María del Pilar Alegría Continente, nada en Zaragoza o 1 de novembro de 1977, é unha política española do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), nomeada en xullo de 2021 Ministra de Educación e Formación Profesional de España.
Traxectoria Nada en Zaragoza, é licenciada en Maxisterio, na especialidade de Educación Primaria, pola Universidade de Zaragoza e ten un mestrado en Estudos Avanzados en Educación Social pola Universidade Complutense.
Membro do PSOE, foi coordinadora da Secretaría Federal de Educación e Ciencia, xefa do Gabinete do Departamento de Educación, Cultura e Deportes do Goberno de Aragón, membro do Grupo Zaragoza-Norte e membro da Executiva Federal do PSOE entre 2008 e 2012 como vogal, así como secretaria de Educación na Executiva rexional do PSOE de Aragón.
Entre 2008 e 2015, foi deputada por Zaragoza. O 29 de xullo de 2014 foi nomeada secretaria de organización do PSOE-Aragón.
Nas eleccións autonómicas de 2015, presentouse como número dous do PSOE pola provincia de Zaragoza e foi elixida deputada das Cortes de Aragón. O 6 de xullo de 2015 tomou posesión como conselleira de Innovación, Investigación e Universidade do Goberno de Aragón presidida por Javier Lambán.
Nas primarias de 2017, no PSOE, apoiou a candidatura de Susana Díaz, que saíu derrotada fronte á de Pedro Sánchez.
En setembro de 2018, Alegría converteuse na candidata do PSOE á alcaldía de Zaragoza, despois de obter o 49% dos votos na primeira volta das primarias celebradas o 24 de setembro e a renuncia da súa rival, Carmen Dueso, na segunda volta catro días despois. Nas eleccións municipais de 2019, o PSOE, malia se-la forza máis votada con dez concelleiros e gañar en tódolos distritos da cidade, agás nos 3 feudos do Partido Popular (Centro, Centro Histórico e Universidade), e pese a ter un acordo cos responsables locais de C's, Albert Rivera forzou o acordo co seu partido con PP, e Vox para lle da-la alcaldía ao candidato popular Jorge Azcón.
O 12 de febreiro de 2020, tomou posesión nun novo cargo como delegada do Goberno na comunidade autónoma de Aragón. O seu nomeamento non estivo exento de controversia, xa que a decisión non fora consultada co PSOE aragonés. É a encargada de realizar o relatorio de educación que se ha debater no 40 Congreso do PSOE.
En xullo de 2021, o presidente Sánchez Pérez-Castejón nomeouna ministra de Educación e Formación Profesional para substituír a Isabel Celáa, tomando posesión o 12 de xullo de 2021.
Cargos desempeñados
Vogal da Comisión Executiva Federal do PSOE (2008-2012). Deputada por Zaragoza no Congreso dos Diputados (2008-2015). Secretaria de Organización do PSOE-Aragón (2014-2017). Deputada por Zaragoza nas Cortes de Aragón (2015-2019). Conselleira de Innovación, Investigación e Universidade do Goberno de Aragón (2015-2019). Concelleira do municipio de Zaragoza e líder da oposición (2019-2020). Delegada do goberno de España en Aragón (2020-2021). Ministra de Educación e Formación Profesional (2021-no cargo).
Vida persoal Ten un fillo que estuda no Liceo Francés Molière de Zaragoza.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ficha nas Cortes de Aragón Ficha no Congreso dos Deputados
Categoría:Alumnos da Universidade de Zaragoza Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IX Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (X Lexislatura) Categoría:Nados en Zaragoza Categoría:Concelleiros de España Categoría:Ministros de Educación de España