Jesús González Álvarez, nado en Tui o 9 de setembro de 1974, é un policía e remeiro galego. Foi subcampión do mundo de dous sen temoneiro, varias veces campión de España e competiu nos Xogos Olímpicos de 2004 en Atenas.

Traxectoria Practicou baloncesto e atletismo antes de se iniciar no remo, deporte que comezou a practicar en 1989 no Club Remo do Miño, do seu Tui natal. Foi varias veces campión de España en diferentes modalidades de remo e no 2004 conseguiu unha praza para os Xogos Olímpicos de Atenas. Participou na cita olímpica na proba de catro sen temoneiro, xunto a Mario Arranz, Carlos Loriente e Alberto Domínguez. Conseguiron o pase ás semifinais na repesca, pero non puideron meterse na final e remataron no 12º posto.

No ano 2006 proclamouse subcampión do mundo en dous sen temoneiro peso lixeiro, facendo parella co andaluz Juan Manuel Florido no campionato celebrado no Lago Dorney, no condado inglés de Berkshire. Remataron por detrás da embarcación alemá formada por Ole Rückbrodt e Felix Otto e por diante dos italianos Andrea Caianiello e Salvatore Di Somma.

Pasou logo a competir no dobre scull, e xunto a Juan Zunzunegui buscou unha praza nos Xogos Olímpicos de 2008. Disputou en Poznan o preolímpico, meténdose na final, pero un sexto posto nesta, deixouno fóra da cita olímpica de Pequín. Para os seguintes Xogos en Londres, intentouno no catro sen temoneiro, xunto aos sevillanos Antonio Guzmán, Marcelino García Cortés e Noé Guzmán, pero tampouco puido conseguir a praza no preolímpico disputado en Lucerna.

En 2009 gañou o seu primeiro Campionato de España de remoergómetro e en 2010 deixou o Club Remo do Miño para pasar a competir no novo Club Remo Tui. Tres anos despois proclamouse subcampión de Europa no certame celebrado en Sevilla, formando parella no dobre scull con Sergio Pérez. Ademais foi noveno no Mundial celebrado en Corea do Sur, en catro sen temoneiro peso lixeiro, xunto a Pérez, Marc Franquet e Patricio Rojas. En 2014 proclamouse subcampión de España de remoergómetro; campión de España de longa distancia no dous sen temoneiro, con Sergio Pérez; quedou cuarto no Campionato de Europa de catro sen temoneiro lixeiro e noveno no Mundial. En 2015 volveu cambiar de club, pasando ao Club de Remo Robaleira da Guarda, e ese mesmo ano repetiu cuarto posto no Europeo, esta vez no dous sen temoneiro.

En 2016 participou de novo con Sergio Pérez no Campionato Europeo de dous sen temoneiro, acadando a medalla de bronce o ser só superado polos británicos Sam Scrimgeour e Joel Cassells, e polos daneses Emil Espensen e Jens Vilhelmsen. En 2019 conseguiu o seu segundo título de campión de España de remoergómetro e durante estes anos bateu varios récords de España e do mundo na súa franxa de idade.

Recoñecementos En xullo de 2017 foi elixido remeiro do mes pola Federación Internacional de Sociedades de Remo, pola súa "lonxevidade e versatilidade" no deporte.

Vida persoal Casou coa tamén remeira Nuria Domínguez, participante en tres Xogos Olímpicos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do remeiro no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do remeiroen sports-reference.com. Arquivado dende o orixinal . Datos do remeiro no sitio web oficial da Federación Internacional de Sociedades de Remo .

Categoría:Nados en 1974 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Policías de Galicia Categoría:Remeiros olímpicos de Galicia Categoría:Remeiros nos Xogos Olímpicos de 2004