O Toulouse Football Club foi un club de fútbol francés, con sede na cidade de Tolosa. Fundado en 1937, competiu durante anos na Ligue 1, ata que desapareceu en 1967, ao fusionarse co Red Star FC.
Historia O Toulouse Football Club fundouse o 20 de marzo de 1937 e comezou a competir na Division 2. Na tempada 1945/46 rematou segundo no Grupo Sur da Segunda División francesa e foi ascendido á Division 1. Na súa primeira campaña na máxima categoría acabou na 14ª posición. Despois de catro anos ocupando os postos medios da táboa, o TFC conseguiu o cuarto lugar na tempada 1949/50. Con todo, acabou descendendo na seguinte campaña, ao finalizar 17º. Dúas tempadas despois, proclamouse campión da Division 2, regresando así á máxima categoría.
Con Jules Bigot no banco, o Toulouse continuou na metade alta da táboa da Division 1 durante os seguintes anos, conseguindo o subcampionato na campaña 1954/55, por detrás do Stade de Reims. En 1957 acadou unha histórica final da Copa de Francia, onde o seu rival foi o Angers, ao que goleou por 6-3, conquistando así o seu único título, que recolleu das mans de René Coty, presidente da República, o capitán René Pleimelding.
Na tempada 1960/61, o Toulouse participou na nova Copa da Amizade Anglo-Franco-Escocesa, perdendo 6-2 ante o Motherwell. A principios da tempada 1961/62, Jean-Baptiste Doumeng converteuse en presidente do club. Baixo a súa presidencia, o Toulouse alcanzou o quinto lugar na tempada 1963/64.
O 16 de xuño de 1964, Kader Firoud, que xogara no club durante a Segunda guerra mundial, converteuse no adestrador do club. Despois dunha tempada de transición (1964/65) ao final da cal o Tolouse acabou na undécima posición da liga, Firoud ideou un estilo de xogo hiperdefensivo. Na tempada seguinte, o club chegou ata as semifinais da Copa de Francia, onde caeu eliminado na prórroga diante do RC Strasbourg, e acadou un notable cuarto posto na liga, o que lle permitiu acceder á Copa de Feiras para a tempada 1966/67. miniatura|O Toulouse FC na tempada 1952/53, na que se proclamou campión da Division 2. No seu debut na competición europea, enfrontouse ao Dinamo Pitești romanés. O TFC gañou o partido de ida por 3-0, cun gol de Soukhane e dous de Dorsini. No partido de volta anotou un cuarto gol, obra de Wojciak, pero o equipo romanés empatou a eliminatoria con catro goles durante a primeira hora do partido e eliminou ao club francés cun quinto tanto de Mihai Țurcan nos instantes finais.
Esa foi a última tempada do Toulouse FC. O presidente Doumeng buscou en balde financiamento para o club, que finalmente optou por se trasladar a Saint-Ouen e fusionarse co Red Star. Toulouse quedou sen representantes no fútbol profesional ata a década de 1970, cando naceu o Union Sportive de Toulouse, renomeado en 1977 como Toulouse FC.
Palmarés
Copa de Francia (1): 1957. Division 2 (1): 1952/53.
Lista de adestradores
Pierre Cazal (1937–?) Jean Batmale (?) Giuseppe Zilizzi (?) Henri Cammarata (1945–1947) Edmond Enée (1947–1952) Charles Nicolas (1952–1953) Jules Bigot (1953–1958) René Pleimelding (1958–1961) Léon Deladerrière (1961–1964) Kader Firoud (1964–1967)
Notas
Véxase tamén Outros artigos Toulouse FC
Ligazóns externas Datos do club en pari-et-gagne.com .
Categoría:Equipos de fútbol de Francia