Santiago Núñez Rodríguez, máis coñecido como Chas, nado en Vigo o 26 de setembro de 1928, é un exfutbolista galego. Destacou especialmente na Cultural Leonesa, coa que marcou 46 goles en 85 partidos, foi máximo goleador da Segunda División e marcou o gol que lle deu ao club o único ascenso á Primeira División da súa historia.
Traxectoria
Comezos Comezou xogando ao fútbol no Atlántida Matamá, e logo pasou polo Domaio FC e o Marín, simultaneando este último co servizo militar. En marzo de 1950 marchou a Madrid para realizar unha proba co Atlético de Madrid para unha posible fichaxe. Con todo, unha fractura nunha perna deixouno sen posibilidades.
Deportivo da Coruña Posteriormente pasou polo Turista, o Santiago e a Ponferradina, e en maio de 1952 fichou polo Deportivo da Coruña, que militaba na Primeira División. Disputou só tres partidos no equipo coruñés. Debutou na vitoria da xornada 3 contra o Zaragoza no Estadio de Torrero (2-1), formando na dianteira xunto a Tino e Corcuera e disputou tamén os dous seguintes dous encontros: a vitoria pola mínima fronte á Real Sociedad en Riazor e o derbi contra o Celta de Vigo en Balaídos (2-0). Trala derrota no derbi foi acusado xunto a Antonio González de se teren vendido ao Celta, e foron apartados do equipo polo adestrador Manuel Casals. Pasou tamén parte do ano lesionado e tivo que ser operado, polo que tampouco puido xogar na parte final da tempada regular, con Fernando Fariña no banco. Xa recuperado, permaneceu no equipo reserva durante a fase de permanencia, sen ter sido aliñado en ningún partido por Helenio Herrera.
Cultural Leonesa Na tempada seguinte foi traspasado á Cultural Leonesa, da Segunda División. No equipo adestrado por Galarraga coincidiu con varios futbolistas galegos como Tomé, Quis, Ricardo e Barbeito, e na súa primeira tempada marcou 23 goles en 30 partidos, proclamándose máximo goleador da categoría, superando en cinco tantos ao segundo clasificado: Jaime Parés, do Zaragoza. Na tempada 1954/55 chegaron varios galegos máis (Barús, Moncho, Ponte, Serapio, Manolín e García) e o equipo logrou un histórico ascenso á máxima categoría. Chas contribuíu con 13 goles, formando na dianteira xunto a Miche e Pueyo, e marcou, tras un pase de Macario, o histórico gol contra o Avilés que lle deu o ascenso ao club.
Xa en Primeira División, perdeu protagonismo no equipo leonés coa chegada dende o Barcelona do famoso dianteiro César. Con todo, disputou 13 partidos de liga e dous de Copa, e marcou tres goles, na que foi a primeira e única tempada da Cultural na máxima categoría, descendendo ao remate da competición. A 1956/57 foi a súa cuarta e derradeira tempada en León, na que anotou 7 goles en 12 partidos. Ademais foi o autor do primeiro gol da historia no Estadio La Puentecilla, batendo ao gardameta do Athletic, Carmelo. Pechou o seu paso polo club leonés cun total de 85 partidos oficiais e 46 goles.
Jaén e Felguera En 1957 fichou polo Real Jaén, da Primeira División, no que non chegou a debutar, saíndo en xaneiro para Asturias, onde asinou co CP La Felguera, da división de prata. Debutou na xornada 17, nunha vitoria por 1-0 contra o Deportivo da Coruña, e acabou a campaña con oito goles, aínda que o equipo perdeu a categoría.
Turista No verán de 1958 regresou á súa cidade natal, fichando polo Turista. Con este equipo rematou segundo no Grupo I da Terceira División, só por detrás do Ourense, e disputou a fase de ascenso a Segunda. Na primeira eliminatoria da promoción, o Turista eliminou ao Salamanca por un resultado global de 7-3, cun gol de Chas, Na rolda final polo ascenso enfrontouse ao Rayo Vallecano, marcando un dos dous goles no empate 2-2 na ida en Barreiro, e marcando tamén na volta, na que o seu equipo acabou goleado (6-1). Xogou no equipo vigués durante catro tempada máis ata 1964.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1928 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Marín CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Club Santiago Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Real Jaén