Víctor Narro Valero, nado en Palma o 27 de maio de 1999, é un futbolista español que xoga como extremo dereito no Gimnàstic de Tarragona, da Primeira División RFEF.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do Mallorca e máis tarde no La Salle, antes de incorporarse á canteira do Villarreal CF en xaneiro de 2017.
Na tempada 2018/19 militou na Terceira División nas filas do CD Roda, club co que o Villarreal mantén un convenio de colaboración. Debutou nunha vitoria por 2-1 ante o Paterna CF e disputou un total de 35 partidos, marcando 3 goles. A continuación regresou ao Villarreal para xogar no equipo C, tamén de Terceira División. Na tempada 2020/21 xogou co Villarreal B na Segunda División B, disputando 21 partidos.
O 31 de xullo de 2021 deixou definitivamente o club e tres días despois o Real Valladolid Promesas, filial do Real Valladolid, oficializou a súa fichaxe para xogar na nova Primeira División RFEF. Xogou 27 partidos co filial e o 13 de novembro de 2021 debutou co primeiro equipo na Segunda División, da man do adestrador Pacheta, nunha vitoria por 3-0 sobre o Fuenlabrada, entrando nos instantes finais como substituto de Álvaro Aguado. Xogou catro partidos máis co primeiro conxunto valisoletano ata o final da tempada.
O 24 de xuño de 2022 foi anunciado como novo xogador do Deportivo da Coruña, tamén de Primeira RFEF, co que asinou un contrato por dúas tempadas. Participou en todos os partidos mentres tivo como adestrador a Borja Jiménez, pero perdeu protagonismo trala chegada de Óscar Cano ao banco, polo que en xaneiro saíu cedido ao Atlético Baleares. No equipo palmesano contou con máis tempo de xogo e contribuíu cun gol e cinco asistencias á salvación do equipo.
Ao remate da tempada o seu contrato co Deportivo foi rescindido e uns días despois anunciouse a súa fichaxe polo Lugo, equipo que viña de descender á Primeira RFEF. No club lucense disputou un total de 32 encontros, 20 deles como titular, pero o equipo acabou lonxe do seu obxectivo do ascenso.
En xullo de 2024 fichou polo Gimnàstic de Tarragona, da mesma categoría.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Valladolid Promesas .
Categoría:Nados en Palma Categoría:Nados en 1999 Categoría:Futbolistas das Illas Baleares Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Villarreal CF C Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Real Valladolid B Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Atlético Baleares Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Gimnàstic de Tarragona