O Xabaril de Calidón foi un xabaril monstruoso que enviara Artemisa contra a cidade de Calidón. Foi morto por unha partida de caza formada por un amplo grupo de heroes do momento na mitoloxía grega. O feito da participación de tantos heroes converteu o episodio nun afamado mito que se viu reflictido en numerosas obras da arte clásica.

O rei de Calidón, Eneo, ofreceu un sacrificio ós deuses olímpicos cos primeiros froitos colleitados en Etolia, nunha anada de abundancia, como adoitaba facer tódolos anos. Pero dunha volta esqueceu incluír a Artemisa entre os deuses homenaxeados e a deusa, sentíndose agraviada, mandoulle un xabaril de gran tamaño e forza que devastaba as terras e acababa co gando e coa xente.

miniatura|500px|A caza do xabaril de Calidón, con Meleagro no centro (relevo dun sarcófago, Museos Capitolinos, Roma)

Para acabar co animal, Eneo chamou a diferentes heroes da Hélade e prometeu a súa pel a aquel que conseguira darlle morte. O chamamento reuniu a numerosos heroes e guerreiros de toda Grecia, entre os que se incluía Meleagro (o fillo de Eneo), Cástor e Pólux, Teseo, Xasón, Ificles, etc. Pseudo-Apolodoro dá a relación completa, incluíndo a súa xenealoxía (I, 8, 2). Tamén Ovidio (Metamorfosis VIII, 300-317) e Hixino (Fábulas 173).

Tamén acudiu Atalanta, filla de Esqueneo, pero Anceo, Cefeo e outros negábanse a que unha muller se integrara na partida de caza. Porén, Meleagro quería deitarse con ela e non aceptou que se retirara, obrigando a todos a aceptar a súa presenza. Eneo festexounos durante nove días e ó décimo comezou a caza.

Cando deron co animal, nun mesto bosque lindeiro coa chaira, rodeárono. Anceo (fillo de Licurgo) e Hileo morreron no primeiro ataque do xabaril; Enésimo (fillo de Hipocoonte), pouco despois. E Euritión (fillo de Áctor) resultou ferido accidentalmente cunha xavelina que lanzara Peleu (fillo de Éaco) Outras fontes din que Euritión resultou morto..

miniatura|300px|esquerda|A caza do xabaril de Calidón (friso romano no Museo Ashmolean, Oxford)

Atalanta conseguiu ferilo en primeiro lugar coas súas frechas no lombo Segundo Ovidio, baixo a orella., seguida por Anfiarao (fillo de Oícles), que o feriu nun ollo, pero foi Meleagro quen conseguiu matalo (a pesar de que Artemisa axudaba ó animal). Sacoulle a pel e deulla a Atalanta, pois xa vira que fora ela quen fixera brotar o primeiro sangue.

Pero esta cesión non foi aceptada polos fillos de Testio, que se negaron a que o premio caese nunha muller habendo homes na partida, polo que lle arrebataron a pel. Aseguraban que, se Meleagro renunciaba ó premio, era a eles a quen lles correspondía, por parentesco Testio tivera varios fillos, entre eles estes que agora protestaban, e tres fillas, entre elas Altea. Altea casou con Eneo e tivo varios fillos, entre eles Meleagro. Os fillos de Testio eran, xa que logo, tíos de Meleagro.. Pero Meleagro, enfurecido, matounos, a Plexipo e Toxeo, e devolveu a pel a Atalanta. Outra tradición di que se emprendeu unha loita entre os cazadores pola posesión da pel do xabaril, na que Meleagro deu morte ós fillos de Testio.

miniatura|400px|Melagro e Atalanta da morte ó xabaril (sobre un debuxo de Giulio Romano de 1773)

En calquera caso, Meleagro morreu, cumpríndose así a vinganza de Artemisa contra Eneo, ben durante a batalla que se desenvolveu contra a cidade de Calidón, ben porque Altea, cando soubo que matara ós seus irmáns, prendeu lume ó tizón que o mantiña con vida.

Pausanias Descrición de Grecia VIII, 47, 2. comenta que el chegou a ver a pel do xabaril, que se conservaba, xa seca e sen pelo, no templo de Atenea en Texea (Arcadia). O motivo principal do frontón do templo era o episodio da caza do xabaril.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981. HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009. OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, Libro VIII, 260-444 [a numeración segue a utilizada neste texto]. PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro I, 8, 1-3 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Categoría:Animais na mitoloxía grega Categoría:Súidos