Afonso VIII de León e Galicia, denominado pola historiografía española como Afonso IX,Diciopedia do século 21. nado en Zamora, Reino de León, o 15 de agosto de 1171 e finado en Sarria, Reino de Galicia o 23 de setembro de 1230, foi rei dos leoneses e Galicia (Adeffonsus Rex Legionensium et Gallecie) desde o 22 de xaneiro de 1188 até a súa morte, o 23 de setembro de 1230.

Segundo a numeración cronolóxica real da coroa galego-leonesa, correspóndelle o ordinal VIII, pero, a historiografía española asignoulle fraudulentamente o ordinal IX, como forma de entroncar as cronoloxías de León e de Castela —en Castela reinaba por aquel entón Afonso VIII de Castela—. Ademais, nas Sete Partidas do seu neto Afonso X o Sabio, este afirmaba ser Afonso IX.

Orixes familiares Afonso naceu en Zamora, froito do matrimonio entre o rei Fernando II de León e Galicia e da infanta portuguesa Orraca.Reis de Portugal en Medieval Lands Capetingi genealogy Por vía paterna, Afonso foi neto de Afonso VII de León, rei de Galicia desde o ano 1111,Marek, Miroslav Casa de Ivrea-genealogy . quen dividiu os seus reinos entre os seus fillos, provocando así un conflito entre eles ata a reunificación polo fillo de Afonso, Fernando III de Castela. Por vía materna, Afonso era neto do primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques.

O nacemento de Afonso aparece citado na crónica de Alberico de Trois-Fontaines.Cronica Alberici Monachi Trium Fontium .

Primeiros anos Ao igual que o seu pai e avós, Afonso VIII foi educado en Galicia polos membros condais da Casa de Traba ou os da de Trastámara, quen nese momento ostentaban a indiscutible primacía señorial en terras galegas e que se atopaban fortemente ligados á monarquía galega e galego-leonesa, especialmente desde os tempos de Froila Vermúdez.

O encargado de educar ao infante foi o nobre galego Xoán Ares (princeps Iohannes Arie tenete Alva de Buval), señor da terras de Bubal e marido de Urraca Fernandes, filla de Fernán Pérez de Traba e neta por tanto de Pedro Froilaz de Traba.

Criado en Galicia e por nobres galegos, foi tamén en terras galegas onde Afonso VIII atopou os seus maiores valedores como demostra o feito de que meses antes de que o seu pai Fernando II morrera (ano 1188), o entón infante Afonso estivese refuxiado nos dominios dos señores da Casa de Traba co apoio da corte portuguesa onde residía a súa nai Orraca despois de que o seu matrimonio co rei Fernando fose anulado. Foi precisamente no condado da Limia onde o daquela infante recibiría a noticia da defunción do seu pai en Benavente, abríndose deste xeito un conflito sucesorio.

Acceso ao trono e inicio do reinado miniatura|esquerda|250px|Mapa político da península Ibérica, onde se mostra Al-Andalus (Imperio almohade) e os Reinos cristiáns nos séculos XII e XIII.

En 1188, á morte de Fernando II, sucedeu ao seu pai como Afonso VIII, rei de León e de Galicia.

Porén, Afonso, pese a ser o fillo primoxénito do rei Fernando II, tivo que enfrontar enormes dificultades para acceder a un trono que lle pertencía por dereito de nacemento .

Por unha parte, estaba a súa madrasta Orraca López de Haro, que quería eliminalo da sucesión, pois pretendía que fose o seu fillo Sancho quen herdase a coroa galego-leonesa, a pesar de que nacera máis tarde. Orraca argumentaba que Afonso VIII de León non tiña dereito ao trono porque o matrimonio entre Fernando e a súa primeira esposa, a portuguesa Orraca de Portugal, fora anulado.

Porén, todo se resolveu a favor de Afonso VIII debido a que Orraca non conseguiu o apoio ás súas pretensións entre os nobres leoneses.

Pero a isto uníase o desexo dos reinos veciños de Portugal e Castela de repartiren entre eles o Reino de León e Galicia. O inicio do seu reinado foi, por tanto, sumamente complicado, xa que portugueses e casteláns ambicionaban as terras do Reino de León polo leste e polo oeste, mentres que os almohades supoñían un gran perigo polo sur.

E por se as ameazas estranxeiras non abondasen, o novo monarca encontrouse con que o reino estaba en bancarrota pola política que levara seu pai durante o seu reinado.

Diante desta situación, o monarca, que apenas tiña dezasete anos, convocou as famosas Cortes de León de 1188.

Cortes de León

Estas Cortes foron convocadas na primavera de 1188, probabelmente na primeira quincena de abril, xa que o 27 deste mesmo mes, Afonso VIII confirmaba a Rodrigo I bispo de Oviedo, todos os seus privilexios.

miniatura|As Cortes reuníronse na Basílica de Santo Isidoro.

As Cortes reuníronse no claustro de Basílica de Santo Isidoro de León, baixo a presidencia do rei leonés. Nestas Cortes, Afonso recibiu o apoio dos vellos representantes da Curia Rexia (o clero e a nobreza) e, por primeira vez, dos representantes das cidades. Estaban presentes todos os bispos do reino, incluíndo a Pedro Suárez de Deza, arcebispo de Santiago de Compostela, que era a máxima autoridade relixiosa do reino, ademais dos nobres e os representantes das clases populares das cidades do reino de León que, por primeira vez, eran convocados a un acto destas características, para intervir en asuntos de Estado. As cidades representadas eran León, Oviedo, Salamanca, Ciudad Rodrigo, Zamora e Astorga, incluíndo tamén outras como Toro, Benavente, Ledesma e algunhas máis de Galicia, Asturias e Estremadura sendo, desta maneira, as primeiras Cortes representativas de Europa e do mundo,González, Miguel Ángel e Chao, Ricardo (7/5/2006): Historia de León La Revista. Diario de León. e as precursoras dun Parlamento moderno. Nelas, recoñeceuse o dereito á inviolabilidade dos domicilios e ao hábeas corpus dos participantes.

Naquela asemblea naceu un compromiso que obrigaba a todas as partes, comezando polo mesmo rei; dito compromiso son os chamados Decreta de 1188, recoñecidos pola UNESCO como o embrión da democracia representativa, moi anterior á famosa Carta Magna do rei de Inglaterra Xoán sen Terra, que data de 1215.

O motivo polo cal Afonso convocou aos representantes das cidades foi sen dúbida a perentoria necesidade de solucionar a grave situación económica que sufría o reino. O feito de que os habitantes das cidades gozaran dunha gran prosperidade económica, e de que a colaboración coa nobreza neste aspecto fora demasiado complicada, motivou que o rei chamase aos representantes das cidades para que asistiran a estas Cortes. Así, Afonso VIII conseguiu, sen implicar á nobreza, xerar máis recursos para o reino, recursos cada vez máis necesarios polo crecente gasto que ocasionaban as guerras cos veciños; a cambio, comprometeuse a mellorar a administración da xustiza e a eliminar os abusos de poder da nobreza.

Matrimonios

O 15 de febreiro de 1191, en Guimarães, Afonso VIII casou coa súa prima irmá, Tareixa de Portugal, filla do rei de Portugal, Sancho I e de Doce de Aragón, filla da raíña de Aragón, Petronila de Aragón e do conde de Barcelona Ramón Berenguer IV o Santo. Ambos os noivos eran, por tanto, netos de Afonso Henríques, primeiro rei de Portugal.

Polas presións da Igrexa, e polo feito de que o papa Celestino III, debido a este matrimonio entre primos irmáns sen dispensa papal, excomungara o monarca de León e pronunciara un interdito sobre o Reino de León en 1195, a parella tivo que separarse. En 1198 o matrimonio foi anulado por consanguinidade e en 1200 Teresa retirouse a un convento en Lorvão. A raíña Teresa e a súa irmá Sancha foron beatificadas en 1705 polo papa Clemente XI mediante a bula Sollicitudo Pastoralis Offici.Beata Sancha, virgen y fundadora en El Testigo Fiel . Consultada o 23 de outubro de 2017.Beata Teresa del Portogallo en Santi e Beati .

