Emilio Varela Bugallo, nado en Sobrado o 28 de marzo de 1928 e finado no mesmo concello o 5 de xaneiro de 2024, foi un político galego.
Traxectoria Propietario dunha carnizaría en Sobrado. Nas eleccións municipais de 1987 encabezou a candidatura Alianza Popular no concello de Sobrado, logrando 2 concelleiros. Nun principio apoiou ao alcalde da CPG, José María Sánchez Peteiro, porén, en novembro de 1988 encabezou unha moción de censura contra este co apoio dos concelleiros do PSdeG-PSOE e do PNG-PG. Ante isto, o alcalde dimitiu en xaneiro de 1989 para intentar que a súa formación non perdese a alcaldía, aínda que finalmente Varela Bugallo logrou ser investido. Debido ao pacto que naquel momento AP e a CPG mantiñan na Deputación da Coruña, Varela Bugallo recibiu numerosas presións do seu partido para que dese marcha atrás, como a do presidente da Deputación, José Manuel Romay Beccaría, e Manuel Fraga Iribarne, quen incluso lle remitiu unha carta. Dada esta situación, situouse fóra do partido.
Nas municipais de 1991 competiu de novo pola alcaldía, encabezando a candidatura da CNG, logrando 3 concelleiros e situándose como segunda forza política por detrás dos 4 do PPdeG, que nesta ocasión encabezou o exalcalde Sánchez Peteiro. Se ben nun principio de cara á investidura non había acordo algún entre as distintas forzas políticas, resultou investido o socialista Gerardo Sánchez López, que xa fora alcalde durante dous mandatos e apoiara a Varela na moción de censura de 1989, e que recibiu o apoio de parte da CNG e dun concelleiro independente. Con todo, presentou axiña a súa dimisión, debido á febleza dos seus apoios, alcanzándose un acordo de goberno no mes de xullo entre a CNG e o PPdeG, polo cal Varela Bugallo recuperaba a alcaldía e se rotaría nela con Sánchez Peteiro, o cal a ocuparía na segunda metade do mandato. Así é todo, este acordo non frutificou e Sánchez Peteiro non chegou a asumi-la alcaldía. Pola súa parte, Varela Bugallo foi substituído na alcaldía en setembro de 1994 polo socialista Juan Morandeira García e non volveu formar parte de máis candidaturas, pasando a formar parte unha gran parte dos seus compañeiros da CNG dunha candidatura independente, xunto con outros membros do PPdeG desconformes con Sánchez Peteiro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Sobrado
Categoría:Alcaldes de Sobrado Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Sobrado Categoría:Nados en 1928 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes