Os recursos educativos abertos ou REA (en , OER) están constituídos por documentos ou materiais dixitais orientados á aprendizaxe e á investigación. A súa principal característica é estar "plenamente dispoñíbel para ser usado por educadores e estudantes, sen a necesidade de pagar regalías ou dereitos de licenza".

O termo foi adoptado por primeira vez en 2002 pola Unesco, organismo que os define como: "A provisión aberta, posibilitada pola tecnoloxía, de recursos educativos para consulta, uso e adaptación por parte dunha comunidade de usuarios para fins non comerciais" (UNESCO, 2015, p. 25).

Definición e natureza miniatura|150x150px|alt=letras O, E e R nuns circos de cores sobre o nome COMMONS|Logo dos OER Commons. Non debe confundirse o concepto de REA co de aprendizaxe aberta ou educación aberta. A diferenza entre estes termos radica en que a educación aberta ou aprendizaxe aberta supoñen implicacións substancialmente maiores que o compromiso de liberar recursos abertos ou o uso dos REA en programas educativos. A educación aberta ou aprendizaxe aberta implican un sistema de aprendizaxe, avaliación e ás veces acreditación, con apoio continuo ao estudantado, programas, por citar algúns exemplos. A aprendizaxe aberta é produto da concepción de educación orientada a eliminar as barreiras para a aprendizaxe e proporcionar oportunidades aos estudantes cun sistema centrado nas súas necesidades específicas.

Existen numerosas definicións para referirse aos REA. Estes inclúen cursos completos, materiais para cursos, módulos, libros, vídeos, imaxes, probas, software e calquera outra ferramenta, material ou recurso utilizados para apoiar o acceso ao coñecemento. Os contidos licenciados de maneira aberta poden ser producidos en calquera medio: papel impreso, recursos audiovisuais ou multimedia para computadoras.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) define aos REA como "materiais dixitalizados ofrecidos libres e abertos a educadores, estudantes e autodidactas para o seu uso e reutilización no ensino, a aprendizaxe, e a investigación. Os REA inclúen contidos de aprendizaxe, ferramentas de software para desenvolver, utilizar e distribuír contidos e recursos de implementación, como as licenzas abertas. Cabe destacar que esta é a definición citada polo proxecto irmán de Wikipedia, a Wikiversidade.

A modo de comparación, o Commonwealth of Learning adoptou a definición máis ampla de Recursos Educativos Abertos (REA) como os "materiais ofrecidos libre e abertamente para utilizalos e adaptalos ao ensino, a aprendizaxe, o desenvolvemento e a investigación".

No proxecto WikiEducator suxírese que os REA refírense "aos recursos educativos (plans de estudo, exames, programas de estudos, módulos de instrución, simulacións, etc.) que están libremente dispoñíbeis para o seu uso, a reutilización, a adaptación e o intercambio". As definicións anteriores expoñen algunhas ideas relevantes dos REA:

Orixe do recurso: Mentres que algunhas das definicións sinalan que o recurso a ser producido debe ter unha finalidade educativa explícita, outros amplían esta orixe e inclúen calquera recurso que potencialmente se poida utilizar para a aprendizaxe (realia). Grao de apertura: A maioría das definicións sinalan que un recurso se colocará no dominio público. Outras estabelecen que o uso se concederá soamente con fins educativos, excluíndo a usos comerciais.

Así mesmo, estas definicións comparten algunhas características comúns:

Cobren tanto o uso e a reutilización, modificación dos recursos e a redefinición dos seus fins. Inclúen o uso libre de profesores e alumnos para propósitos educativos. Abarcan todos os tipos de medios de comunicación dixital.

Unha das varias tensións que existen para chegar a unha descrición de consenso dos REA (como vemos nas definicións anteriores) é se deben determinar o tipo de tecnoloxías. Por exemplo, un vídeo pode ter licenza aberta e utilizarse libremente sen ser necesariamente un vídeo publicado por streaming. Un libro pode ter licenza aberta e utilizarse libremente sen ser un documento electrónico. Esta tensión impulsada pola tecnoloxía está profundamente vinculada co discurso de licenzas de código aberto. para obter máis información, vexa Licenzas e tipos de REA máis adiante neste artigo.

Exemplos miniatura|alt=logo circular con un iceberg con tons azuis|Logo do Galifontes Dada a diversidade de usuarios, creadores e patrocinadores dos Recursos Educativos Abertos, non é sorprendente atopar unha gran variedade de definicións, métodos e requisitos. Por esta razón, pode ser moi útil ter en conta as diferenzas entre as distintas descricións dos REA, xa que describen como se consideran a si mesmos. Para facilitar a comprensión, pódense consultar estes exemplos:

Contidos: Galipedia Documentos: Galifontes Imaxes: Imaxes de Commons Libros: Galilibros Sons: Sons de Commons Vídeos: Vídeos de Commons

Historia miniatura|alt=letras O, E e R en circos verdes sobre Open Educational Resources|Versión alternativa do logotipo OER en inglés. O termo obxectos de aprendizaxe foi introducido en 1994 por Wayne Hodgins e gañou rapidamente seguidores entre os educadores e deseñadores de sistemas de aprendizaxe dixital, que popularizaron a idea de que os materiais dixitais poden ser deseñados para permitir unha fácil reutilización nunha ampla gama de situacións de ensino e aprendizaxe.

O movemento REA orixinouse a partir da evolución da educación aberta a distancia (ODL, polas súas siglas inglés) e no contexto máis amplo da cultura do coñecemento aberto, código aberto, libre intercambio e a colaboración entre pares, que xurdiu a finais do século XX. Os REA e o software libre, por exemplo, teñen moitos aspectos en común. Esta conexión foi estabelecida en primeiro lugar en 1998 por David Wiley, quen introduciu o concepto de contido aberto, por analoxía ao código aberto.

