Tomás Júlio Leal da Câmara, coñecido en Francia como Camara, nado en Panaji no Estado da India portuguesa o 30 de novembro de 1876 e finado o 30 de xullo de 1948, preto de Sintra, foi un pintor e caricaturista portugués famoso no París da Belle Époque.

Traxectoria Câmara chegou a Lisboa con catro anos. Dotado para o debuxo, matriculouse no Instituto de Agronomía e Veterinaria, que abandonou en 1896 para dedicarse á defensa do ideal republicano, xurdido entón no país. Xunto a Bordalo Pinheiro foi un dos máis destacados humoristas gráficos en Portugal.

Desde 1898 publicou numerosas viñetas dirixidas contra a monarquía e a aristocracia. Estas publicacións portuguesas moitas veces foron prohibidas ou afectadas pola censura, e pronto viuse obrigado a exiliarse en Madrid, onde fixo amizade con Rubén Darío, e comezou a publicar en Madrid Cómico.

Alí presenciou o enfrontamento verbal e físico nun café entre os escritores Manuel Bueno Bengoechea e Ramón María del Valle-Inclán o 24 de xullo de 1899. O primeiro agrediu a Valle-Inclán co bastón na cabeza e o brazo, a ferida gangrenouse e provocaría que lle tivesen que amputar o brazo. Segundo o libro publicado en Laiovento por Javier del Valle-Inclán, neto do autor galego, Ramón del Valle-Inclán entre Galiza e Madrid (1912-1925), o portugués tería sido o causante involuntario do incidente, reflectido tamén nunha carta do propio Câmara. Ademais de a Valle-Inclán, en Madrid debuxou a outros galegos como Wenceslao Fernández Flórez e Emilia Pardo Bazán

Leal da Câmara residiu en París de 1900 a 1910, onde participou activamente no movemento anarquista e publicou debuxos e caricaturas en L'Assiette au Beurre. Despois instalouse en Bélxica.

En outubro de 1910, a proclamación da república en Portugal permitiulle volver a casa e estableceuse en Porto. En 1912 expuxo os seus cadros e debuxos nunha galería de Lisboa e nos distintos actos organizados polos Salões dos Humoristas e Modernistas de Porto.

Durante a primeira guerra mundial mantívose preto do grupo de artistas humoristas e non perdeu nada da súa verve satírica.

Regresou a Lisboa en 1922, após dunha viaxe ao Brasil, e alí dedicouse a pintar e ilustrar libros infantís. Desde 1930 e até a súa morte o 30 de xullo de 1948 viviu en Rinchoa, preto de Sintra. A súa vivenda, que fora do Marqués do Pombal , foi transformada por Leal da Câmara e a súa esposa en escola primaria, e hoxe un agrupamento de escolas leva o seu nome . Logo do seu pasamento, a vivenda converteuse en casa museo (CMLC) grazas á súa viúva Júlia de Azevedo (1894-1965). Alén da mostra permanente, a CMLC acolle exposiciòns periódicas, como "Leal da Câmara projetista", de febreiro a maio de 2022.

Un coro do conservatorio de Sintra tamén leva o nome de Leal da Câmara.

Galería Obras

Casa Museu Leal da Câmara

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Anarquismo Belle Époque Valle-Inclán L'Assiette au Beurre Simplicissimus

Ligazóns externas

Categoría:Pintores de Portugal Categoría:Nados en Goa Categoría:Nados en 1876 Categoría:Finados en 1948