Jonatan Giráldez Costas, nado en Priegue (Nigrán) o 27 de novembro de 1991, é un preparador físico e adestrador de fútbol galego. Desde 2025 é o adestrador do OL Lyonnes, da Première Ligue de Francia. Adestrou durante tres anos o FC Barcelona Feminino, co que gañou un total de 10 títulos, entre eles tres ligas de Primeira División e dúas Liga de Campións. Con el no banco, o club catalán dominou de xeito esmagador o campionato de liga, cun balance total de 87 vitorias, dous empates e unha soa derrota en 90 partidos.

Traxectoria

Inicios Comezou a xogar ao fútbol en equipos vigueses como o Matamá, o Sárdoma, o Coruxo ou o Areosa, pero pronto comezou a decantarse pola carreira de adestrador. En 2012 mudouse a Barcelona para realizar estudos en torno á preparación física e o deporte.

Os seus primeiros pasos foron como analista e preparador físico na canteira do Espanyol, concretamente no equipo cadete. Máis tarde ingresou como preparador físico na Federación Catalá de Fútbol, onde axiña pasou a ocupar o posto de segundo adestrador e seleccionador das seccións femininas sub-16 e sub-19. O primeiro equipo que dirixiu foi a selección catalá masculina sub-12.

Axudante de Cortés Posteriormente incorporouse ao corpo técnico de Lluís Cortés nas categorías inferiores do FC Barcelona, e en xaneiro de 2019 chegou con el ao primeiro equipo feminino trala destitución de Fran Sánchez. Traballou durante as seguintes tres tempadas como axudante de Cortés e tivo un papel importante na planificación dos adestramentos e no deseño de estratexias. Durante esa época, o equipo barcelonés recuperou o seu mellor nivel, gañando de novo os títulos de liga e Copa da Raíña, ademais de acadar a súa primeira final da Liga de Campións en 2019, onde caeu ante o Olympique de Lión. Na tempada 2020/21 o equipo realizou a mellor campaña da súa historia ata entón, gañando o triplete de Liga, Copa da Raíña e Liga de Campións.

Adestrador do FC Barcelona Trala dimisión de Lluís Cortés no banco do Barça o 2 de xullo de 2021, Giráldez foi anunciado oficialmente como novo adestrador do equipo, asinando por unha tempada, levando consigo a Rafael Navarro como segundo técnico. Debutou como adestrador do club catalán nun partido amigable ante o Elche CF, que se saldou cunha esmagadora vitoria por 17-0. Catro días despois goleou por 6-0 á Juventus na primeira edición feminina do Trofeo Joan Gamper.

Durante a súa primeira tempada como adestrador principal dominou de xeito absoluto o campionato de liga, gañando os 30 partidos con 159 goles a favor (unha media de máis de cinco goles por partido) e só 11 en contra. O equipo catalán, no que destacaban xogadoras como Alexia Putellas, Asisat Oshoala, Lieke Martens, Jennifer Hermoso ou Caroline Hansen, gañou tamén a Supercopa de España, na que goleou na final ao Atlético de Madrid por 7-0, e acadou ademais a final da Liga de Campións, caendo por 1-3 ante o Olympique de Lión no partido celebrado no Juventus Stadium de Turín. Por último, gañou a Copa da Raíña, derrotando na final ao Sporting de Huelva, e dominou así de xeito absoluto as competicións nacionais.

Na tempada 2022/23 o equipo de Giráldez volveu conquistar o título de liga de xeito asoballante, con 28 vitorias en 30 partidos e despois de encaixar só 10 goles durante a competición. Chegou de novo á final da Liga de Campións, onde se enfrontou ao VfL Wolfsburg. O encontro, celebrado no Philips Stadion de Eindhoven, comezou co domino do club alemán, que se adiantou con dous goles na primeira parte. Con todo, o Barcelona conseguiu darlle a volta ao marcador no segundo tempo, con dous goles de Patri Guijarro e outro de Fridolina Rolfö. Foi a segunda Champions para o club e o terceiro título da tempada, despois de gañar tamén a Supercopa de España. En outubro de 2023 acudiu á gala do Balón de Ouro, onde recolleu o premio ao mellor club feminino do ano.

Pouco despois anunciou que a tempada 2023/24 sería a súa última campaña no Barcelona, club que abandonaría para iniciar unha nova etapa noutro continente. Despediuse do club catalán con outra actuación histórica, conquistando catro títulos (liga, Copa da Raíña, Supercopa de España e Liga de Campións). Gañou a liga de novo de xeito invicto, mentres que na final europea derrotou ao Olympique de Lión, sendo a primeira vez que o club catalán derrotaba ás francesas.

Washington Spirit En xullo de 2024 converteuse no novo adestrador do Washington Spirit, da National Women's Soccer League dos Estados Unidos. Con este equipo acabou segundo na liga regular, por detrás do Orlando Pride de Seb Hines, e chegou ata a final dos playoffs, onde perdeu tamén contra o Orlando Pride. En marzo de 2025 enfrontouse outra vez ao Orlando Pride na disputa da NWSL Challenge Cup, título que acabou conseguindo na quenda de penaltis.

OL Lyonnes En xuño de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo OL Lyonnes, da Première Ligue de Francia.

Palmarés FC Barcelona Feminino Primeira División (3): 2021/22, 2022/23, 2023/24. Copa da Raíña (2): 2021/22, 2023/24. Supercopa de España (3): 2022, 2023, 2024. Liga de Campións (2): 2022/23, 2023/24.

Washington Spirit NWSL Challenge Cup (1): 2025.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do adestrador no sitio web do FC Barcelona .

Categoría:Nados en Nigrán Categoría:Nados en 1991 Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do FC Barcelona Feminino