A glicoforina A ou glicoforina A (grupo sanguíneo MNS), tamén chamada GYPA, é unha proteína que nos humanos está codificada no xene GYPA do cromosoma 4. Recentemente, á GYPA asignóuselle o nome CD235a como grupo de diferenciación (cluster de diferenciación 235a).
Función As proteínas glicoforina A (GYPA) e B (GYPB) son importantes sialoglicoproteínas da membrana do eritrocito humano que conteñen os determinantes antixénicos dos grupos sanguíneos MN e Ss. Ademais dos antíxenos M ou N e S ou s, que aparecen comunmente en todas as poboacións, identificáronse uns 40 fenotipos variantes relacionados. Entre estas variantes están as do complexo Miltenberger e varias isoformas de Sta, así como Dantu, Sat, He, Mg e as variantes de deleción Ena, S-s-U- e Mk. A maioría son recombinacións xenéticas entre GYPA e GYPB.
Xenómica
GYPA, GYPB e GYPE son membros da mesma familia e están localizadas no brazo longo do cromosoma 4 humano (4q31). A familia evolucionou por medio de dous eventos de duplicación xénica. A duplicación inicial deu lugar a dous xenes, un dos cales despois evolucionou dando GYPA e o outro deu lugar por mor doutro evento de duplicación a GYPB e GYPE. Estes eventos parece que aconteceron nun período de tempo relativamente curto. A segunda duplicación parece que ocorreu por un evento de sobrecruzamento desigual.
O xene GYPA consta de 7 exóns e ten un 97% de homoloxía de secuencia con GYPB e GYPE desde a rexión de transcrición non traducida 5' (UTR) á secuencia codificante dos 45 primeiros aminoácidos. O exón nese punto codifica o dominio transmembrana. Dentro do intrón situado augas abaixo deste punto está unha repetición Alu. O evento de sobrecruzamento que creou os xenes ancestrais a GYPA e GYPB/E ocorreu dentro desta rexión.
A GYPA pode encontrarse en todos os primates, pero GYPB só se encontra nalgúns primates superiores, o que suxire que os eventos de duplicación producíronse recentemente.
Bioloxía molecular
Hai aproximadamente un millón de copias desta proteína en cada eritrocito.Dean L. Blood Groups and Red Cell Antigens [Internet]. Bethesda (MD): National Center for Biotechnology Information (US); 2005. Chapter 12, The MNS blood group. Available from: https://www.ncbi.nlm.nih.gov/books/NBK2274/
Grupos sanguíneos
O grupo sanguíneo MNS foi o segundo conxunto de antíxenos descuberto nos eritrocitos. M e N identificáronse en 1927 grazas aos traballos de Landsteiner e Levine. S e s foron descritos máis tarde en 1947.
As frecuencias destes antíxenos son: M: 78% en caucasoides; 74% en negroides N: 72% en caucasoides; 75% en negroides S: 55% en caucasoides; 31% en negroides s: 89% en caucasoides; 93% en negroides.
Medicina molecular
Transfusións en medicina
Os antíxenos M e N difiren en dous residuos de aminoácidos: o alelo M ten unha serina na posición 1 (C no nucleótido 2) e glicina na posición 5 (G no nucleótido 14), mentres que o alelo N ten unha leucina na psocición 1 (T no nucleótido 2) e glutamato na posición 5 (A no nucleótido 14). Tanto a glicoforina A coma a B únense á lectina anti-N de Vicia graminea.
Coñécense unhas 40 variantes no sistema de grupos sanguíneos MNS. Orixináronse principalmente como resultado de mutacións na rexión de 4 kb que codifica o dominio extracelular. Estas inclúen os antíxenos Mg, Dantu, Henshaw (He), Miltenberger, Nya, Osa, Orriss (Or), Raddon (FR) e Stones (Sta). Os chimpancés teñen tamén o sistema de antíxenos MN. En chimpancés o M reacciona fortemente e o N debilmente.
