Susan Kay "Suzi" Quatro, nada en Detroit o 3 de xuño de 1950, é unha cantautora, baixista e actriz estadounidense-británica, a primeira muller baixista que se converteu nunha estrela de rock coñecida, o que rompeu unha barreira para que as mulleres participasen no rock.

Na década de 1970, Quatro tivo unha cadea de éxitos que tiveron máis éxito en Europa e Australia que no seu país. Porén, tras un papel recorrente como a baixista Leather Tuscadero na popular serie estadounidense Happy Days en 1977 e o seu dúo "Stumblin' In" con Chris Norman, que chegou ao número 4 nos Estados Unidos en 1979, fíxose famosa tamén para o público estadounidense.

Entre 1973 e 1980, Quatro recibiu seis premios Bravo Otto. En 2010, foi votada para ser incluída no Salón da Fama do Rock de Míchigan. Vendeu máis de 50 millóns de discos.

Traxectoria Suzi Quatro naceu e criouse en Grosse Pointe, un dos barrios de Detroit, Míchigan.Jack Lloyd. "Image is Tough for Suzi Quatro." Lexington (KY) Herald, 25 de abril de 1974, p. 20. O seu pai, Arthur Quatro, era de ascendencia italiana, e a súa nai era húngara. O apelido familiar era "Quattrocchi", mais foi acurtado a Quatro. A súa irmá Arlene é a nai da actriz Sherilyn Fenn. A súa irmá Patti uniuse a Fanny, un dos primeiros grupos femininos que tivo atención nacional. Quatro ten un irmán, Michael, tamén músico.

O seu pai fundou un grupo chamado Trio Art Quatro, en que Suzi debutou con oito anos. Cunha gran tradición musical na familia, Suzi estudou piano, aínda que se inclinou polo son do rock and roll. Aprendeu a tocar o baixo de forma autodidacta. Comezou a súa carreira nos grupos Pleasure Seekers e Cradle, xunto ás súas irmás Patti, Nancy e Arlene. En 1971 mudouse ao Reino Unido despois de que a descubrise o produtor musical Mickie Most, que xa era coñecido polo seu traballo co grupo Sweet.

O seu primeiro sinxelo, "Rolling Stone", só triunfou en Portugal, onde chegou a ser número un en vendas. O produtor musical Mickie Most puxo entón en contacto a Quatro co equipo creativo de Nicky Chinn e Mike Chapman, e con eles o seu segundo sinxelo "Can the Can", de 1973, chegou ao número un en Europa e Australia.> A continuación, obtivo tres éxitos máis, "48 Crash", "Daytona Demon" e "Devil Gate Drive", todos con RAK Records. Os seus primeiros dous álbums tamén lograron o éxito en Europa e Australia.

Porén, o éxito non chegaba nos Estados Unidos, a pesar das súas xiras como abreconcertos de Alice Cooper e a partir de 1975 a súa popularidade entrou en declive agás en Australia. Converteuse nesa época en musa e inspiración de Rick Derringer, que deseñou a súa aparencia andróxina como imitación do estilo de Quatro.

En 1978 volveu ao top 10 das listaxes do Reino Unido e de Australia con "If You Can't Give Me Love", sen acadar resonancia nos Estados Unidos; con todo, ao unir esforzos en 1979 con Chris Norman, da banda Smokie, coa canción "Stumblin' In", alcanzou o posto 4 no seu país. En 1985, Quatro colaborou con Bronski Beat e con membros de The Kinks, Eddie & The Hot Rods e Dr. Feelgood nunha versión do clásico de David Bowie Heroes, producida por Mark Cunningham e lanzada en 1986 como sinxelo do programa da BBC Children In Need.

Quatro casou co seu guitarrista Len Tuckey en 1976, tiveron dous fillos (Laura, en 1982, e Richard Leonard, en 1984) e divorciáronse en 1992. Posteriormente, en 1993, casou co promotor de concertos Rainer Haas.

En 2006, Quatro puxo a voz de Rio Rogers no filme Built To Be Wild. En febreiro dese mesmo ano lanzou un disco titulado Back To The Drive, producido por Andy Scott.

Discografía Suzi Quatro (1973)Quatro (1974)Your Mamma Won't Like Me (1975)Aggro-Phobia (1976) If You Knew Suzi... (1978)Suzi ... and Other Four Letter Words (1979)Rock Hard (1980)Main Attraction (1982)Annie Get Your Gun – 1986 London Cast (1986)Oh, Suzi Q. (1990)What Goes Around – Greatest & Latest (1995)Unreleased Emotion (1998)Free the Butterfly (1999)Back to the Drive (2006)In the Spotlight (2011)Quatro, Scott & Powell (2017)No Control (2019)The Devil in Me (2021) Face to Face (2023) Freedom'' (2026)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial Entrevista a Suzi Quatro Sitio de fanes de Suzi Quatro

Categoría:Nados en Detroit Categoría:Nados en 1950 Categoría:Cantantes de Míchigan Categoría:Cantautores Categoría:Baixistas dos Estados Unidos de América Categoría:Estadounidenses de ascendencia húngara Categoría:Estadounidenses de ascendencia italiana