Rosa García Ascot, nada en Madrid o 8 de abril de 1902 e finada en Torrelaguna o 2 de maio de 2002, foi unha compositora e pianista española, única muller integrante do denominado Grupo dos Oito.
Traxectoria De familia acomodada, filla dun avogado de Toledo e dunha nai natural de Tortosa, pianista afeccionada e amiga do músico Felip Pedrell, que detectou as habilidades precoces da moza Rosita e que a recomendou a Enrique Granados. Á morte deste, Pedrell aconselloulle tomar clases con Manuel de Falla, que a admitiu como discípula.
García Ascot tivo unha grande actividade como solista de concertos e recitais durante o primeiros dez anos da súa carreira. En 1921 acompañou o propio Manuel de Falla na estrea parisiense da versión para piano a catro mans da súa virtuosística Noches en los jardines de España.Aquelas primeiras clases con Falla, dos meus temores, da miña vergoña e o meu pudor de pequena compositora ao descubrir as miñas obriñas ao mestre e do agarimo e a paciencia con que me escoitaba. Estou a velo e véxome tremendo, aínda que todo se converteu xa en serena placidez e calado sorriso. Así o vivo agora, Non hai medo nin tremor e si gozo e pracenteira calma por vivir aqueles días inesquecíbeis e tamén por poder lembralos nestes días de con total frescura e delectación, aínda que cun chisco de nostalxia. Non boto de menos os concertos porque tiña moito, moitísimo medo, e pasaba moi maos momentos e unhas angustias de morte, mais si boto de menos aquela vida encantadora e chea de sucesos gratos e conmovedores. Reunións musicais, reunións con poetas, reunións vivificantes. Era un vivir para encher a alma... (extracto de Nuestros trabajos y nuestros días, citado en El Correo Gallego)En 1933 casou co tamén compositor e musicólogo Jesús Bal y Gay, o que acompañou mentres exercía de lector de español en Cambridge (1935-1938). Ao estalar a Guerra Civil, Bal y Gay emigra a México mentres ela toma clases con Nadia Boulanger en París: a parella reunirase en México uns anos máis tarde.
Alí, xunto con Vera Strawinsky, a parella García Ascot-Bal y Gay funda a galería de arte privada Diana, onde expuxeron artistas como Leonora Carrington, a tamén exiliada española Remedios Varo, e artistas locais como Lucinda Urrusti, Ángela Gurría ou Pedro Friedeberg.
En 1965 regresaron a España, en cuxa vida pública o seu marido se reintegrou parcialmente, mentres que as súas aparicións públicas foron pouco frecuentes e sempre en circunstancias moi especiais. Elaborou xunto a Bal y Gay o libro de memorias Nuestros trabajos y nuestros días (Fundación Banco Exterior de España, 1990). Morreu nunha residencia de anciáns un mes despois de cumprir 100 anos.
Obra Foi a única muller do coñecido Grupo dos Oito, ao que pertenceron Julián Bautista, Ernesto Halffter e o seu irmán Rodolfo, Juan José Mantecón, Fernando Remacha, Salvador Bacarisse e Gustavo Pittaluga. García Ascot estreou e divulgou a produción pianística dos seus compañeiros e a súa propia.
Unha parte considerábel da súa obra, de orientación neoclasicista, permanece inédita. Nos últimos tempos, con todo, está a reporse a música que se salvou da destrución, en parte grazas a tarefas de restauración, como a da súa Suite para orquestra, da que só restaban as particellas instrumentais e reestreouse en 1992. Unha colección de pezas para piano foi editada en 2020 polo musicólogo canario Ignacio Clemente, xa que foran conservadas por María Teresa Heredia, herdeira e amiga da compositora e á vez parente do investigador. Outros títulos notábeis son: Preludios, Petite Suite e Tango, para piano, e unha danza para guitarra, La Española.
Discografía
Obras para piano del Grupo madrileño de los 8. Ainhoa Padrón, piano. Serie El patrimonio musical hispano, 24. Sociedad Española de Musicología, 2010. Inclúe: Petite Suite. Spanish Guitar Music Around 1930. Yiannis Efstathopoulos, guitarra. Inclúe: Española. Piano Tribute to Rosa García Ascot. Ignacio Clemente Estupiñán, piano. Orpheus Classical, 2020.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Rosa García Ascot (Madrid, 1902-2002) pianista, compositora y docente., en Música clásica y mujeres. Rosita García Ascot, en Mujer y guitarra española.
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1902 Categoría:Finados en 2002 Categoría:Compositores de España