Ao MIT OpenCourseWare atribúeselle o desatar o movemento mundial a prol Recursos Educativos Abertos en 2001 despois de anunciar que ía ofrecer en liña todo o seu catálogo de cursos e o lanzamento deste proxecto en 2002. Nunha primeira manifestación deste movemento, o MIT realizou unha alianza coa Universidade Estatal de Utah, onde o profesor adxunto en tecnoloxía educativa David Wiley creou unha rede de apoio entre pares para a distribución do contido do OCW, a través de comunidades voluntarias de auto-organización de intereses.

O termo "recursos educativos abertos" foi adoptado por primeira vez no Foro da UNESCO sobre o Impacto dos Cursos Abertos de Educación Superior nos países en desenvolvemento, do 2002.

No marco do Congreso Mundial de Recursos Educativos Abertos elabórase a Declaración de París sobre os Recursos Educativos Abertos na que se estabelecen as seguintes recomendacións aos Estados membro:

Fomentar o coñecemento e o uso dos recursos educativos abertos. Crear contornas propicias para o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Reforzar a formulación de estratexias e políticas sobre recursos educativos abertos. Promover o coñecemento e a utilización de licenzas abertas. Apoiar o aumento de capacidades para o desenvolvemento sustentábel de materiais de aprendizaxe de calidade. Impulsar alianzas estratéxicas en favor dos recursos educativos abertos. Promover a elaboración e adaptación de recursos educativos abertos nunha variedade de idiomas e de contextos culturais. Alentar a investigación sobre os recursos educativos abertos. Facilitar a procura, a recuperación e o intercambio de recursos educativos abertos. Promover o uso de licenzas abertas para os materiais educativos financiados con fondos públicos.

En 2005 o Centro para a Investigación e Innovación Educativa (CERI) da OCDE puxo en marcha un estudo que durou 20 meses para trazar unha escala e analizar o alcance das iniciativas relativas aos recursos educativos abertos en canto ao seu obxecto, o contido e o financiamento. O informe “Dar coñecemento de forma gratuíta: A aparición dos recursos educativos abertos”, publicado en maio de 2007, é o principal resultado do proxecto, que involucrou a unha serie de expertos reunidos en 2006.

En setembro de 2007, o Open Society Institute e a Fundación Shuttleworth convocaron unha reunión en Cidade do Cabo á que trinta dos principais defensores da educación aberta foron convidados para colaborar na redacción dun manifesto. A "Declaración de Educación Aberta de Cidade do Cabo" foi publicada o 22 de xaneiro de 2008, instando a gobernos e editores a que os materiais educativos sexan financiados cos fondos públicos dispoñíbeis e sen custo algún a través de Internet. En 2015, na Declaración de Qingdao, estabelécese: "Comprometémonos a formular estratexias e programas de fortalecemento de capacidades sectoriais para aproveitar plenamente o potencial que teñen os REA de aumentar o acceso a oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida e conseguir unha educación de calidade."

Existen antecedentes pedagóxicos para os Recursos Educativos Abertos; un deles está relacionado co artista de performance de orixe alemá Joseph Beuys, quen en 1973 crea a Universidade Libre Internacional para a Creatividade e a investigación Interdisciplinaria (Free International University for Creativity and Interdisciplinar Research). Esta institución foi creada para que as persoas recoñecesen as súas propias capacidades creativas. A súa pedagoxía non era competitiva, ademais de que a oferta académica era aberta e interdisciplinaria, pois nela lindaban os estudos culturais, a socioloxía e a economía, esta última non estando restrinxida á cuestión monetaria, senón a formas alternativas de capital, é dicir, á creatividade das persoas.

Licenzas e tipos miniatura|alt=logo de fondo vermello coas letras GPL e o 3 co texto Free Software e Free as in Freedom|Logo da GNU General Public License Os recursos educativos abertos implican frecuentemente cuestións relacionadas cos dereitos da propiedade intelectual. Así, crese con frecuencia que os contidos que se atopan baixo unha licenza aberta pertencen ao dominio público, e que o seu autor renuncia a todos os seus dereitos sobre ese material. Isto non é así. En verdade, o xurdimento de licenzas abertas ten por finalidade protexer os dereitos de autor dentro de ambientes nos que estes contidos, en especial os dixitais, poden ser non só facilmente copiados senón tamén compartidos en Internet sen a autorización do seu autor.

Os materiais educativos tradicionais, como os libros de texto, están protexidos polas condicións convencionais dos dereitos de autor. Con todo, opcións de licenza alternativas máis flexíbeis apareceron como resultado do labor de Creative Commons, unha organización que ofrece acordos de licenza predefinidos que son menos restritivos que os termos internacionais de copyright estándar de "todos os dereitos reservados". Estas novas opcións convertéronse nunha "infraestrutura de servizo crítica para o movemento OER". Outra licenza, normalmente utilizada polos desenvolvedores de software REA, é a Licenza Pública GNU.

Existe un debate en curso dentro da comunidade REA respecto da idea de que exista unha dependencia implícita sobre a concesión de licenzas explicitamente. Por exemplo, o coñecemento que é de dominio público pode ou non ser considerado como un recurso educativo aberto lexítimo en función de se a ausencia dunha licenza aberta impídelle cumprir cos diferentes criterios de apertura ou non. En relación co debate sobre a concesión de licenzas, tamén se atopa o debate sobre se a reutilización dunha licenza pode ou non indicarse con claridade.