Miguel Loureiro Ameijenda, nado na Abeleira (Rodís, Cerceda) o 21 de novembro de 1996, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Fillo de José Manuel Loureiro Cabeza e Ángeles Ameijenda Castro, naceu no lugar da Abeleira, na parroquia cercedense de Rodís, onde a súa familia paterna rexenta dende 1963 o restaurante Casa Loureiro. Seu pai José Manuel xogou tamén ao fútbol, como lateral esquerdo, e pasou pola canteira do Deportivo da Coruña antes de militar en clubs da Terceira División como o Ordes, o Bergantiños ou o Cerceda. A súa familia materna procede da parroquia de Canduas, en Cabana de Bergantiños.
Comezou a xogar ao fútbol aos catro anos nas Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz do Bergantiños. En 2008 fichouno o Deportivo da Coruña para a súa canteira, pero só puido competir uns meses, ata que a enfermidade de Köhler o afastou dos terreos de xogo durante tres anos. De regreso en Carballo, xogou cos equipos cadete e xuvenil do Bergantiños, co que disputou a Liga Galega Xuvenil, e o 24 de agosto de 2013, con só 16 anos, debutou co primeiro equipo na Preferente, saíndo de titular nunha vitoria por 2-1 sobre o Atlético de Riveira na Fieiteira. Marcou o seu primeiro gol o 1 de decembro, contra o Dumbría.
As súas actuacións espertaron o interese de varios equipos, entre eles o Celta de Vigo, que o incorporou para a súa canteira en xullo de 2014. Xogou no equipo xuvenil celeste, co que foi campión da División de Honra na tempada 2014/15.
En agosto de 2015, o club comunicoulle que non contaba con el, polo que asinou polo Pontevedra CF, para xogar inicialmente no filial, o Pontevedra B, na Primeira Autonómica. Con todo, xa esa tempada comezou a adestrar co primeiro equipo de Luisito, co que disputou os seus primeiros encontros. O seu debut co conxunto granate produciuse na primeira rolda da Copa do Rei, contra o Guijuelo. Xogou ademais sete partidos da Segunda División B co primeiro equipo, seis deles como titular. Na súa segunda tempada converteuse en titular indiscutible do primeiro equipo, co que xogou un total de 37 partidos, todos dende o inicio, e clasificouse para a disputa da promoción de ascenso.
En xullo de 2017 asinou un contrato de tres anos co Córdoba, da Segunda División. Debutou na categoría de prata o 20 de decembro de 2017, nunha goleada por 5-0 sobre o Reus. Militou durante dous anos no club andaluz, perdendo a categoría ao remate da tempada 2018/19, ao rematar na penúltima posición. A continuación rescindiu o seu contrato e fichou polo FC Andorra, da Segunda División B. Militou dúas tempadas no club andorrano, disputando un total de 46 partidos e marcando un gol.
En 2021 regresou a Galicia e fichou polo Racing de Ferrol para disputar a tempada inaugural da nova Primeira División RFEF. Indiscutible no once inicial de Cristóbal Parralo, xogou 37 partidos, 36 deles como titular, e clasificouse para a promoción de ascenso, na que o equipo ferrolán caeu ante o Nàstic.
No verán de 2022 fichou polo Lugo, volvendo así á Segunda División. Titular indiscutible para os catro técnicos que pasaron polo banco lugués, foi o xogador de campo máis utilizado da tempada, con 3351 minutos repartidos en 40 encontros. Con todo, non puido evitar o descenso do equipo á Primeira Federación.
En xullo de 2023 foi traspasado ao Huesca, continuando así na categoría de prata. Xogou dous anos no club aragonés, nos que tivo como adestradores ao Cuco Ziganda e a Antonio Hidalgo, ocupando habitualmente a posición de central nunha defensa con cinco xogadores. Disputou un total de 75 partidos e marcou 6 goles.
Para a tempada 2025/26 regresou á disciplina do Deportivo da Coruña, 17 anos despois de deixar a canteira do club. Debutou co primeiro equipo do Deportivo saíndo como titular na primeira xornada de liga, unha vitoria por 1-3 sobre o Granada no Nuevo Los Cármenes. Comezou como lateral, pero axiña se afianzou no centro da defensa titular, formando parella de centrais con Dani Barcia, parente seu ao ser súas avoas curmás. Indiscutible para Antonio Hidalgo, rendeu a un gran nivel e a súa competitividade e carácter foron vitais para que o Deportivo acadase o ascenso á Primeira División. Pechou a súa primeira campaña no equipo coruñés cun total de 40 encontros, 37 deles disputados de xeito íntegro.
Debutou na máxima categoría o 24 de agosto de 2026, na segunda xornada da tempada 2026/27, saíndo de titular contra o Málaga na Rosaleda.
Selección galega Foi convocado pola selección galega para o partido contra Panamá disputado no Estadio de Balaídos o 31 de maio de 2024, que finalizou con derrota (0–2).
Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de de Copa Federación e promoción de ascenso a Segunda División.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesBergantiños2013/14Preferente282--282Pontevedra B2015/16Preferente163--40203Pontevedra2015/16Segunda B7010--802016/17Segunda B350--20370Total club4201020450Córdoba2017/18Segunda14020--1602018/19Segunda19040--230Total club3306000390Andorra2019/20Segunda B26110--2712020/21Segunda B1800010190Total club4411010461Racing de Ferrol2021/221ª RFEF 35 0 1010 370Lugo2022/23Segunda 40 1 00- - 401Huesca2023/24Segunda40330--4332024/25Segunda31310--323Total club7164000756Deportivo da Coruña2025/26Segunda38020--400Total carreira 347 13 1508 0 37013
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com
Categoría:Nados en Cerceda Categoría:Nados en 1996 Categoría:Futbolistas de Cerceda Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do Pontevedra CF B Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do FC Andorra Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia