José Suárez Miramontes, coñecido como Pepiño, nado na Coruña o 15 de decembro de 1924 e finado na mesma cidade o 8 de maio de 2003, foi un futbolista galego.
Era irmán do Balón de Ouro Luis Suárez, e de Agustín Suárez, tamén futbolista.
Traxectoria Tras xogar no Xuvenil, en 1945 fichou xunto a Reboredo polo Deportivo da Coruña, que militaba na Segunda División. Debutou nun derbi amigable contra o Celta de Vigo, mentres que o seu primeiro partido oficial xogouno contra o Xerez. O adestrador Hilario aliñouno só oito veces durante esa tempada, na que o equipo coruñés logrou o ascenso á Primeira División. Continuou no Deportivo dúas tempadas máis, pero ao non contar con minutos actuou á súa vez no Xuvenil, formando no medio do campo con Maristany e Longueira.
En 1948 fichou polo Murcia, da Segunda División, co que disputou só un partido, unha derrota por 8-0 contra o Málaga, antes de regresar en setembro de 1949 ao Xuvenil.
Militou unha tempada no equipo de Rodrigo e en agosto de 1950 asinou contrato co Alcoyano, que militaba na Primeira División. Acompañou na defensa a Cata e Sáenz e foi o futbolista que contou con máis minutos esa tempada no equipo de José Espada, disputando 29 partidos. Con todo, non puido evitar o descenso do club á Segunda División. Xogou dúas tempadas máis no club de Alcoi, e disputou a fase de ascenso de 1952, sen éxito.
No verán de 1953 fichou polo Celta de Vigo, no que a competencia de xogadores como Lolín ou Pepe Villar, impediulle debutar en partido oficial, chegando a xogar só un encontro amigable. Xogou cedido algún partido no Xuvenil e en 1955 fichou de novo por este, despois de deixar o equipo vigués. Xogou no equipo branquiazul ata 1956.
Faleceu o 8 de maio de 2003 no Hospital Juan Canalejo da Coruña, aos 78 anos de idade.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1924 Categoría:Finados en 2003 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Xogadores do Celta de Vigo