Antonio Dorado Fidalgo, nado no Outeiro de Sanguñedo (Sanguñedo, Verea) en 1929 e finado en Ourense o 22 de xaneiro de 2021, foi un mestre, comerciante e político galego independente, alcalde de Verea dende 1979 ata 1987. Foi o primeiro alcalde do período democrático tras a transición democrática.
Traxectoria vital Residiu a meirande parte da súa vida no lugar de Sanguñedo da parroquia homónima. Estudou o bacharelato en Celanova e aprobou o exame en Ourense. Despois dos seus estudos, fixo o servizo militar na Coruña, como sarxento no Exército de Terra de España. Ao rematar o servizo volveu á súa aldea natal onde exerceu de mestre por setecentas pesetas ao mes. Casou con vinte e seis anos na parroquia de Rairiz de Veiga. Posteriormente emigrou só a Venezuela para exercer de mestre nos Salesianos durante tres anos, grazas a isto comezou a enviar diñeiro a Galicia para a súa muller e máis a súa nai. Co aforrado durante este período alugou un posto no mercado de Valencia, reconverténdose en comerciante, actividade a que se dedicou durante catro anos. Volveu a Galicia tras sete anos na emigración, fíxoo polo porto de Vigo onde o esperaba a súa muller Mercedes e o seu fillo máis vello Jose Antonio. Cando chegou á súa terra investiu o gañado en abrir un ultramarinos e máis un bar coa súa muller en Sanguñedo, negocio que foi rexentado por ambos ata a súa xubilación.
Traxectoria política Concelleiro en Verea, en 1979 encabezou a lista independente nas primeiras eleccións democráticas e foi elixido alcalde con maioría de sete concelleiros. En canto colleu o bastón de mando a súa primeira medida foi a loita contra a pobreza no Concello. Empregaba diñeiro do concello para axudar aos máis necesitados e que puideran arranxar os papeis das axudas de beneficencia. A súa obra principal como alcalde foi o asfaltado dos camiños máis transitados, converténdoos en estradas, en tempos en que era a propia veciñanza a que facían o traballo co material facilitado polo Concello. Tamén se abriron moitos camiños de monte. Fomentou a práctica do fútbol, preparando campos nalgunhas aldeas e que, aínda que hoxe caeron no abandono, no pasado eran un lugar de lecer e reunión para a mocidade local. Nas eleccións municipais de 1983 encabezou de novo a candidatura independente e repetiu a alcaldía de Verea, de novo con sete concelleiros.
Foi sucedido en 1987 por Manuel Nieto Rivero do PSdeG-PSOE tras non ser capaz de acadar a maioría absoluta por un concelleiro ao presentarse pola lista da CPG. Os pactos entre as restantes forzas políticas nomearon o seu sucesor, a pesar de que obtivera soamente dous concelleiros. A comezos de 1990 uniuse a Centristas de Galicia de Vitorino Núñez. En 1991 encabezou a coalición desta formación con Coalición Galega e CDS, Converxencia Centrista, sen recupera-la alcaldía dado que o socialista Nieto Rivero logrou a maioría absoluta. A partir de aquí comezaría a súa retirada da política.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Eleccións municipais en Verea
Ligazóns externas Eleccións municipais en Verea 1979 Eleccións municipais en Verea 1983 Eleccións municipais en Verea 1987
Categoría:Alcaldes de Verea Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Alcaldes de Galicia de candidaturas independentes Categoría:Nados en Verea Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 2021