Henrique Otero Covelo, máis coñecido coma O Gaiteiro de Fragoso, nado en Santa Cristina de Lavadores, Vigo, o 20 de xuño de 1930 e finado en Vigo o 18 de abril de 2013, foi un gaiteiro e mestre de gaita galega.

Traxectoria Realizou todos os seus estudos no grupo escolar creado por Ramón Nieto Otero no concello de Lavadores. Desde os dez anos estudou solfexo e o emprego de diferentes instrumentos musicais, entre eles a gaita, incorporándose á Banda Municipal de Vigo no ano 1946. No ano seguinte, comezou a tocar tamén como gaiteiro no grupo de danzas da Sección Femenina e no 1949 trasladouse a Madrid onde fixo parte da banda de gaiteiros do ministerio do Exército e do grupo de coros e danzas do Centro Galego de Madrid. Regresou a Galicia no ano 1953.

En 1971 converteuse no primeiro mestre gaita no Conservatorio de Vigo, logrando que o Ministerio de Educación recoñecese o estudo oficial da gaita galega. Publicou, como material para as aulas, o que foi o primeiro método para a aprendizaxe do instrumento: Leccións de Gaita editado pola editorial Galaxia. Abandonou o conservatorio de Vigo no ano 1983, por incompatibilidade co seu posto na banda de música municipal, pasando a impartir aulas no conservatorio de Ponteareas.

Durante a súa carreira compuxo máis de trescentas obras, mestura da tradición e da busca de novas posibilidades para o instrumento, formando parte, desde a década de 1960, do grupo Os Cruceiros, co que gravou cinco discos, catro singles e un L.P. Concedéuselle a medalla Constantino Bellón en homenaxe á súa carreira.

Discografía Henrique Otero. O Gaiteiro do Fragoso (Boa Music, 2001) contén quince das súas composicións orixinais.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2013 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes