Álvaro Antonio Gestido Pose, nado en Montevideo o 17 de maio de 1907 e finado en Treinta y Tres o 18 de xaneiro de 1957, foi un futbolista uruguaio, de orixe galega. Xogaba como centrocampista e militou toda a súa carreira no Club Atlético Peñarol da Primeira División do Uruguai. Foi internacional coa selección uruguaia, coa que conquistou o Mundial de 1930 e a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1928.
Era irmán do presidente uruguaio Óscar Diego Gestido.
Traxectoria Naceu en Montevideo en 1907, nunha familia de raíces galegas, e elixiu a carreira militar ao igual que o seu irmán máis vello Óscar Diego, futuro presidente da República. Desenvolveu toda a súa carreira no Peñarol, dende o equipo da cuarta división ata o de Primeira.
No Peñarol formou un famoso medio do campo xunto ao galego Lorenzo Fernández e a Gideón Silva, conquistando en 1928 e 1929 os seus dous primeiros campionatos uruguaios. Gañou tamén o campionato en 1932 e outros catro entre 1935 e 1938, sendo a primeira vez que un equipo lograba catro consecutivos.
Retirouse do fútbol profesional o 28 de decembro de 1941, nun partido amigable ante o River Plate da Arxentina, no que se conmemoraba o 50º aniversario do Peñarol. Con todo, regresou en 1944 para disputar dous partidos, substituíndo ao lesionado Obdulio Varela.
Morreu dun ataque cardíaco o 18 de xaneiro de 1957, meses antes do seu 50 aniversario.
Selección uruguaia Foi internacional coa selección do Uruguai en 25 ocasións, despois de debutar en 1927. Participou nos Xogos Olímpicos de 1928, gañando a medalla de ouro na final contra a Arxentina. Dous anos despois disputou a primeira edición do Mundial de Fútbol celebrada no seu país. Formou medio do campo con Lorenzo Fernández e José Leandro Andrade e xogou todos os partidos, incluída a final contra a Arxentina no Estadio Centenario, onde o seu equipo se proclamou o primeiro campión mundial.
Palmarés Peñarol
Primeira división do Uruguai (7): 1928, 1929, 1932, 1935, 1936, 1937, 1938. Torneo Competencia (2): 1936, 1941. Copa Aldao (1): 1928.
Selección do Uruguai
Copa do Mundo (1): 1930. Xogos Olímpicos (1): 1928.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador no sitio web oficial da AUF .
Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1907 Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Peñarol Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1930 Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas olímpicos polo Uruguai Categoría:Futbolistas olímpicos do Uruguai Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1928 Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial