Elsie Eaves, nada o 5 de maio de 1898 en Idaho Springs (Colorado) e finada o 27 de marzo de 1983, foi unha enxeñeira estadounidense pioneira, a primeira muller membro asociado da Sociedade Americana de Enxeñeiros Civís (ASCE), e membro fundadora da Asociación Americana de Enxeñeiros de Custos (agora AACE International; a Asociación para o Avance da Enxeñería de Custos).
Traxectoria Elsie Eaves, á idade de 22 anos, foi a primeira muller en obter unha licenciatura en enxeñería civil na Universidade de Colorado en Boulder en 1920.
En 1918, Eaves foi elixida a primeira muller presidenta da sociedade de estudantes de enxeñería da universidade, a Combined Engineers, un feito tan pouco habitual que a noticia recibiu cobertura nacional nas publicacións de enxeñería. Apoiou a Lou Alta Melton e Hilda Counts na creación da Sociedade Americana de Mulleres Enxeñeiras e Arquitectas en 1919. Carreira Eaves traballou como debuxante para a Oficina de Estradas Públicas dos Estados Unidos en Denver (Colorado) e, posteriormente, para a Denver and Rio Grande Western Railroad Company.
En 1925 uniuse á Women's Engineering Society (por aquel entón a única organización de mulleres enxeñeiras do mundo), da que seguiu sendo membro durante toda a súa carreira.
En 1926, Eaves empezou a traballar para McGraw-Hill en Nova York no departamento de Engineering News- Record (ENR). Tamén foi directora de publicacións e vendas de McGraw- Hill Construction Daily. En 1927, foi a primeira muller admitida como membro de pleno dereito da Sociedade Americana de Enxeñeiros Civís.
En 1929, Eaves creou e recompilou o primeiro inventario nacional de instalacións de evacuación de augas residuais municipais e industriais. A continuación, recompilou estatísticas sobre as necesidades de construción, o que contribuíu a revitalizar a industria da construción durante a Gran Depresión. Despois da Segunda guerra mundial, Eaves organizou e dirixiu a medición da "Planificación de posguerra" da industria da construción, que se utilizou como informe oficial do progreso da industria.
En total, estivo asociada a McGraw- Hill' s Engineering News-Record, unha publicación comercial semanal, durante 37 anos. En 1945, foi nomeada directora de Business News.
Xubilouse en 1963, pero seguiu exercendo como asesora da Comisión Nacional de Asuntos Urbanos sobre o tema dos custos da vivenda. En 1967, Eaves asistiu á segunda Conferencia Internacional de Mulleres Enxeñeiras e Científicas (ICWES) en Cambridge, Reino Unido, e en 1972 escribiu o obituario da tamén enxeñeira Ruth Shafer, presidenta da primeira ICWES.
Recoñecementos En 1974, recibiu a Medalla de Prata George Norlin, o máis alto galardón que concede a Universidade de Colorado, e en 1979 foi a primeira muller en recibir o título de membro honorario vitalicio da Asociación Americana de Enxeñeiros de Custos.
Eaves recibiu o premio Fellow na Convención Nacional da Sociedade de Mulleres Enxeñeiras de 1980, celebrada en Cherry Hill (Nova Jersey), xa que era membro da organización desde 1950.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Retrato de Elsie Eaves, na Wayne State University
Categoría:Alumnos da Universidade de Colorado Categoría:Finados en 1983 Categoría:Nados en 1898 Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América