Antonio Serrat Seoane, nado en Vigo o 24 de xaneiro de 1995, é un triatleta galego. Gañou a medalla de bronce no Campionato Europeo de Tríatlon de 2021 e a de prata no Campionato Europeo de Tríatlon de Velocidade do mesmo ano, e competiu nos Xogos Olímpicos de 2024.
Traxectoria
Categorías inferiores Comezou a destacar no tríatlon e no dúatlon dende neno. Así, en 2009 proclamouse campión galego infantil de tríatlon, en 2011 campión galego cadete de dúatlon e subcampión de España cadete de tríatlon, e en 2013 campión galego júnior de tríatlon e subcampión de España júnior de dúatlon.
Ademais comezou a competir internacionalmente en categorías inferiores e no 2014 proclamouse en Pontevedra campión do mundo de relevos mixtos e subcampión do mundo de dúatlon (por detrás de Jacob Birtwhistle e por diante de Gustav Iden, en ambos casos na categoría júnior, nun ano no que foi ademais subcampión de España e de Europa júnior de tríatlon (só superado no certame europeo polo francés Raphaël Montoya).
Categoría absoluta Tamén en 2014 disputou as súas primeiras competicións internacionais en categoría absoluta e no 2015 quedou segundo nunha proba da Copa de Europa disputada en Melilla, por detrás de Gordon Benson e por diante de Uxío Abuín. En 2016 quedou de novo segundo noutra proba da Copa de Europa, esta vez en Madrid, onde foi superado só polo noruegués Kristian Blummenfelt, futuro campión olímpico, e onde logrou quedar por diante de nomes como Uxío Abuín, Gustav Iden ou Iván Raña. Ademais foi campión de Galicia de campo a través sub-23 en 2015, 2016 e 2017.
No ano 2017 conseguiu subir ao podio por primeira vez nunha proba da Copa do Mundo. Foi na cidade chinesa de Weihai, onde rematou terceiro por detŕas de Abuín e Rodrigo González. Ao ano seginte disputou os Xogos Mediterráneos en Tarragona, onde conseguiu a medalla de prata, sendo o ouro para o portugués João José Pereira. Ese mesmo ano proclamouse campión galego de tríatlon de velocidade e volveu subir ao podio na Copa do Mundo en Weihai, onde quedou segundo por detrás de Gustav Iden e por diante do futuro campión olímpico e do mundo Alex Yee. En 2019 proclamouse campión de Galicia absoluto de campo a través, despois dunha dura loita con Manuel Hurtado.
No 2020 proclamouse subcampión de España de tríatlon de velocidade, só por detrás de Fernando Alarza, e ao ano seguinte quedou tamén segundo no Campionato Europeo da mesma modalidade en Kitzbühel, onde acabou a seis segundos do campión, o suízo Max Studer. En xuño de 2021 foi elixido pola Federación Española como suplente dos tres triatletas seleccionados para representar a España nos Xogos Olímpicos de Toquio: Javier Gómez Noya, Mario Mola e Fernando Alarza. En setembro participou no Campionato Europeo de Tríatlon en Valencia, conseguindo o terceiro posto, só por detrás de Dorian Coninx e Roberto Sánchez Mantecón.
En París 2024 converteuse no terceiro triatleta galego en participar nuns Xogos Olímpicos, despois de Iván Raña, Xavier Gómez Noya e Pilar Hidalgo. Tralo adiamento da proba masculina de tríatlon pola mala calidade da auga do río Sena, esta disputouse finalmente o 31 de xullo. A mala actuación de Serrat no sector de natación lastrou o resto da súa proba, e aínda que remontou posicións na bicicleta e na carreira a pé, só puido chegar á meta na 32ª posición, a máis de cinco minutos do vencedor, o británico Alex Yee. Seis días despois disputou tamén a proba de remudas mixtas, xunto a Alberto González, Anna Godoy e Míriam Casillas. O equipo rematou noveno despois de dúas penalizacións.
En 2025 conseguiu a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Dúatlon celebrado en Pontevedra.
Palmarés internacional +TríatlonCampionato EuropeoAnoLugarMedallaProba2021 Valencia BronceIndividual
+Tríatlon de velocidadeCampionato EuropeoAnoLugarMedallaProba2021 Kitzbühel PrataIndividualXogos MediterráneosAnoLugarMedallaProba2018 Tarragona PrataIndividual
+DúatlonCampionato MundialAnoLugarMedallaProba2025 Pontevedra BronceIndividual
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do triatleta no sitio web oficial da Unión Internacional de Tríatlon .
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1995 Categoría:Triatletas de Galicia Categoría:Triatletas olímpicos de Galicia Categoría:Triatletas olímpicos de España Categoría:Triatletas nos Xogos Olímpicos de 2024