Bieito Seara Formoso, nado en Maceda o 13 de marzo de 1960, é un xestor administrativo galego que tivo participación política e chegou a ser alcalde de Maceda durante uns meses.
Traxectoria Veciño de Maceda, estudou no colexio dos Milagres e despois fixo Económicas na Universidade de Santiago de Compostela (1980-1986). Comezou a traballar como empregado nunha xestoría en Ourense. Participou na creación da asociación local Os Cabaceiros na década dos oitenta.
Afiliado ao Bloque Nacionalista Galego en 1982, encabezou porén a candidatura da Unión Progresista de Maceda nos comicios de 1987 e foi elixido concelleiro. Pasou a liderar as listas do BNG nas eleccións municipais na súa vila en 1991, e repetiu como concelleiro, outra volta en solitario. Por ese tempo, Bieito Seara abriu unha xestoría administrativa en Ourense e tamén por aquelas datas comezou a traballar como profesor de instituto, onde aprobou as oposicións en 1991 en formación profesional.
En 1995 recuncou como cabeza de lista, e resultou elixido alcalde grazas ao apoio do único concelleiro do PSdeG, Julio Aldemira. Nove meses máis tarde, en marzo de 1996, Aldemira presentou unha moción de censura, co apoio dos 5 concelleiros do PP, e substituíuno como alcalde.
Posteriormente, en 2005, foi escollido por Anxo Quintana director xeral de Acción social, na Vicepresidencia de Igualdade e Benestar do goberno bipartito (PSdeG-BNG), posto no que permaneceu catro anos. Logo das eleccións autonómicas de 2009, ao verse apartado do poder o BNG, Bieito Seara abandonou a vida política.
En 2022, Santiago Prol publicou un libro sobre el: Conversas co Bieito.
Véxase tamén
Eleccións municipais en Maceda
Notas
Categoría:Alcaldes de Maceda Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Nados en Maceda Categoría:Nados en 1960