Contra a metade de decembro de 1197, melloradas xa as relacións co Reino de Castela (desde 1195 eran moi malas: nese ano, o intento do rei Afonso VIII de Castela de proseguir a Reconquista fora freado na batalla de Alarcos, o 18 de xullo de 1195 porque, entre outras cousas, Afonso VIII de León, se negara a participar nela), Afonso VIII de León casou coa súa segunda esposa, a súa prima segunda Berenguela de Castela, filla do rei Afonso VIII de Castela, primo irmán de Afonso VIII de León (en realidade o pai de Afonso VIII de León, Fernando II, e o pai de Afonso VIII de Castela e, por tanto, avó de Berenguela, Sancho III, eran irmáns) e de Lionor Plantagenet. A voda celebrouse con grande esplendor na igrexa de Santa María de Valladolid. Para Berenguela foi o seu segundo matrimonio. Berenguela casara en 1188 con Conrado II de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Frederico Barbarroxa pero, pola pouca idade da princesa, o matrimonio non se consumara e, ademais, en 1196, Berenguela quedou viúva antes de podelo consumar.

Como resultado desta unión, as relacións entre León e Castela melloraron até tal punto que, xunto co rei de Aragón, Pedro II, Afonso VIII de León e Afonso VIII de Castela fixeron unha alianza e, en 1200, aproveitando o feito de que o rei de Navarra, Sancho VII estaba loitando en Murcia, Andalucía e o norte de África, aliado cos almohades, para atacalo e separar de Navarra os territorios de Áraba e Guipúscoa, en beneficio de Castela.

Segundo a crónica de Alberico de Tres Fontes, en principio o papa Celestino III aceptou o matrimonio, do cal naceron cinco fillos. Porén, a pesar de que o papa Celestino autorizara esta unión, en 1204 o recentemente elixido papa Inocencio III apertou para que se anulase o matrimonio e, ao non conseguir ningún resultado, proclamou un interdito sobre os reinos de León e Castela, ameazando con declarar ilexítimos os fillos nacidos da parella. Finalmente acabou por anulalo en 1204 alegando o parentesco dos cónxuxes. Esta era a segunda anulación para Afonso, e ambos os cónxuxes solicitaron vehementemente unha dispensa para permaneceren xuntos. Pero este papa foi un dos máis duros en cuestións matrimoniais, así que a denegou, aínda que a parella conseguiu que a súa descendencia fose considerada lexítima pola Igrexa. Berenguela regresou a Castela e fíxose monxa no Mosteiro de Santa María la Real de Las Huelgas, en Burgos.

Conflitos territoriais Castela miniatura|Valderas foi unha das prazas leonesas que usurpou Afonso VIII de Castela nos inicios do reinado de Afonso VIII de León. Pouco despois de ser coroado, Afonso VIII de León reuniuse co seu primo Afonso VIII de Castela en Carrión de los Condes coa intención de iniciar unhas boas relacións con Castela que permitiran unha paz duradeira. A reunión consistiu nunha cerimonia para investir a Afonso VIII de León cabaleiro e, como era costume nestes casos, Afonso beixou a man do rei castelán, recibindo por parte deste a espada e o cinto propios dun cabaleiro.

Na mesma cerimonia foi armado cabaleiro o príncipe Conrado de Suabia, fillo do emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico Frederico Barbarroxa. O príncipe viñera á península co obxectivo de casar coa infanta Berenguela, filla de Afonso VIII de Castela.

Afonso VIII de Castela, máis tarde, e rompendo o pacto, entrou coas súas tropas en territorio leonés, apoderándose de varias prazas que nunca pertenceran a Castela, entre elas Valencia de Don Juan e Valderas. Comezaron así as hostilidades co Reino de León, invadindo uns territorios que marcarían a política exterior de Afonso VIII de León.

En 1211 Afonso devolveu o castelo de Alcañices aos templarios.

Tras a disolución do seu matrimonio con Berenguela, Afonso centrouse outra vez na rivalidade do seu reino co de Castela. Volveron as friccións, especialmente nos territorios situados na Franxa de Carrión e en parte da Terra de Campos.

En 1217 a súa ex-esposa, Berenguela, abdicou en favor do fillo de ambos, Fernando, polo que este se trasladou xunto á súa nai para gobernar o reino castelán, do que Benguela era rexente.

Portugal O rei Sancho I de Portugal, polo oeste, penetrou en territorio leonés co mesmo obxectivo que Castela: apoderarse de parte das terras do Reino de León (principalmente, do Reino de Galicia). Así, o reino leonés viuse cercado entre dúas frontes que ameazaban coa súa destrución.