Manuel Fernández Rey, coñecido como Manolo Petaca, nado en Santiago de Compostela, é un exfutbolista e exadestrador de fútbol galego.

Traxectoria Xogou ao fútbol como centrocampista no Vista Alegre e no Lalín. Dende 1981 compaxinou o labor de xogador do Lalín co de adestrador do equipo xuvenil da SD Compostela.

En 1986 colleu as rendas do primeiro equipo, substituíndo a Dagoberto Moll tralo descenso do equipo á Terceira División. O equipo renovou case completamente o seu cadro de xogadores, mantendo só ao gardameta Paco e ao capitán Villalba, e acabou a tempada no sexto posto. Continuou no banco do equipo compostelán na seguinte tempada, ata que foi destituído o 30 de novembro de 1987, sendo substituído por Arsenio Iglesias. Con todo, regresou só uns meses despois, trala marcha de Arsenio ao Deportivo da Coruña, e ocupou o banco do equipo de Santiago ata o final de tempada.

A continuación regresou ao Vista Alegre, desta vez como adestrador para a tempada 1988/89, pero foi cesado nos primeiros días de 1989, debido aos malos resultados. A continuación adestrou durante tres tempadas ao Flavia, antes de poñerse á fronte do Cacheiras, equipo que mantiña unha colaboración co Compostela. Entre 1993 e 1995 adestrou o Negreira. Foi cesado en abril de 1995, e contratado de novo só un mes despois.

A continuación adestrou durante varios anos ao Atlético Fátima, e pasou brevemente polos bancos do Arousa e o Órdenes, antes de regresar ao Atlético Fátima. Entre 2005 e 2011 adestrou o Escravitude de Padrón.

Fóra do seu traballo en clubs, adestrou durante anos diversas seleccións santiaguesas de categorías inferiores, e en 2001 foi elixido para poñerse á fronte da nova selección feminina de fútbol de Galicia. Nos seguintes anos continuou adestrando nas categorías inferiores da selección feminina.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados no século XX Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Lalín Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores da SD Compostela Categoría:Adestradores do Flavia SD Categoría:Adestradores do SD Negreira Categoría:Adestradores do Arosa SC Categoría:Adestradores da SDC Órdenes Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Galicia