Paula Carballido Romero, nada en Molina de Segura o 30 de xuño de 1979, é unha exnadadora galega. Foi varias veces campioa de España, competiu nos Xogos Olímpicos de 2000 en Atenas e gañou tres medallas de ouro nos Xogos Mediterráneos.
Traxectoria Naceu na localidade murciana de Molina de Segura, sendo filla de dous galegos, e dende moi pequena viviu en Pontevedra. Comezou a nadar aos 12 anos e entrou no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e máis tarde na Residencia "Joaquín Blume" de Madrid.
Con só 14 anos proclamouse campioa galega absoluta dos 100 metros libres, e ao ano seguinte obtivo os títulos dos 100, 200, 400 e 800 metros. Continuou coa súa progresión, batendo numerosos récords galegos, e en 1998 foi subcampioa de España absoluta en 400 metros estilos. Posteriormente foi subcampioa tamén nos 100 e nos 200 metros libres, e bateu o récord de España de 4x200, xunto a Laura Roca, María Peláez e Ángeles Bardina. Disputou os Campionatos Europeos de Natación de 1999 en Istanbul e de 2000 en Helsinqui, logrando neste último o quinto posto e a clasificación olímpica.
Participou nos Xogos Olímpicos de Sydney con 21 anos, disputando a proba de 4x200 metros libres, xunto ás catalás Paula Roca, Àngels Bardina e Natalia Cabrerizo, rematando na 13ª posición. Durante os seguintes tres anos logrou seis títulos de campioa de España, tres de inverno e tres de verán, en diferentes modalidades, e bateu varios récords de España. Internacionalmente participou no Mundial de Natación de 2001 en Fukuoka, obtendo o quinto posto en 4x200 libres, e ese mesmo ano gañou tres medallas de ouro nos Xogos Mediterráneos de Tunes, nas modalidades de 200 m estilos, 400 m estilos e 4x200 libre. En 2003 disputou un novo Mundial en Barcelona, participando nos 200 e 400 estilos, pero sen lograr o pase a ningunha das dúas finais.
No 2003 tivo que se someter a unha cirurxía por unha rotura de fibras nun tendón dun ombreiro, e aínda que se recuperou e conseguiu bater un novo récord de España, tivo que volver ao quirófano para se operar do escafoide dunha man. O óso non acabou por se rexenerar e quedou cunha discapacidade na man, acabándose así a súa carreira deportiva.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Susana Garabatos Ligazóns externas Datos da nadadora no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos da nadadora en olympedia.org .
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados na Rexión de Murcia Categoría:Nadadores olímpicos de Galicia Categoría:Nadadores nos Xogos Olímpicos de 2000