Kiruna é un municipio sueco (kommun) do condado de Norrbotten. A súa capital é a cidade de Kiruna. É o concello máis setentrional e o de maior superficie de Suecia.

O leste do municipio está formado po unha paisaxe boscosa, mentres que a parte occidental consiste nunha zona de alta montaña. Ao redor da capital hai rocas con minerais que son a base da economía local pero tamén a causa da transformación urbana da cidade.

Dende a fundación do municipio en 1971 a tendencia de poboación sempre foi negativa, coa excepción da primeira metade dos anos 70 e posteriormente anos soltos. Os socialdemócratas dominaron a vida política do concello ata as eleccións de 2018 e tamén foron parte da meirande parte das coalicións de goberno durante a década de 2000. No mandato de 2018 a 2022 o concello está gobernado por unha coalición integrada polos partidos Centerpartiet, Sjukvårdspartiet, Moderaterna e Kristdemokraterna.

Xeografía O concello está situado no norte da provincia histórica de Laponia e limita ao leste co municipio de Pajala e ao sur co de Gällivare, os dous no condado de Norrbotten. Ao oeste Kiruna limita cos concellos noruegueses de Narvik, no fylke de Nordland, e cos de Bardu, Målselv e Storfjord no fylke de Troms. Ao norte Kiruna foi fronteira co municipio finés de Enontekiö, na rexión de Laponia.

Historia Os restos arqueolóxicos mostran que as primeiras persoas chegaron á zona hai uns 6 000 anos, cando se retirou a capa de xeo da última glaciación.

No ano 1642 atopouse magnetita en Masugnsbyn, onde se abriu a primeira mina de ferro en 1647, e a onde chegaron os primeiros poboadores que non eran saami. A mena de Svappavaara atopouse a finais da década de 1640 ou a principios da de 1650. A primeira mostra de mineral coñecida de Malmberget data da década de 1660, e en 1696 menciónanse por vez primeira as montañas Kiirunavaara e Luossavaara.

A comunidade de Kiruna comezou a medrar a finais do século XIX. Kiruna está na parroquia de Jukkasjärvi, que dende tempos inmemoriais foi fogar dos saami. Durante os séculos XVI e XVII estes dividíronse nas aldeas saami (sameby) de Siggevaara e Tingevaara, pero durante o século XVIII estas dividíronse en catro novos: Siggevaara converteuse en Laevas (Kaalasvuoma) e Gabna (Rautusvuoma), mentres que Tingevaara pasou a ser as aldeas saami de Talma e Saarivuoma. A zona recibiu aos seus primeiros poboadores fino-suecos do Val de Torne (tornedalska) durante a primeira metade do século XVII.

A poboación do municipio era pequena ata que se iniciou a minería a grande escala nos últimos anos do século XIX. A mediados da década de 1880 comezaron as primeiras perforacións de proba en Kirunavaara.

Dende finais do século XVII sabíase que a zona era rica en menas de ferro, pero non sería ata a década de 1890 cando os métodos de minería perminiron a explotación a grande escala. Isto axudou á chegada de moita xente á comunidade. Ese ano fundaríase a compañía mineira Luossavaara-Kiirunavaara Aktiebolag (LKAB) para explotar o ferro da zona.

A cidade de Kiruna fundouse no ano 1900, sendo aprobados oficialmente os planos deseñados por Per Olof Hallman o 27 de abril dese ano.

No ano 1902 completouse a liña ferroviaria de Malmbanan entre Kiruna e Narvik, o que facilitou enormemente a exportación de mineral. A liña Malmbanan foi inaugurada oficialmente polo rei Óscar II o 14 de xullo de 1903. A liña electrificouse en 1915.

A poboación medrou durante o século XX ata que o concello acadou o seu máximo de habitantes nos anos 70, ao superar os 31 000. Tras dúas décadas dun acusado descenso, cara o ano 2005 a poboación estabilizouse e no ano 2024 o municipio tiña 22 426 habitantes.

Notas

Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Norrbotten