Gilroy Roberts, nado o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia e finado o 26 de xaneiro de 1992 en Havertown, Pensilvania, foi un escultor, gravador e deseñador de medallas e moedas, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1948-1964)."Gilroy Roberts". Find a Grave."Gilroy Roberts". USA Coin Book.Smith, P. (2012).

A súa marca de gravador, que estampou nas moedas e medallas da súa creación, é GR.Reiter, E. (1981).

Traxectoria Gilriy Roberts naceu o 11 de marzo de 1905 en Filadelfia, fillo de John Taylor Roberts (1978-1922) e de Blanch Dawson Gilroy (1872-1954). Desde os seus primeiros anos estivo en contacto coa arte, xa que o seu pai era tamén escultor profesional. Isto permitiulle aprender a esculpir xa desde neno. Na súa adolescencia perfeccionou a súa técnica asistindo a clases nocturnas cun escultor chamado Paul Remy, en tanto que cursaba o ensino secundario. miniatura|155x155px|Selo co busto de Stephen Foster (1940), deseñado por Gilroy Roberts. En 1936 produciuse un paso moi salientable cara á súa profesionalización, cando Roberts solicitou o seu ingreso na Casa da Moeda dos Estados Unidos, como gravador e escultor axudante. A súa solicitude foi aceptada, mais por vontade proia abandonou a ceca estadounidense logo dun ano e medio de exercicio, e marchou a ocupar un posto como titular na Oficina de Gravado e Impresión, en Washington, onde se imprimen os billetes e os selos de correo dos EEUU. Nesa institución acadou sona polo deseño de retratos para selos de personaxes como Stephen Foster, Eli Whitney ou Ralph Waldo Emerson.Bowers, Q. D. (2021) .

Entre 1939 e 1943 continuou a súa formación na escola da Galería de Arte Corcoran, na cidade de Washington.

O 1 de maio de 1944 reingresou na Casa da Moeda como axudante principal de gravado, no equipo do daquela gravador xefe, John R. Sinnock. Logo duns anos traballando xuntos, a saúde de Sinnock resentiuse e en 1947 faleceu, cando estaba en proceso de concluír unha moeda de medio dólar co busto de Benjamin Franklin; o anverso estaba concluído, mais non así o reverso, e Roberts tivo que asumir a culminación do deseño e o gravado da tradicional campá da liberdade que o caracteriza.

Logo do falecemento de Sinnock, o daquela presidente dos EEUU, Harry Truman, designou a Gilroy Roberts como sucesor no posto de gravador xefe da US Mint, o 22 de xullo de 1948. Ao longo dos 16 anos que ocupou este posto foi o responsable da cuñaxe de diversas medallas presidenciais, como as de Harry Truman, Dwight Eisenhower, John F. Kennedy e Lyndon Johnson. Nesa época, a US Mint recibiu encargas para o deseño e a cuñaxe de moedas para outros países, labor que o propio Roberts asumiu persoalmente en moitos casos. Entre estes países están Colombia, Dinamarca (para Groenlandia), Cuba, Etiopía, Haití, Liberia, o Líbano, O Salvador e o Uruguai."Gilroy Roberts". Numista.com

miniatura|189x189px|Anverso do 1/2 dólar co busto de Kennedy, deseñado por Gilroy Roberts e cuñado, con diferentes reversos, desde 1964 ata a actualidade."Kennedy Half Dollar". Numista.com

O 1/2 dólar de Kenedy

O asasinato de John F. Kennedy o 22 de novembro de 1963 foi o detonante para a creación dunha moeda na súa memoria, que por decisión da súa viúva foi a de medio dólar. Como base para o deseño da nova moeda escolleuse unha medalla presidencial xa existente, obra do propio Roberts (anverso) e do seu axudante Frank Gasparro (reverso), e ambos encargáronse de facer as modificacións oportunas para o deseño do medio dólar, para o que contaron coas suxestións e coa aprobación de Jackie Kennedy. Esta moeda atribuíulle a Roberts moita notoriedade, xa que se mantén en circulación (con diferentes reversos) desde 1964 ata os nosos días, e está considerada como o seu traballo cumio como gravador da US Mint.

Tan só uns meses despois da posta en circulación desta moeda, Gilroy Roberts xubilouse como gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 8 de outubro de 1964, e o ata entón axudante, Frank Gasparro, sucedeuno no cargo. A partir dese momento, Roberts continuou traballando como medallista independente; pouco despois pasou a presidir a compañía General Numismatics Corporation e tamén tivo vinculación coa ceca privada The Franklin Mint, desde a súa fundación no propio 1964 ata 1972, na que ocupou postos de dirección. Na Franklin Mint deseñou e gravou moedas por encarga de países como Belize, as Illas Virxes Británicas e Panamá.

A súa xubilación completa non se produciu ata 1980, cando tiña 75 anos. No entanto, en 1986 recibiu a encarga da Encyclopaedia Britannica para a elaboración dunha medalla que servise como Premio Britannia; este foi un dos seus derradeiros traballos.

Gilroy Roberts finou o 26 de xaneiro de 1992, un ano despois de doar a súa colección de ferramentas de gravado á American Numismatic Association. Roberts foi soterrado no cemiterio Ivy Hills, de Filadelfia, xunto coa súa esposa, Lilian Sharpless Pancoast (1908-1989), coa que casara o 25 de novembro de 1927.

Recoñecementos (1967): Premio á Arte Numismática, pola excelencia na escultura medallística, da American Numismatic Association."Numismatic Art Award for Excellence in Medallic Sculpture ". American Numismatic Association. (1991): Premio Glenn Smedley Memorial, da American Numismatic Association."Glenn Smedley Memorial Award ". American Numismatic Association.

Outros traballos de Gilroy Roberts

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Bowers, Q. D. (2021). "Remembering Chief Engraver Gilroy Roberts ". Stack's & Bowers. Reiter, E. (1981). "Numismatics: Roberts is best known for Kennedy Half". En The New York Times. 9 de agosto. Smith, P. (2012). "Roberts, Gilroy". En American Numismatic Biographies. Páxina 300.

Outros artigos Gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos

Ligazóns externas Vídeo: "Gilroy Roberts Numismatic Profile". Newman Nunmismatic Portal

Categoría:Nados en 1905 Categoría:Finados en 1992 Categoría:Nados en Filadelfia, Pensilvania Categoría:Gravadores da Casa da Moeda dos Estados Unidos Categoría:Personalidades da filatelia Categoría:Escultores dos Estados Unidos de América Categoría:Escultores do século XX