Miguel Corgos López-Prado, nado na Coruña en 1971, é un alto funcionario e político galego, conselleiro de Facenda e Administración Pública dende outubro de 2021.

Traxectoria Licenciado en Ciencias Ecónomicas e Empresariais pola Universidade da Coruña e máster en Administración Financeira e Tributaria así como posgrao en Auditoría de Contas pola mesma universidade, ingresou na función pública galega en 2000 dentro da Intervención Xeral. Conta co diploma de directivo da Escola Galega de Administración Pública. Como funcionario de carreira durante o goberno bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño (2005-2009) asumiu a Subdirección xeral de Control Financeiro Permanente da Consellería de Facenda (2005-2007) e logo a Subdirección xeral de Control Orzamentario (2007-2009).

Coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, Corgos foi Director Xeral de Orzamentos (2009-2012) e, entre 2012 e 2021, Director Xeral de Planificación e Orzamentos. O 16 de outubro de 2021 foi designado conselleiro de Facenda e Administración Pública para cubrir a vacante deixada polo pasamento do anterior titular, Valeriano Martínez.

Tomou posesión do cargo o 18 de outubro de 2021 no Pazo de Raxoi, participando logo nun Consello da Xunta extraordinario que aprobou o proxecto de orzamentos para o 2022.

Nas eleccións ao Parlamento galego de 2024, saíu elixido deputado pola Coruña. Continuou como Conselleiro de Facenda e Administración Pública no novo gabinete de Alfonso Rueda.

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Conselleiros da Xunta de Galicia Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1971 Categoría:Deputados da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PPdeG