Gerald Archibald Hitchens, nado en Rawnsley, Staffordshire, Midlands do Oeste, o 8 de outubro de 1934 e finado en Hope, Clwyd, Gales, o 13 de abril de 1983, foi un futbolista inglés que xogaba como dianteiro centro.
Traxectoria Comezou a traballar nunha mina de carbón e a xogar ao fútbol no Highley Miners Welfare de Shropshire. Posteriormente xogou no Kidderminster Harriers, antes de fichar polo seu primeiro club profesional, o Cardiff City.
Debutou na primeira división inglesa en abril de 1955, contra o Wolverhampton Wanderers, marcando o seu primeiro gol aos tres minutos. Xogaba daquela como interior pero posteriormente pasou á posición de dianteiro centro, sendo o máximo goleador do equipo nas dúas tempadas seguintes.
En 1957 fichou polo Aston Villa, onde militou as seguintes catro tempadas, marcando 96 goles en 160 partidos. Foi autor de cinco goles na histórica goleada por 11-1 sobre o Charlton Athletic.
Isto chamou a atención do Inter de Milán de Helenio Herrera, que o fichou no verán de 1961 por 85.000 libras. Na súa primeira tempada en Italia foi o máximo goleador do equipo, con 16 goles. O Inter gañou a Serie A en 1963, converténdoo no segundo inglés en gañar o título italiano despois de Jimmy Greaves e o último ata que Ashley Young o fixo co mesmo club 58 anos despois.
Permaneceu nove anos en Italia, xogando tamén no Torino, o Atalanta e o Cagliari.
Selección inglesa Debutou coa selección de Inglaterra en 1961, marcando o seu primeiro gol cando só transcorreran 90 segundos de partido, na goleada por 8-0 contra México. Dúas semanas despois marcou outros dous goles en Roma na vitoria sobre Italia por 3-2. Participou con Inglaterra no Mundial de 1962 en Chile, disputando dous partidos, un deles a derrota nos cuartos de final contra o Brasil de Garrincha, onde formou dianteira xunto con Bryan Douglas, Jimmy Greaves, Johnny Haynes e Bobby Charlton.
Foi o primeiro futbolista en xogar coa selección inglesa, mentres militaba nun equipo estranxeiro. Non obstante, cando Alf Ramsey asumiu o cargo de adestrador de Inglaterra, o período internacional de Hitchens parou, Ramsey preferiu escoller xogadores na casa.
Retirada e morte Retirouse do fútbol profesional en 1971, xogando a continuación no Worcester City e no Merthyr Tydfil, antes de instalarse en Gales, onde xestionou varios negocios.
Morreu en 1983, mentres xogaba un partido de fútbol benéfico en Hope. Segundos despois de rematar de cabeza un centro por encima da trabe, caeu ao chan e foi trasladado ao Hospital Xeral de Wrexham, pero foi declarado morto ao chegar. Tiña 48 anos. As súas cinzas foron depositadas en Holywell o 20 de abril de 1983.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados en 1934 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Futbolistas de Inglaterra Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Inglaterra Categoría:Xogadores do Cagliari Calcio Categoría:Xogadores do Atalanta BC Categoría:Xogadores do Torino FC Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Aston Villa FC Categoría:Xogadores do Cardiff City FC