o Teatro Principal de Pontevedra.
Descrición Esta nova igrexa de San Bartolomeu é un edificio grande e solemne e un dos poucos exemplos existentes en Galicia de arquitectura barroca italiana, moi diferente do barroco galego. Con esta igrexa introduciuse en Galicia o chamado Barroco Internacional.
A igrexa ten planta de cruz latina disposta nun rectángulo. Consta de tres naves de tres tramos e un transepto cunha capela principal entre dúas sancristías. Lembra ás igrexas italianas dedicadas ao "Nome de Xesús", como o Gesù de Ferrara, o Gesù de Lecce ou a Igrexa dos Gesuiti de Venecia, entre outras. As naves laterais están cubertas con bóvedas de aresta por tramos e a nave principal con bóveda de canón. A cúpula levántase sobre pendentes. No interior hai importantes esculturas da escola valisoletana, como a Madalena Penitente, da escola barroca de Santiago de Compostela (de Silveira e Gambino) e esculturas de Pedro de Mena.
Nun altar do interior da igrexa hai unha escultura da Virxe do O (Virxe da Expectación), patroa da cidade de Pontevedra.
Na fachada, as seis grandes columnas dóricas, os campanarios e o frontón superior son característicos do barroco xesuítico. Tamén se atopa nela o escudo de armas da familia Pimentel, na parte superior da porta de entrada do colexio un grande escudo de pedra de España e no centro, unha escultura da Virxe María nun nicho.
Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Rúa Sarmiento Igrexas de Pontevedra Arquitectura do Barroco Compañía de Xesús Ligazóns externas Igrexa de San Bartolomeu en Visit-Pontevedra Igrexa de San Bartolomeu en Turismo de Galicia
Categoría:Igrexas barrocas de Galicia Bartolomeu Categoría:Compañía de Xesús