Zabiullah Mujahid (en paxto: ذبیح الله مجاهد; Ẕabīḥullāh Mujāhid) é o portavoz oficial do réxime talibán, autodenominado como Emirato Islámico de Afganistán. Aínda que foi designado en 2007, non foi ata o 17 de agosto de 2021 que apareceu en público.
Traxectoria
Identidade As vagas informacións sobre a súa vida foron dadas polo propio Mujahid en diferentes entrevistas feitas por teléfono móbil. Fala de forma fluída tanto persa como paxto. Preséntase como un home afgán de mediana idade, casado e con varios fillos. Afirma ter estudos relixiosos malia a que non indica onde os cursou alegando razóns de seguridade. Durante o primeiro goberno talibán, ocupou un posto de baixo nivel no Ministerio de Cultura e Información. Logo da intervención estadounidense, uniuse os insurxentes e en 2007 foi nomeado voceiro logo da detención do anterior.
Un home que afirmaba ser Mujahid foi entrevistado polo reporteiro da CNN, Nic Robertson, a comezos de 2009. A cámara non filmou o seu rostro pois a entrevista se fixo de costas. Robertson describiu o como unha persoa duns 30 anos, de barba e cunha altura duns 180 cm. Tras a emisión da entrevista, Zabiullah Mujahid dixo por teléfono a algúns xornalistas que o entrevistado non era el senón un impostor. Dende entón non fixo entrevistas para a televisión preferindo as chamadas telefónicas.
Dubidouse se Zabiullah Mujahid era unha persoa real ou se era un nome empregado polos portavoces talibáns. En 2011, a Dirección Nacional de Seguridade, a axencia de intelixencia de Afganistán, identificouno como un labrego de Baluchistán (Paquistán) de 44 anos chamado Haji Ismail, algo que foi desmentido por Mujahid.
Portavoz talibán Como voceiro foi o responsable de confirmar ou negar os ataques talibáns en Afganistán e outras informacións relevantes, sobre todo das zonas leste, norte e centro do país. Empregou como canles de comunicación mensaxes de texto, chamadas telefónicas, chíos en Twitter, correos electrónicos e entradas en webs xihadistas. En 2011 desmentiu a presunta morte do líder talibán, o mulá Omar, pero, en 2015, foi el quen anunciou o falecemento do líder talibán "debido a unha enfermidade".
Ademais, tamén publicou vídeos de propaganda en Twitter amosando os logros militares dos talibáns. Deste xeito, en 2017 reivindicou un atentado suicida contra unha base militar que casou 140 mortes, en 2019, outro ataque contra un campo de adestramento da Dirección Nacional de Seguridade, e outro en 2020 contra a outra base do exército afgán que causou 30 mortes.
Tamén concedeu unha entrevista o xornal El Mundo, en 2017, na que xustificou o asalto dun comando talibán á embaixada española en Cabul. O ataque resultou coa morte de dous españois, afirmando que se pretendía rematar co departamento de intelixencia da embaixada.
O 17 de xullo de 2021, Mujahid desculpouse pola morte do xornalista da axencia Reuters, Danish Siddiqui, quen foi asasinado nun enfrontamento entre as tropas do exército afgán e os talibáns. Mujahid afirmou que os talibáns non sabían como morrera Siddiqui, e pediu os xornalistas que os avisasen antes de entrar en zonas de guerra para poder "coidar axeitadamente dese individuo particular".
O 17 de agosto de 2021, logo da toma de Cabul, Mujahid foi a cara visible do novo réxime talibán ao conceder unha rolda de prensa para medios locais e internacionais. A súa comparecencia resultou anovadora pois os talibáns foron tradicionalmente moi remisos a amosar a súa cara. Do contido da intervención destacou o anuncio de que se respectarían os dereitos das mulleres "dentro da lei islámica", unha amnistía para os que traballaron para os países estranxeiros e para administración afgá, e o compromiso de non protexer a Al Qaida ou outros grupos terroristas. Estas declaracións foron acollidas con escepticismo pola comunidade internacional.
En setembro de 2021, unha vez consumada a retirada dos Estados Unidos e anunciado o control do Panjshir, Zabiullah Mujahib, foi o voceiro que anunciou a conformación do goberno talibán, un executivo que definiu como "interino", con Mohammad Hasan Akhund. O propio Majahib integrouse nel como viceministro de cultura e información.
Tamén, o 2 de agosto de 2022, verbalizou a reacción de Afganistán logo do asasinato cun dron estadounidense do líder de Al Qaida, Ayman al Zawahiri, en Cabul. Nun comunicado, Zabiullah Mujahib, confirmou os feitos e condenou a operación considerándoa unha violación aos Acordos de Doha.
Notas
Categoría:Talibán Categoría:Nados en Afganistán Categoría:Políticos de Afganistán Categoría:Militares de Afganistán