María de Portugal, nada en Évora en 1342 e finada despois de 1375 en Aveiro, foi unha infanta de Portugal, filla de Pedro I de Portugal e de Constanza Manuel de Castela.

Traxectoria Quedou orfa de nai con 3 anos, o seu único irmán de pai e nai foi Fernando I de Portugal e tivo 4 medios irmáns pola relación do seu pai coa nobre galega Inés de Castro.

En 1354, o seu avó casouna cun familiar quince anos maior que ela, Fernando de Aragón, marqués de Tortosa, neto de Fernando IV de Castela, e de Afonso IV de Aragón. A noiva, no momento do matrimonio, aínda non cumprira os doce anos. Deste matrimonio non houbo descendencia, pois a infanta era estéril. Zurita menciona que "muestran al rey de Aragón mucho descontento y pesar".

O marido estaba exiliado en Castela desde xullo de 1348, cando derrotado polo seu medio irmán Pedro IV de Aragón, viuse obrigado a abandonar o reino de Valencia.

Durante a Guerra dos dous Pedros, entre o seu medio irmán Pedro IV e o seu curmán Pedro I de Castela O cruel, Fernando, que aspiraba ao trono deste último, resultou ser un aliado molesto para Pedro IV, quen fixo que o asasinasen o 16 de xullo de 1363.

Viúva, María veu como o seu cuñado se apoderou dos dominios do seu marido (Tortosa, Albarracín, Fraga e outros lugares) e prohibiulle, regresar a Portugal até ela renunciar aos seus bens. Tras unha fuga infrutuosa, María foi presa baixo a custodia de dúas damas aragonesas da súa cuñada Lionor de Sicilia, a pesar das protestas de Carlos II de Navarra, que a apoiou. Durante os nove anos seguintes, María viviu en Barcelona rodeada de parentes do seu marido que a odiaban até o punto de querer matala, porén sospeitaban que ela podería usar maxia e feitizos contra os seus inimigos.

Rexeitou a proposta de matrimonio con Federico III de Sicilia que o papa Urbano V lle propuña. Finalmente, en 1373, María e Pedro IV chegaron a un acordo e ela estableceu herdeiro universal ao seu irmán Fernando.

Con todo, no contexto das Guerras Fernandinas, María esforzouse por establecer a alianza entre as coroas de Aragón e Portugal Segundo Zurita, nos termos do tratado de alianza entre os dous reinos, o conde de Barcelos, Martim García e Baltasar de Espinola "ballestero do rei de Portugal" serían reféns (garantes).

En 1375, ela regresou a Portugal, fíxose monxa no convento de San FrancIsco en Santarém, onde viviu até o seu pasamento. Non sabemos a data da súa morte, probabelmente despois de 1375; coñécese unha carta de 1374, do futuro Xoán I de Aragón para o seu pai, na que acusa a María de Portugal de ser a instigadora da morte da primeira esposa dese príncipe, polo que é de presumir que nese ano aínda vivía.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Monarquía en Portugal Categoría:Nados en 1343 Categoría:Nados en Évora Categoría:Finados en 1377