Francisco González Galán, coñecido como Paco González, nado na Coruña o 14 de febreiro de 1897 e finado na mesma cidade o 9 de febreiro de 1976, foi un futbolista, adestrador e artista galego.

Xogaba como interior dereito ou dianteiro centro e xogou nos dous principais equipos coruñeses da súa época, o Real Club Coruña e o Deportivo da Coruña. Fóra de Galicia xogou no Espanyol e foi o primeiro futbolista profesional do Real Madrid.

Foi un dos primeiros adestradores do Deportivo da Coruña, ao que dirixiu entre 1929 e 1930, pasando logo por varios equipos, entre os que destaca o Racing de Santander, co que logrou un cuarto posto na tempada 1935/36 da Primeira división, antes de sufrir problemas mentais que provocaron que fose internado durante anos no sanatorio de Conxo.

Home polifacético, foi tamén pintor, poeta e compositor de numerosas muiñeiras e pasodobres.

Traxectoria

Como futbolista Comezou a súa carreira no modesto Club Celita da Coruña e no Arriola e en 1913 pasou ao Real Club Coruña, co que xogou ata 1918. Foi ademais un dos pioneiros do atletismo na Coruña, xunto a outras figuras como Gonzalo Carré Alvarellos, Virgilio, Francisco Martínez Sevilla, Fito Rodríguez ou Alejandro Rodríguez Blanco.

Destinado en Madrid para realizar o servizo militar, fichou en 1919 polo Real Madrid, onde militou ata 1922. No equipo madrileño coincidiu con xogadores como Santiago Bernabéu ou Monjardín e disputou a Copa do Rei, chegando ás semifinais na edición de 1921/22.

A continuación xogou dúas tempadas no Espanyol, club que lle pagou 3.000 pesetas pola súa fichaxe e outras mil mensuais. Alí compartiu equipo co histórico gardameta Zamora, co que teceu unha grande amizade e que sería anos máis tarde padriño do seu fillo David Ricardo. Durante eses anos e os seguintes xogou tamén numerosos encontros co Deportivo da Coruña, e as súas grandes actuacións valéronlle ser homenaxeado polo club,

En 1924 fichou polo Elche CF, onde exerceu como xogador-adestrador. En xaneiro de 1925, xogando co Deportivo, rompeu unha clavícula nun duro derbi contra o Celta de Vigo no campo de Coia, correspondente á tempada 1924/25 do Campionato de Galicia. Ese mesmo ano regresou ao Real Madrid, por petición expresa de Bernabéu, e contribuíu a que o equipo gañase o Campionato Rexional Centro. Foi o primeiro futbolista profesional do club branco. Na tempada 1926/27 fichou como xogador-adestrador da Real Sociedad Gimnástica de Torrelavega, onde xogou unha tempada antes de colgar as botas, continuando logo dúas tempadas como adestrador.

Como adestrador En agosto de 1929 converteuse no novo técnico do Deportivo da Coruña, funcións que viña realizando ata entón o boxeador Andrés Balsa. O equipo dispoñíase a comezar a segunda tempada da Segunda División e, ao igual que na campaña anterior, a Paco González fíxoselle unha ficha como xogador por se fose necesaria a súa participación nalgún partido, cousa que sucedeu na terceira xornada ante o Valencia, por mor das lesións de Eguía e Ramón González, así como nalgún partido do Campionato de Galicia.

Deixou o Deportivo en 1930 e ao ano seguinte fichou polo Nacional de Madrid, ao que adestrou durante dúas tempadas antes de regresar en 1933 ao Elche. Na tempada 1934/35 adestrou o Zaragoza en Segunda, e alcanzou os cuartos de final da Copa do Presidente da República, mentres que na campaña seguinte debutou en Primeira división, a cargo do Racing de Santander, co que acadou a cuarta praza final, só por detrás de Athletic de Bilbao, Real Madrid e Oviedo.

Guerra civil e posguerra En Santander tivo un enfrontamento con Roberto Álvarez Eguren, ex xogador do Racing e dirixente do PSOE. Este foi nomeado presidente do Tribunal Popular de Santander co estalido da guerra civil e enviou a Paco González á cadea. Alí o adestrador sufriu un episodio de obsesión maníaco persecutoria e tentou suicidarse. Coa entrada das tropas franquistas na cidade foi enviado ao Sanatorio de Conxo, debido ao seu mal estado mental. En xuño de 1940 as autoridades da institución deixárono saír para presenciar un partido entre o Deportivo e o Compostela Sporting, e pouco despois foi nomeado adestrador do equipo santiagués, que contaba entre as súas filas con varios presos políticos aos que tamén se lles deixaba saír só para xogar os encontros.

En 1942 saíu definitivamente do sanatorio e o 3 de xaneiro de 1943 realizóuselle unha homenaxe no Estadio de Riazor, onde se enfrontou o Deportivo da Coruña, con varios veteranos nas súas filas como Pepe Torres, Sarasquete ou Diz, contra unha selección galega reforzada co seu amigo Zamora, retirado dende había anos. En xullo dese mesmo ano asinou contrato coa UD Salamanca, á que adestrou durante unha campaña antes de fichar polo Eldense. En 1946 regresou a Compostela para adestrar o Club Santiago. En xuño de 1947 recibiu unha homenaxe no campo de Santa Isabel, onde se enfrontaron o Santiago e o Club Arenal. Paco González disputou dito encontro nas filas do Santiago, formando dianteira cos veteranos Ramón Polo e Vicente Rey. En agosto deixou o equipo.

Outras actividades Home polifacético, foi ademais pintor, poeta e compositor de muiñeiras e pasodobres como "Tiempos pasados", "Mi brindis", "Risa y llanto de España", "Coruña bonita", "Terra meiga", "Vals azul", "Vinde a bailar" ou "Coitado", esta última dedicada á memoria de Xosé Baldomir. Realizou varias composicións para a coral Follas Novas, entre elas "Como ch'eu quero" con letra de Leandro Carré Alvarellos e harmonizada por Manuel Fernández Amor.

Familia Casou en 1931 con María Suárez Vicent, e tiveron tres fillos. Un deles, David Ricardo, coñecido como Caito ou Kaito, foi tamén futbolista e xogou no Fabril, onde coincidiu con Carlos Torres e Arsenio, e no Arsenal de Ferrol, antes de chegar á Segunda división, categoría na que militou no Salamanca, o Caudal e o Hércules. Posteriormente militou no Xuvenil.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1897 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Elche CF Categoría:Adestradores da Gimnástica de Torrelavega Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores do Racing de Santander Categoría:Adestradores da UD Salamanca Categoría:Adestradores do CD Eldense