Jorge Washington Larrañaga Fraga, nado en Paysandú (Uruguai) o 8 de agosto de 1956 e finado en Montevideo o 22 de maio de 2021 foi un político uruguaio pertencente ao Partido Nacional. Ministro do Interior entre 2020 e 2021 no goberno de Luis Lacalle Pou, foi ademais, intendente de Paysandú, senador e candidato a presidente en 2004 e a vicepresidente en 2009 e 2014.

Traxectoria Nado en Paysandú, estudou nesa cidade ata que se desprazou a Montevideo para cursar Dereito na Universidade da República. Logo de licenciarse traballou como avogado. Interesado na política dende 1966, cando o seu pai foi electo deputado, vinculouse na súa mocidade ao wilsonismo, a corrente dirixida por Wilson Ferreira Aldunate, contraposta ao herrerismo, máis conservador e dominante no Partido Nacional.

Elixido intendente de Paysandú en 1990 mantívose no cargo ata o ano 2000. Creou o grupo Nova Forza Nacional que en 1999 se transformou en Alianza Nacional: unha organización interna do Partido Nacional que agrupou aos sectores políticos wilsonistas defensor da descentralización e a economía social de mercado. Senador dende o 2000 conseguiu ser o candidato único á presidencia da República Oriental do Uruguai en 2004, nunhas eleccións moi trascendentes por ter lugar logo dunha profunda crise económica no país. O resultado das eleccións supuxeron un cambio significativo no panorama político: por primeira vez, a forza de esquerda Fronte Ampla liderada por Tabaré Vázquez logrou vencer na primeira volta. Jorge Larrañaga sumou máis do 35% dos votos, quedando en segunda posición e aumentando de forma considerable o apoio a súa formación política (mellor resultado dende 1989).

Aínda que volveu intentar conseguir ser nomeado candidato á Presidencia en 2009 e 2014, nas eleccións primarias acabaría por impoñerse a corrente herrerista. Foi así que se integrou como candidato a vicepresidente nas listas de Luis Alberto Lacalle Herrera en 2009 e do seu fillo, Luis Alberto Lacalle Pou, en 2014.

En 2019, patrocinou unha reforma constitucional chamada "Vivir sen medo" que pretendía atallar a inseguridade cidadá creando entre unha Garda Nacional militarizada e aumentando as penas para determinados delitos impoñendo a cadea perpetua revisable. Malia a ser rexeitada en referendo, a proposta contou cun voto favorable superior ao 46% o que lle permitiu a Larrañaga recuperar protagonismo político e ser nomeado Ministro de Interior por Luis Lacalle Pou en marzo de 2020. As prioridades que se marcou no seu traballo como ministro pasaron por apoiar ás forzas policiais fronte a delincuencia, reforzar a loita contra o narcotráfico e trocos na política carceraria.

Vida persoal Alcumado como "Guapo", Larrañaga gañou sona na opinión pública polo seu falar inzado de refráns e linguaxe popular. Vencellado ao mundo da hípica dende a súa infancia, era un grande afeccionado ás carreiras de cabalos. Casado en dúas ocasións, foi pai de catro fillos. Faleceu con 64 anos por mor dun paro cardiorrespiratorio.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en 1956 Categoría:Alumnos da Universidade da República Categoría:Avogados do Uruguai Categoría:Finados en 2021 Categoría:Nados en Paysandú