Jesús Tomás Morlán Fariña, chamado tamén Suso Morlán, nado en Pontevedra o 1 de novembro de 1966 e finado en Lagoa Santa (Minas Xerais, O Brasil) o 11 de novembro de 2018, foi un adestrador de piragüismo galego.

Traxectoria Adestrador de piragüismo, foi seleccionador español do equipo masculino de canoa durante varios anos e desde 2002 adestrador persoal de David Cal, o padexeiro cangués que chegou a conseguir 5 medallas olímpicas.

Durante a súa etapa como adestrador de Cal e responsable olímpico da selección de canoa para a Federación Española de Piragüismo, Cal conseguiu varios podios europeos e mundiais en categoría absoluta padexando só (C1) (ademais dos que xa conseguira coma júnior), como a prata no mundial de Gainesville (2003), no de Zagreb (2005), o ouro no mundial de Duisburgo (2007) sobre 500m, e bronce sobre 1000m, de novo prata en Szeged (2011), e mais bronce no europeo de Zagreb (2012). Mais, sobre todo, Cal conseguiu cinco medallas olímpicas (un ouro en Atenas 2004, tres pratas consecutivas en Atenas, Beixín e Londres, ademais da prata de Beixín na distancia curta, os 500m), o que fixo del o español con máis medallas olímpicas da historia (marca igualada por Saúl Craviotto logo dos Xogos de Toquio en 2021, se ben Craviotto conseguiu as medallas en probas individuais e en parella).

Ademais de Cal, tamén adestraron en Pontevedra con Morlán o tudense José Luis Bouza en canoa e a Ana Varela, en piragua.

Logo dos Xogos de Londres, en febreiro de 2013, Morlán marchou ao Brasil, contratado polo Comité Olímpico Brasileiro, para preparar o equipo dese país cara aos Xogos do Río de 2016. Canda el levou a David Cal, que seguiu a adestrar alí. Os deportistas da selección de piragüismo do Brasil conseguiron rapidamente éxitos: Isaquias Queiroz, o padexeiro máis destacado, obtivo o ouro en C1 500m e o bronce en 1000m xa no mundial de Duisburgo de 2013, onde Cal non chegara a participar. Nos mundiais de Moscova de 2014 Queiroz proclamouse campión de 500m (non chegou a rematar a final de 1000m, onde Cal foi sétimo).

Mentres o progreso chegaba cos deportistas brasileiros, Cal aumentou rapidamente de peso. A finais de 2014 era recoñecido polos dous, Cal e Morlán, que o padexeiro tiña sobrepeso. Só tres meses despois Cal decidía retirarse.

obtivo aló tres medallas, dúas de prata (Erlon Souza e Isaquias Queiroz, no C2, e Isaquias Queiroz, no C1) e unha de bronce (de novo Queiroz), as primeiras acadadas polo Brasil nunha competición olímpica.

Meses despois de remataren os Xogos Olímpicos, en novembro de 2016, diagnosticáronlle un tumor cerebral. Operárono e someteuse a tratamentos de quimio e radioterapia, mentres continuou coa preparación da selección brasileira para os Xogos Olímpicos de 2020 en Toquio. Así, acompañou os seus atletas nos campionatos do mundo de Racice e Montemor-o-Velho. En 2018 morreu en lagoa Santa, o campo de adestramento da selección brasileira, no estado de Minas Xerais: o padexeiro adestrado por el, Isaquias Queiroz, conseguiu o ouro en C1 1000m seguindo a súa planificación.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Suso Morlán, pouco antes de morrer, explicando a súa participación na selección brasileira, YouTube (Comité Olímpico Brasileiro, UOL Sporte, 8/8/2018).

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1966 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Adestradores de Galicia