Ahmad Massoud (en dari : احمد مسعود), nado en Piyu o 10 de xullo de 1989, é un político afgán, fillo de Ahmad Shah Massoud, líder militar da resistencia contra a invasión soviética. Dirixe a Fundación Massoud en novembro de 2016. Logo da entrada en Cabul dos talibáns en agosto de 2021, Ashmad Massoud púxose á fronte da resistencia armada do val do Panjshir.

Traxectoria Mocidade De orixe étnica taxica, Ahmad Massoud naceu o 10 de xullo de 1989 en Piyu na provincia de Takhar no nordeste de Afganistán.

Logo de rematar os estudos secundarios en Irán, trasladouse o Reino Unido para facer os estudos universitarios. Primeiro, Massoud fixo un curso na Real Academia Militar de Sandhurst. Tras isto, entre 2012 e 2015, fixo estudos sobre guerra no King's College de Londres, obtendo o título de licenciado (bachelor degree). Completou a súa formación cun máster en política internacional na Universidade da Cidade de Londres en 2016.

Vida pública Massoud retornou a Afganistán e, en 2016, foi nomeado director da Fundación creada para conservar o legado do seu pai.

En marzo de 2019, Massoud entrou oficialmente en política. En setembro de 2019 foi aclamado polos seguidores do seu pai como o seu sucesor nun acto diante do mausoleo de Ahmad Shah Massoud no val do Panjshir. Defendeu a proposta do seu pai que propuxo o modelo suízo para Afganistán, considerando que a descentralización administrativa e a cesión de poder de Cabul ás provincias permitiría administrar máis eficientemente os recursos, facilitando a prosperidade e a estabilidade do país.

Ademais, Massoud expresou as súas dúbidas sobre a dirección que tomaba o proceso de proceso de paz de Afganistán en 2019, obxectando que non se estaban a respectar os intereses dos afgáns. En setembro dese ano anunciou a creación dunha nova coalición inspirada na Alianza do Norte que resistiron fronte os talibáns na década de 1990. En marzo de 2021, grazas a unha conmemoración ao seu pai en París. coñeceu o presidente de Francia, Emmanuel Macron, nunha reunión na que tamén participou o filósofo Bernard-Henri Lévy.

Resistencia fronte os talibáns En 2021, ante retirada das tropas dos Estados Unidos, creou unha milicia, chamada Segunda Resistencia, que axudara as forzas de seguridade afgás contra os talibáns. No verán de 2021, os talibáns fixéronse co control da práctica totalidade do país conseguindo entrar en Cabul o 15 de agosto. Tras o colapso do goberno, Massoud, canda o vicepresidente Amrullah Saleh, anunciou a súa vontade de loitar contra o dominio talibán dende a zona controlada polo primeiro, o val do Panjshir. O 18 de agosto de 2021, nun chamamento internacional pediu a axuda loxística e militar aos países occidentais para a resistencia, agora denominada Fronte Nacional de Resistencia. Con escepticismo, algúns analistas internacionais consideraron que isto era máis intento por influír nas negociacións cos talibáns que unha tentativa real de oposición armada. O 22 de agosto de 2021, Massoud advertiu aos talibáns de que a negociación era o "único camiño", aínda que tamén reafirmou a súa vontade de loita se os talibáns non aceptaban un goberno plural. Ese mesmo día os talibáns fixeron público que centos dos seus soldados ían camiño do Panjshir para facerse co control da zona.

Entre finais de agosto e principios de setembro de 2021, houbo enfrontamentos armados entre os talibáns e as tropas lideradas por Massoud. Paralelamente, Massoud comunicou de novo a súa disposición para dialogar a principios de setembro. Con todo, o 6 de setembro de 2021 os talibáns proclamaron a conquista do val do Panjshir. Massoud e os seus aliados políticos abandonaran o Panjshir antes do control talibán con destino a Tadjiikistán. Este país centroasiático emerxeu como o centro da resistencia antitalibá logo da fin do conflito armado centrando os seus esforzos en organizarse politicamente.

Notas

Categoría:Políticos de Afganistán Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados en Afganistán Categoría:Militares de Afganistán