Reuters é unha axencia de noticias con sede no Reino Unido, coñecida por subministrar información a medios de comunicación e mercados financeiros. Está presente en máis de 201 cidades de 94 países e achega información en máis de vinte linguas. Reuters é unha das maiores axencias de noticias do mundo.
Aínda que é coñecida polo seu labor como axencia de noticias, isto só supón o 10 % dos ingresos totais do grupo. A principal actividade de Reuters consiste en proporcionar información aos mercados financeiros, como os valores dos tipos de interese e prezos de accións, ademais de ofrecer investigacións, análise e produtos de mercadeo que permiten aos axentes a compravenda de divisas e accións por computador. Entre os seus competidores están Bloomberg L.P. e Dow Jones Newswires. Desde 2008, fai parte de Thomson Reuters.
Historia miniatura|200px|Paul Julius Reuter, fundador da axencia Reuters miniatura|180px|Sede de Reuters en Londres Paul Julius Reuter traballaba nunha editorial de Berlín e viuse involucrado na distribución de panfeltos radicais das revolucións de 1848. Estas publicacións chamaron moito a atención e en 1850 desenvolveu o prototipo dun servizo de novas en Aquisgrán empregando pombas mensaxeiras e unha liña de telégrafo, cando se deu de conta de que con esta tecnoloxía a difusión de novas era cada vez máis rápida. Nun principio a liña conectaba con Berlín, mais ao pouco tempo Reuter decatouse de que a difusión a Bruxelas, un dos centros financeiros europeos no século XIX, lle proporcionaría máis beneficios.
Un ano despois, Reuter marchou a Londres onde tratou de desenvolver un cable telegráfico submarino que atravesase o canal da Mancha e conectase Dover con Calais. Tras varios intentos fracasados, o "telégrafo submarino" comezou a funcionar a finais de 1851, e o empresario negociou coa Bolsa de Londres o intercambio de información financeira do resto de Europa, algo que tamén fixo na Bolsa de París. En 1865, o seu negocio pasou a ser oficialmente unha sociedade limitada so o nome de Reuter's Telegram Company.
Ao longo dos anos, a compañía gañou reputación, sendo a primeira en Europa que informou do asasinato de Abraham Lincoln, e estableceu unha rede completa de correspondentes por todo o mundo, así como un negocio de compra e venda de información. Reuters mantivo a súa condición de corporación ata 1984, cando pasou a ser unha sociedade anónima que comezou a cotizar na Bolsa de Londres e no índice Nasdaq dos Estados Unidos. Os seus estatutos prohibían que unha persoa puidese posuír máis do 15 % das accións, para evitar que a axencia puidese sucumbir aos intereses dun único propietario.
A partir da década de 1980, a axencia medrou con moita rapidez grazas á elaboración e subministración de información empresarial e financeira, e procurou ampliar o seu campo de información a outros medios como a radio, a televisión e Internet. En 2007, The Thomson Corporation alcanzou un acordo de unión con Reuters para formar Thomson Reuters. Thomson fíxose co 53 % do capital da nova compañía, polo que a restrición do 15 % foi suprimida.
Sedes Historicamente, o cuartel xeral de Reuters sitúase en Londres. Aínda que desde 1939 ata comezos do século XXI a axencia se localizaba nun edificio deseñado por Sir Edwin Lutyens en Fleet Street, trasladouse en 2005 a unha instalación máis grande situada en Canary Wharf, ao leste da capital.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Read, Donald (1992). The Power of News: The History of Reuters 1849–1989. Oxford, Oxford University Press. Mooney, Brian; Simspon, Barry (2003). Breaking News: How the Wheels Came off at Reuters. Capstone.
Silberstein-Loeb, Jonathan (2014). The International Distribution of News: The Associated Press, Press Association, and Reuters, 1848–1947 Ligazóns externas Páxina oficial* Times of Crisis – multimedia interactive charting the year of global change Bearing Witness award-winning multimedia reflecting on war in Iraq – News imagery of the 21st century Thomson Reuters Foundation – philanthropic foundation
Categoría:Axencias de noticias