Quentin Maceiras, nado en Sion, Suíza, o 10 de outubro de 1995, é un futbolista suízo, de orixe galega. Xoga de defensa no Young Boys da Super Liga suíza.
Traxectoria
Orixe Nacido na localidade suíza de Sion, no cantón de Valais, é neto de emigrantes galegos. Seus avós paternos, José María e Mercedes, son naturais de Muros e Santiago de Compostela. Afeccionado do Deportivo da Coruña, do mesmo xeito que a súa familia, durante a súa infancia acudía habitualmente nos veráns á Cidade Deportiva de Abegondo para ver adestrar os xogadores do club herculino.
Inicios no fútbol Formouse na canteira do FC Sion, e tras militar nos modestos Sierre e Naters, regresou ao Sion para xogar no seu filial.
FC Sion O 25 de maio de 2016 debutou co primeiro equipo do Sion na Super Liga, nun partido contra o FC Luzern no Swissporarena, onde substituíu nos minutos finais a Léo Itaperuna. Na seguinte tempada continuou compaxinando os partidos do filial coas convocatorias do primeiro equipo, e marcou o seu primeiro gol como profesional, na derradeira xornada da tempada contra o Grasshopper de Zürich no Stade Tourbillon. Tras xogar xa 21 partidos na tempada 2017/18, subiu definitivamente ao primeiro equipo na seguinte campaña, na que disputou 30 partidos da Superliga, os mesmos que na 2019/20.
Young Boys O 8 de agosto de 2020 fíxose oficial a súa fichaxe polo BSC Young Boys, campión da Super Liga na tempada anterior, e adestrado polo tamén descendente de galegos, Gerardo Seoane. Debutou o 26 de agosto, nun partido da segunda rolda clasificatoria para a Liga de Campións ante o KÍ das Illas Feroe, no cal saíu de titular, gañando o seu equipo por 3-1. Con todo, o equipo acabou eliminado no partido de volta, polo que só puido acceder á Europa League, onde foi eliminado nos oitavos de final polo Ajax. Na Super Liga, o equipo de Berna proclamouse campión con 31 puntos de vantaxe sobre o Basel.
Na tempada 2021/22 o Young Boys conseguiu acceder á Liga de Campións, despois de derrotar na fase previa ao Slovan Bratislava, o Cluj e o Ferencvárosi. Quentin Maceiras debutou na máxima competición continental na derrota pola mínima da segunda xornada contra o Atalanta no estadio Atleti Azzurri d'Italia de Bérgamo, entrando nos minutos finais como substituto de Silvan Hefti.
Palmarés Young Boys
Super Liga (1): 2020/21.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en Soccerway .
Categoría:Nados no cantón de Valais Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1995 Categoría:Suízos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Suíza Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Sion Categoría:Xogadores do BSC Young Boys