As neuropilinas (NRP) son proteínas receptoras que son activas nas neuronas.
Existen dúas formas de neuropilinas no corpo humano, chamadas NRP-1 e NRP-2. As neuropilinas son glicoproteínas transmembrana, que se documentou primeiramente que regulaban a neuroxénese e a anxioxénese ao formaren complexos con receptores da plexina/semaforina de clase 3 e receptores de VEGF/VEGF, respectivamente. As neuropilinas actúan predominantemente como correceptores, xa que teñen un dominio citoplasmático moi pequeno e así dependen de receptores da superficie celular para transducir os seus sinais a través da membrana plasmática. Estudos recentes indicaron que as neuropilinas son multifuncionais e poden interaccionar cunha ampla variedade de receptores transmembrana. As neuropilinas están, por tanto, asociadas con numerosas vías de sinalización incluíndo as que son activadas polo factor de crecemento epidérmico (EGF), o factor de crecemento de fibroblastos (FGF), o factor de crecemento de hepatocitos (HGF), o factor de crecemento similar á insulina (IGF), o factor de crecemento derivado de plaquetas (PDGF) e o factor de crecemento transformante beta (TGFβ). Aínda que as neuropilinas se atopan comunmente na superficie celular, tamén se informou da súa presenza dentro das mitocondrias e o núcleo. Ambos os membros da familia da neuropilina poden encontrarse tamén en formas solubles creadas por empalme alternativo ou por desprendemento de ectodominio desde a superficie celular.
A natureza pleiotrópica dos receptores NRP ten como resultado que estean implicados en diversos procesos celulares, como a guía de axóns e a anxioxénese, a resposta inmunitaria e a remielinización. Por tanto, a desregulación da actividade das NRP foi asociada con moitas condicións patolóxicas, como moitos tipos de cancro e enfermidades cardiovasculares.
Aplicacións
A neuropilina 1 é unha diana terapéutica no tratamento da leucemia e o linfoma, xa que se observou que hai un incremento da súa expresión nas liñas celulares de leucemia e linfoma. Ademais, o antagonismo da neuropilina-1 inhibe a migración e adhesión de células tumorais.
Estrutura
As neuropilinas conteñen os seguintes catro dominios: Dominio CUB N-terminal (para o complemento C1r/C1s, Uegf, Bmp1) Dominio do factor de coagulación de tipo 5/8, C-terminal (dominio de discoidina) Dominio MAM (para a meprina, proteína A-5 e a proteína receptora tirosina foasfatase mu) Dominio C-terminal de neuropilina
A estrutura do dominio B1 da neuropilina 1 determinouse por difracción de raios x cunha resolución de 2,90 Å. A estrutura secundaria deste dominio é nun 5% en hélice alfa e nun 46% en folla beta.
Gráfico de Ramachandran aquí:
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Receptores Categoría:Proteínas de membrana