Mutantes nulos (null)
O fenotipo de individuos que carecen tanto de glicoforina A coma B desígnase Mk.
Antíxeno Dantu
O antíxeno Dantu describiuse en 1984. O antíxeno Dantu ten un peso molecular aparente de 29 quilodaltons (kDa) e 99 aminoácidos. Os primeiros 39 aminoácidos derivan da glicoforina B e os residuos 40-99 derivan da glicoforina A. Dantu está asociado co antíxeno moi débil s, un antíxeno N resistente a proteases e o antíxeno que pode ser moi débil ou non U. Existen polo menos tres variantes: MD, NE e Ph. O fenotipo Dantu aparece cunha frecuencia de ~0,005 en negros norteamericanos e e de < 0,001 en alemáns.
Antíxeno Henshaw
O antíxeno Henshaw (He) orixinouse por unha mutación na rexión N-terminal. Hai tres diferenzas nos tres primeiros residuos de aminoácidos: a forma habitual ten triptófano1-serina-treonina-serina-glicina5 mentres que Henshaw ten leucina1-serina-treonina-treonina-glutamato5. Este antíxeno é raro en caucasianos pero aparece cunha frecuencia de 2,1% en persoas norteamericanas e británicas de orixe africana. Aparece cunha frecuencia do 7,0% en negros de Natal, Suráfrica e do 2,7% en africanos occidentais. Identificáronse polo menos tres variantes deste antíxeno.
Subsistema Miltenberger
O subsistema Miltenberger (Mi) consistía orixinalmente en cinco fenotipos (Mia, Vw, Mur, Hil e Hut) pero agora ten xa 11 fenotipos recoñecidos, numerados do I ao XI (o antíxeno 'Mur' denomínase así polo nome da paciente da que se illou o soro orixinal, unha tal Sra. Murrel.) O nome que se lle deu orixinalmente a este complexo referíase á reacción que tiñan os eritrocitos co antisoro Miltenberger estándar usado nos tests. Os das subclases baseáronse en reaccións adicionais con outros antisoros estándar.
Mi-I (Mia), Mi-II(Vw), Mi-VII e Mi-VIII están situados na glicoforina A. Mi-I débese a unha mutación no aminoácido 28 (treonina cambiada por metionina: C→T no nucleótido 83), que ten como resultado unha perda de glicosilación no residuo de asparaxina26. Mi-II orixinouse por unha mutación no aminoácido 28 (treonina cambiada a lisina: C->A no nucleótido 83). De xeito similar ao caso de Mi-I está mutación ten como resultado unha perda de glicosilación no residuo de asparaxina26. Esta alteración na glicosilación pode detectarse pola presenza dunha nova glicoproteína de 32kDa tinguible con PAS. Mi-VII débese a unha cobre mutación na glicoforina A que converte un residuo de arxinina noutro de treonina e un residuo de tirosina noutro de serina nas posicións 49 e 52 respectivamente. O residuo treonina-49 está glicosilado. Esta parece ser a orixe dun dos antíxenos específicos Mi-VII (Anek), que se sabe está entre os residuos 40-61 da glicoforina A e comprende residuo(s) de ácido siálico unidos a oligosacárido(s) unido(s) O-glicosidicamente. Isto tamén explica a perda dun antíxeno de alta frecuencia (EnaKT) que se encontra normalmente na glicoforina A, que está localizado entre os residuos 46 e 56. Mi-VIII orixinouse por unha mutación no residuo de aminoácido 49 (unha arxinina pasa a treonina). M-VIII ten o mesmo determinante Anek que MiVII. Mi-III, Mi-VI e Mi-X débense a rearranxos nas glicoforinas A e B na orde GlyA (alfa)-GlyB (delta)-GlyA (alfa). Mil-IX, en contraste, é un xene híbrido invertido alfa-delta-alfa. Mi-V, MiV(J.L.) e Sta débense a un sobrecruzamento desigual pero homólogo entre os xenes de glicoforina alfa e delta. Os xenes MiV e MiV(J.L.) están dispostos no mesmo marco 5' alfa-delta 3', mentres que o xene Sta está nunha configuración recíproca 5'delta-alfa 3'.
