Teófila Sasiaín Martínez, nada na Coruña, foi unha pintora, ilustradora e profesora galega.
Traxectoria Na obra de Sasiaín predomina a representación de figuras femininas nunha pintura de marcado carácter costumista.
A primeira referencia existente sobre ela, do 25 de abril de 1936, é unha fotografía na primeira páxina de La Voz de Galicia en que se afirmaba que era unha hábil debuxante e alumna avantaxada do profesor e académico de Belas Artes Mariano Yzquierdo. La Voz de Galicia publicou en 1939 o seu cadro Tarde de toros.
En 1940 obtivo un premio de debuxo artístico do Liceo de Artesáns de Santa María de Oza. Participou en exposicións colectivas realizadas na Coruña ao longo de toda a súa vida. Ese mesmo ano La Voz de Galicia falou do retrato que fixo da aristócrata Piluca Tovar titulado Embeleso, no que se recoñecía o emprego da cor. Ademais participou con dous cadros, A proba da sandía e Maruxiña, na Exposición Rexional de Belas Artes e Artes Decorativas organizada pola Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela.
Recibiu unha bolsa da Deputación da Coruña entre os cursos 1944-45 a 1948-49 para realizar os seus estudos de pintura na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid. En 1949 contribuíu cun óleo á exposición 100 anos de arte en Galicia celebrada na Coruña.
En 1953 foi nomeada profesora de debuxo no instituto de Betanzos, onde traballou durante anos. Colaborou na revista local Albor publicada nesa localidade e que mostrou un gravado ilustrando Saudade.
Participou en 1953 xunto a outros pintores nunha exposición de artistas galegos celebrada na Coruña.
En 1967 realizou unha exposición antolóxica nas salas da Asociación de Artistas. En 1969 a I Exposición de Bolseiros Provinciais no palacio municipal ofreceu obra súa xunto coa doutros doce artistas tamén con bolsas. Na nova sobre a exposición recoñeceuse a súa pintura como de "clásico vigor".
Descoñécese a data do seu pasamento, aínda que foi anterior á retrospectiva que se lle dedicou en 1978.
Legado En 1978 celebrouse unha exposición da súa obra como homenaxe póstuma no Centro Asturiano. Figurou no catálogo da exposición Homenaje a pintores coruñeses de 1983 e a súa obra Ollos meigos figura no catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña, publicado en 1991.
En 2019 dúas obras súas, realizadas en tinta e acuarela tituladas Flores de tempada e Canto á Coruña, esta última ilustrando un poema, formaron parte da exposición colectiva Dibujantas, pioneras de la Ilustración celebrada no Museo ABC.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Exposición Dibujantas no museo ABC en 2019 Anécdotas de #Dibujantas: La vida de Teófila Sasiaín Visita audiovisual á exposición ‘Debuxantas. Pioneiras da ilustración’ en Nós Televisión
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XX Categoría:Finados no século XX Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Ilustradores de Galicia Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Finados en ano descoñecido