A incidencia de Mi-I en Tailandia é do 9,7%.
Uníronse á superficie de eritrocitos construtos de péptidos representativos das mutacións Mia MUT e MUR e observouse que poden detectar anticorpos contra estes antíxenos Miltenberger. Estas células así preparadas coñécense como kodecitos (células modificadas coa tecnoloxía KODE).Flower R, Lin P-H, Heathcote D, Chan M, Teo D, Selkirk A, Shepherd R, Henry S. Insertion of KODE peptide constructs into red cell membranes: Creating artificial variant MNS blood group antigens. ISBT Regional Congress, Macao SAR China, 2008. (P-396) Vox Sanguinis 2008; 95:Suppl 1, 203-204
Aínda que é pouco común en caucasianos (0,0098%) e xaponeses (0,006%), a frecuencia de Mi-III é excepcionalmente alta en varias tribos aborixes de Taiwán (ata o 90%). Ao contrario, esta frecuencia é do 2-3% en taiwaneses da etnia han (Minnan). O fenotipo Mi-III aparece no 6,28% dos chineses de Hong Kong.
Mi-IX (MNS32) aparece cunha frecuencia do 0,43% en Dinamarca.
Antíxeno Stones
O Stones (Sta) é o produto dun xene híbrido no cal a metade 5' deriva da glicoforina B mentres que a metade 3' deriva da glicoforina A. Coñécense varias isoformas del. Este antíxeno considérase agora que forma parte do complexo Miltenberger.
Antíxeno Sat
Un antíxeno relacionado é Sat. O seu xene ten seis exóns dos cales os exón I ao IV son idénticos ao alelo N da glicoforina A, mentres que a súa porción 3', incluíndo os exóns V e VI, deriva do xene da glicoforina B. A proteína madura SAT contén 104 residuos de aminoácidos.
Antíxeno Orriss
Orriss (Or) parece ser un mutante da glicoforina A, mais a súa natureza precisa aínda non se determinou.
Antíxeno Mg
O antíxeno Mg aparece na glicoforina A e carece de tres cadeas laterais de O-glicanos.
Antíxeno Os
Osa (MNS38) débese a unha mutación no nucleótido 273 (C->T) que está no exón 3, que ten como resultado o cambio dun residuo de prolina por un de serina.
Antíxeno Ny
Nya (MNS18) débese a unha mutación no nucleótido 194 (T->A), que ten como resultado a substitución dun residuo de aspartato por outro de glutamato.
Reaccións
O anti-M, aínda que aparece naturalmente, raramente foi implicado en reaccións a transfusións. O anti-N non se considera que cause reaccións a transfusións. Informouse de reaccións graves con anti-Miltenberger. Anti Mi-I (Vw) e Mi-III recoñecéronse como causa de enfermidade hemolítica do neonato. Raddon foi asociado con reaccións graves a transfusións.
Importancia en infeccións
O antíxeno Wright b (Wrb) está localizado na glicoforina A e actúa como un receptor para o parasito da malaria Plasmodium falciparum. As células que carecen de glicoforina A (Ena) son resistentes á invasión por este parasito. O antíxeno 175 que se une ao eritrocito de P. falciparum recoñece as secuencias terminais Neu5Ac(alfa 2-3)Gal da glicoforina A.
Varios virus poden unirse á glicoforina A como o virus da hepatite A (por medio da súa cápside), o parvovirus bovino, o virus Sendai, os da gripe A e B, os rotavirus do grupo C, o virus da encefalomiocardite e os reovirus.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Glicoforina
Bibliografía
Ligazóns externas
Imaxe da glicoforina A - https://web.archive.org/web/20161008211618/http://users.rcn.com/jkimball.ma.ultranet/BiologyPages/G/Glycoproteins.html
Categoría:Antíxenos CD Categoría:Proteínas integrais de membrana Categoría:Grupos sanguíneos